O Tribunal Superior atribúe a “descoordinación entre os diversos servizos intervenientes” a “só 15 quilómetros de Lugo” á Administración galega, que en casos como Angrois ou o incendio de Fandicosta desviou as críticas aos profesionais
A sentenza agora divulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) é deste 23 de xuño, pero os feitos ocorreron en 2012, un ano antes do accidente de Angrois ou catro antes do incendio da nave de Fandicosta en Moaña. Neses sinistros quen criticou á Xunta polas descoordinacións rexistradas nos operativos de emerxencias foi acusado polo Goberno galego de poñer en dúbida aos profesionais deses servizos. Porén, máis alá das actuacións persoais o TSXG salienta agora que “corresponde á Xunta de Galicia a planificación das actuacións e a coordinación” das emerxencias, algo que non fixo correctamente ao tardar 47 minutos en atender un ferido de tráfico a “só 15 quilómetros de Lugo”, nunha parroquia do oeste do propio termo municipal da capital.
A sentenza agora emitida polo TSXG condena á Xunta a indemnizar a unha persoa que sufriu dano cerebral con graves secuelas pola lentitude na súa atención médica tras sufrir en 2012 un accidente de tráfico. Foi en presenza da súa familia, que ás 14:38 horas, segundo certifica o rexistro de conversas da central de emerxencias, realizou a primeira chamada alertando do sinistro. Nela, di o tribunal “identifícase perfectamente por quen avisa telefonicamente o lugar do accidente” e “mesmo advirte que han de atender ben porque xa noutras ocasións anteriores houbo confusións con dito lugar”. Esa primeira chamada xa sinala que o accidentado, tirado no chan, “non se move”, e catro minutos despois unha segunda chamada informa de que está inconsciente.
A sentenza do TSXG comeza o relato da descoordinación dos servizos de emerxencias sinalando que “entre as 14:40 e as 14:44, despois de que resulta negativa unha primeira xestión para o envío dunha ambulancia (Salutrans di que non dispón de ningunha), contáctase cun médico de Palas, pero teñen que anular esta xestión porque á operadora lle comentan que tardarían unha media hora e non saben exactamente onde se atopa o punto do accidente, malia as indicacións que se lle fan”.
O tribunal di que “existe certa confusión e descoordinación” porque “non queda claro” a que helicóptero de emerxencias se lle encarga o servizo
Ás 14:44:21, continúa a sentenza, “conséguese que saia en taxi cara o lugar do accidente un médico do PAC de Lugo”, e ás 14:45 “actívase unha ambulancia do 112, se lle indica o lugar do accidente e se lle di que saia nese momento”. Porén, “a partir das 14:45 existe certa confusión e descoordinación, porque quen teñen que desprazarse non entenden ben a ubicación do lugar do sinistro e por outra parte non queda claro a quen se lle encarga o servizo (primeiro dise que é un H3 e despois un H4)”, nomenclatura de dous helicópteros distintos dos servizos de emerxencias galegos.
A sentenza continúa relatando que “tanto ás 15:05 como ás 15:12 volven chamar desde o lugar do suceso alertando de que non chegou nin ninguén, e incluso o alertante dálle indicación ao taxista que leva ao médico de como chegar ao lugar”.
O TSXG constata "a descoordinación e desorientación dos servizos de emerxencias" que provocan unha demora que "contravén os estándares de seguridade esixibles"
Finalmente ás 15:23 horas, “infórmase da chegada do helicóptero do 112” e ás 15:25 horas “chega o médico e inicia as labores de estabilización do ferido”. Este é finalmente trasladado en helicóptero ás 15:49 horas e chega ao hospital de Lugo ás 16:07 horas, unha viaxe de volta da aeronave na que emprega apenas 18 minutos, fronte aos preto de 40 que tardara en chegar ao lugar do sinistro tras a súa suposta activación.
O TSXG conclúe que “pese a que o traxecto desde o lugar do sinistro ata Lugo é de pouco máis de quince quilómetros, a primeira asistencia médica, para a estabilización do ferido, tivo lugar ás 15:25 horas, é dicir, 47 minutos despois da primeira chamada”, o que para o tribunal constata “a descoordinación e desorientación dos servizos de emerxencias”. Unha demora que para o tribunal “contravén os estándares de seguridade esixibles” e que o TSXG considera decisiva para as secuelas producidas polo tipo de lesión do accidentado.
