0 Gardados para despois

Os sindicatos analizan se se cumpriron os protocolos sanitarios

Redacción | @prazapublica

Nos últimos días comezan a estenderse polas redes sociais e polos medios ruxeruxes e novas sobre a posibilidade de que na noite do 24 se cometeran erros de coordinación e fallos no protocolo de emerxencia na atención ás vítimas do accidente de Angrois. Estas denuncias refírense sobre todo ao atraso na declaración da alerta 2 (que leva á mobilización de efectivos de todas as provincias galegas) e á chegada do camión de comunicacións dende onde se dirixe o dispositivo (tardou unha hora e 46 minutos). E tamén se centran na non utilización do Hospital de Conxo, o máis próximo ao lugar do accidente. 

Mª Xosé Abuin (CIG-Saúde) sinalaba que o sindicato segue recollendo esa información de primeira man e que agardarán a este martes para fixar a súa posición

O venres pola mañá Praza Pública púxose en contacto cos sindicatos que representan o persoal sanitario, que pediron prudencia e adiaron até esta semana a avaliación do sucedido, por respecto ás vítimas e co obxectivo de recoller toda a información necesaria entre os e as traballadoras que participaron no dispositivo e entre os responsables que adoptaron as decisións. A cuestión é se se seguiron os protocolos de actuación en emerxencias que se recollen no Plan de Emerxencias do 061. Este luns, Mª Xosé Abuin (CIG-Saúde) sinalaba que o sindicato segue recollendo esa información de primeira man e que agardarán a este martes para fixar a súa posición.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública manifestou que considera "inaceptable" que, habendo persoal sanitario cualificado convocado no Hospital de Conxo "esperando para recibir e atender as vítimas", o centro non abrise as unidades pechadas. E critica que se derivasen doentes a centros privados como La Rosaleda en Santiago ou ao Hospital Dominguez de Pontevedra. Conclúe que "isto mostra unha vez máis os resultados da política de pechar camas, unidades e quirófanos nos centros públicos e de apoio ao sector privado, que se mantén incluso nunha situación tan dramática".

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública critica que se derivasen doentes a centros privados como La Rosaleda en Santiago ou ao Hospital Dominguez de Pontevedra

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou o domingo que o operativo de emerxencias se despregou de forma “inmediata”. E este mesmo luns a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, defendeu que se seguiron todos os protocolos existentes en canto ao traslado de pacientes a outros centros e tamén no que respecta ao Hospital de Conxo, ao que non se enviaron feridos por non contar con servizo de urxencias e que, segundo Mosquera, se reservou para a realización das autopsias.

Fontes da consellaría sinalan que os feridos foron trasladados a outros centros para non colapsar o centro de referencia do operativo, o Hospital Clínico

Fontes da consellaría sinalan que os feridos foron trasladados a outros centros para non colapsar o centro de referencia do operativo, o Hospital Clínico de Compostela, e seguindo o plan de emerxencia, que indica que "cantos máis hospitais participen na recepción, menos caótica será a asistencia". Tamén se indica que moitos feridos graves foron trasladados a centros hospitalarios de Vigo ou A Coruña por contaren con unidades de queimados, seguindo a directriz de "centro útil", "pode non ser o hospital máis próximo, pero é aquel no que pode tratarse un problema concreto".

 

Aínda 22 feridos en estado crítico

A día de hoxe, un total de 69 pacientes permanecen ingresados nos hospitais galegos (22 críticos e deles dous pediátricos). Do total de pacientes, 36 están no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, dos que 19 son críticos e, destes últimos, dous son pediátricos. Ademais, 18 pacientes están no Policlínico La Rosaleda; tamén de Santiago; 8 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, entre eles 1 crítico; 3 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; 2 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; e 2 no Hospital Domínguez (os dous son críticos).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.