A Xunta tivo que activar o nivel 1 de emerxencias para mobilizar recursos doutras vilas
Ás 6.40 horas deste domingo a Policía Nacional alertou ao 112 Galicia dun incendio nunha nave industrial do polígono do Ceao, na Avenida da Industria, que catro horas más tarde, xa estendido a naves lindeiras, levou á Xunta a activar o nivel 1 de emerxencias para mobilizar recursos doutras vilas. O lume obrigou a baleirar unha gasolineira próxima e contra as 12.30 horas deuse por controlado.
Segundo a sucesión de feitos que relata a Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega), “na nave onde se orixinou o incendio, unha fábrica de pinturas, ardeu unha zona de almacenaxe”. O lume afectou posteriormente “a unha parte dunha nave onde se atopan varias máquinas rotativas e a unha nave industrial onde se almacenan pneumáticos”. A propagación do lume levou a que os servizos de emerxencias baleirasen unha gasolineira próxima ao incendio e activasen o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) que supón a mobilización de recursos de ámbito supralocal.
Ata o incendio desprazáronse bombeiros de Lugo e Vilalba e motobombas contra lumes forestais de Monterroso, Becerreá e Chantada
Ata o incendio desprazáronse bombeiros de Lugo e Vilalba así como varias motobombas das bases de loita contra incendios forestais de Monterroso, Becerreá e Chantada e dous camións nodriza da Axega para abastecer de auga. Contra as 12.30 horas Axega informou de que o incendio se daba por controlado, aínda que seguía activo na nave de pneumáticos.