O TSXG atribúe directamente a tardanza na asistencia médica “á descoordinación que se detecta entre os diversos servizos intervenientes”, ao que engade a continuación que “debe recordarse que corresponde á Xunta de Galicia a planificación das actuacións e a coordinación entre as distintas Administracións Públicas implicadas, ocupándose, a través do servizo de emerxencias 112, da función e a responsabilidade na localización da vítima do accidente”, ao que engade “a falta de atención dos membros da ambulancia ás indicacións que lles facía o alertante”.
Angrois e Fandicosta
Tras esa actuación de 2012 agora condenada polo TSXG, os servizos de emerxencias galegos volveron amosar descoordinación en diversas ocasións posteriores. Un ano máis tarde, no accidente de Angrois, a catro quilómetros da praza do Obradoiro e na véspera do día grande de Santiago, cun dispositivo especial xa activo na cidade de sanitarios, bombeiros ou policías, a coordinación por parte da Xunta presentou diversas eivas, como evidenciou o listado de chamadas e de actuacións dos servizos de emerxencias do 112 daquela noite, desvelados no seu momento por El País.
No accidente de Angrois a Xunta tardou máis de dúas horas en decretar o nivel de alerta 2, que facilita a chegada de recursos doutras provincias
A Xunta tardou máis de dúas horas en decretar o nivel de alerta 2, que facilita a chegada ao lugar do sinistro de recursos doutras provincias. O propio camión de comunicacións do 112 que debera facilitar a coordinación in situ nunha crise de tal envergadura tardou unha hora e 46 minutos. E un dos dous helicópteros sanitarios do 061 informou aos 20 minutos do sinistro que non podía despegar “por unha avaría”, ao tempo que ese mesmo servizo de emerxencias sanitarias non era quen de dirixir cara ao lugar as ambulancias dispoñibles en Santiago. Entrada a madrugada, diversos servizos de emerxencias desprazados desde lonxe de Santiago aínda permanecían na zona mentres outros con bases máis próximas xa retornara a elas.
Profesionais con experiencia de diversos corpos de emerxencias criticaron esas e outras varias eivas de coordinación atribuíbles á Xunta detectadas naquelas actuacións, que foron paliadas pola entrega dos propios profesionais e a axuda de voluntarios. Porén, cando diversos cargos do Goberno galego compareceron no Parlamento de Galicia para responder ás diversas preguntas que ao respecto formulou a oposición, a súa reacción foi a de evitar a autocrítica sobre a súa propia coordinación e acusar ao resto de partidos e os sindicatos de tentar manchar a imaxe dos profesionais das emerxencias. O propio Feijóo non chegou a dar explicacións no Congreso dos Deputados.
No incendio de Fandicosta a central de emerxencias deu instrucións aos bombeiros durante dúas horas sen coñecer a gravidade do lume
Similar estratexia de defenderse atacando empregou a Xunta cando en 2016 tamén lle chegaron críticas pola descoordinación dos servizos de emerxencias no incendio da nave da empresa Fandicosta en Moaña. A transcrición das conversas das chamadas entrantes ou saíntes do centro de emerxencias da Xunta, á que no seu momento tivo acceso Praza.gal, revelou que a central deu instrucións aos bombeiros durante dúas horas sen coñecer a gravidade do lume. As conversas deixan claro que cando os bombeiros dos distintos parques que estaban a actuar falaban entre si tiñan clara a envergadura do incendio, mentres que cando era o 112 o que intermediaba ninguén parecía ter clara nin a situación nin quen debía facer que.
Nas conversas hai, entre outras, a queixa dun Garda Civil de Tráfico porque “os bombeiros do Porriño toman decisións en seguridade vial, bueno o que faltaba xa [...] Esto é un caos”, dicía, ou unha mala interpretación do 112 que cando os bombeiros pedían “cubas de auga” entendía “cubos”.
Fronte á resposta da Xunta en todas as ocasións de acusar a quen a criticaba a ela de atacar aos profesionais dos servizos de emerxencias, o propio persoal alertou en varias ocasións nos últimos anos dos problemas de coordinación, que acaban causando atrasos na atención das emerxencias.