"O 112 dixo que os bombeiros de Vigo non facíamos falla en Fandicosta cando o incendio estaba colapsado"

Bombeiros a traballar na extinción do incendio de Fandicosta © Vigoé - Cedida

A sombra da descoordinación volve pairar sobre unha emerxencia en Galicia. Miguel Ucles é bombeiro en Vigo e ademais, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, e fala abertamente de "caos" organizativo na asistencia ao incendio que este luns arrasou máis da metade da factoría da empresa Fandicosta, en Moaña. A Axencia Galega de Emerxencia (Axega) negouse inicialmente a través do 112, segundo denuncia Ucles no nome do seus compañeiros, a que os bombeiros vigueses actuasen no sinistro malia atoparse o seu parque "a nove minutos" da nave incendiada. "Durante unha hora -afirma- estiveron só tres persoas traballando" mentres medraba o risco de que as lapas chegasen aos depósitos de amoníaco. Ao seu xuízo, a "fragmentación" do servizo de emerxencias e a convivencia de parques comarcais de xestión privada con outros públicos, como o de Vigo, está por tras destas disfuncións.

Cando se ofreceron os bombeiros de Vigo a actuar?

"Saímos coa autorización do oficial e do Concello de Vigo; o 112 díxonos: 'Como se vos ocorre saír?" 

Nós recibimos unha chamada dos traballadores da empresa [ás seis da tarde] e, como dita o protocolo, remitímola ao 112. Non sabiamos a envergadura do incendio. Esperamos uns minutos para que o 112 se puxese en contacto con nós, pero non nos chamou. Chamamos aos 10 minutos preguntando se nos activaban. Pero dixeron reiteradamente que non facíamos falla. Ata que decidimos saír coa autorización do oficial e do concelleiro de Seguridade de Vigo. E informamos ao 112, cumprimos o protocolo; dixéronnos, literalmente: “Como se vos ocorreu saír?”. O 112 ten gravadas as nosas chamadas, que as colgue e demostre que mentimos. Aquí hai responsabilidades que hai que ser honestos, poñer a verdade sobre a mesa. Non empezar a xerar informacións contraditorias cando hai probas evidentes.

Cal foi a causa da negativa á intervención dos bombeiros de Vigo?
Que estaban activados os parques correspondentes: Ribadumia, Porriño e O Morrazo. Pero nós viamos as dimensión do incendio e sabiamos que non se podía atacar así, que se precisaba moita máis xente. A valoración técnica dos profesionais é fundamental e nós tentamos cumprir co protocolo. Pero é que ese protocolo non funciona.

Que situación atoparon os bombeiros do parque de Vigo cando chegaron ao incendio? Temían explosións por mor do amoníaco e outros produtos da fábrica?
Nós tiñamos aviso dos traballadores de que había depósitos de amoníaco, de que había moito risco e era fundamental que fósemos, porque non tiñan auga. Cando chegaron os compañeiros atopáronse con vehículos que xa non tiñan auga e estaban sen capacidade e o problema non era dos profesionais. Nós, que normalmente iríamos seis nun camión, enviamos catro, por mandar algo mínimo. E eles [os bombeiros dos parques privados] estaban catro con catro camións. Estaban completamente colapsados e o incendio xa afectaba ao 20 ou 30% da nave, cunha carga térmica brutal. Chegaron alí, atopáronse cunha situación de guerra, fixeron o que puideron e volveron chamar. Pero seguíronlles dicindo que non eran necesarios ata as nove da noite, cando nos dixeron: "Mandade todo o que poidades".

"Seguiron dicindo que non eramos necesarios ata as nove da noite, cando dixeron: 'Mandade todo o que poidades"

Cando activaron o plan autonómico de emerxencias foi ás 20:45 [o primeiro aviso do incendio fora ás 17:50]. E o plan de verquidos da ría, por que non se mantén, aínda que é fundamental para valorar o que pasou? Estáse tapando un sinistro que segue aberto. Non vexo que haxa ninguén investigando o incendio, como avanzou, e é fundamental para facelo mellor a próxima vez. Pero estes responsables políticos o que queren é dicir que aquí non pasou nada. Non pasdou nada con 100 traballadores que se enfrontan a un ERE, con 18 millóns en perdas e verquidos de amoníaco nunha xoia da natureza, como é a ría de Vigo.

É a primeira vez que sucede ou hai precedentes de episodios coma este?

"Isto sucedeu moitas máis veces; en Angrois e tamén en pequenos sinistros"

Sucedeu moitas máis veces. Sucedeu en Angrois e tamén en pequenos sinistros, onde hai xente que padeceu media hora dentro dun accidente e que se lle tivo que amputar un brazo. Ou por exemplo, hai nada, nun incendio que houbo en Teo, ao sur de Santiago, o parque que lle correspondía era o de Ordes, ao norte. O mando que recibiu a chamada dixo que se trataba dun incendio en planta baixa, con persoas illadas nos andares superiores. Pero dixéronlle que os de Santiago non ían, e alí perdeuse moitísimo tempo. Non é un problema dos profesionais, senón dos tempos de resposta: hai que activar os medios por prioridades e ter coordinación. O que non se pode facer é seguir desmembrando o sistema de emerxencias de Galiza, con moitas figuras que non dan garantías.

Por que falan de modelo fragmentado? Afecta que convivan no sistema parques públicos e parques privados?
Eu tamén represento a colectivo de todo o Estado e alucinan co que pasa en Galiza, que haxa máis bombeiros dependentes de xestión privada que públicos. Non estamos en igualdade nin podemos traballar coas mesmas garantías nun traballo que é para os cidadáns, coa garantía da Administración e non a través dunha xestora que ten como interese gañar diñeiro e despois pasa o que pasa. Quen estamos cunha garantía da función pública loitamos por facer as cousas ben e quen non, nin sequera poden falar, porque os despiden. 

Estas disfuncións poderían mudar pasando os parques privados ao modelo público, como propoñen agora tres das catro deputacións galegas?

"Despois de estar en Fandicosta os bombeiros do Porriño tiveron que saír a un accidente de tráfico: mollados, suados e cansos"

Por suposto. Porque imos partir de estruturas un plan de emercencias dende a igualdade dos profesionais. Iso é fundamental. Eu gabo o traballo da Deputación da Coruña, que sei que se está esforzando e convido ao resto de deputacións a que o tenten. Teñen a oporutnidade e non poden escusarse nos prazos das concesións: Que investiguen como están dando o servizo e vanse dar conta. No caso desta intervención, por exemplo, os tres parques que interviñeron [Ribadumia, Porriño e O Morrazo] ata as cinco da mañá non tiveron ningún bombeiro dentro do parque para cubrir a zona de traballo. E o do Porriño tivo que saír a un accidente de tráfico despois de estar traballando arreo en Fandicosta, mollados, suados, e cansos. A sorte foi que o servizo sanitario conseguiu sacar a vítima.

Miguel Ucles, na zona do incendio © Vigoé - Cedida

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.