Segundo os datos da Aemet, decembro foi "cálido", xaneiro foi "extremadamente cálido" e, de feito, foi "o máis cálido desde 1961" e, igualmente, febreiro foi "moi cálido"
A Delegación en Galicia da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) presentou este mércores na Coruña o resumo climático do inverno 2023-24, nun informe que concluíu que a estación que está a piques de rematar (na análise, os meses de decembro, xaneiro e febreiro) foi a máis cálida dende que existen rexistros, é dicir, dende 1961. O inverno foi "extremadamente cálido", cunha anomalía de case dous graos en relación á media do período 1991-2020.
Segundo os datos da Aemet, decembro foi "cálido", xaneiro foi "extremadamente cálido" e, de feito, foi "o máis cálido desde 1961" e, igualmente, febreiro foi "moi cálido". Este inverno súmase, ademais, a unha serie de invernos anormalmente cálidos que comezou en 2015 e que só tivo a excepción de de 2017.
Este inverno foi húmido en Galicia, cun 14 % máis de precipitación do normal. O nivel de chuvias en decembro e xaneiro foi "normal", mentres que febreiro foi moi chuvioso, cun 67% máis de precipitación do normal, e 45 días de chuvia, cando o habitual son 40 días
Os datos dos últimos tres meses únense, así mesmo, aos indicadores do conxunto do ano 2023, no que a temperatura media en Galicia foi 1,3 graos superior aos valores esperados, o que supuxo a cifra máis elevada desde 1961.
En canto ás precipitacións, este inverno foi húmido en Galicia, cun 14 % máis de precipitación do normal. O nivel de chuvias en decembro e xaneiro foi "normal", mentres que febreiro foi moi chuvioso, cun 67% máis de precipitación do normal, e 45 días de chuvia, cando o habitual son 40 días. As chuvias foron especialmente intensas no centro e sur da provincia da Coruña, na Terra Cha e no interior da provincia de Pontevedra.
Espérase que esta primavera tanto as temperaturas coma as precipitacións estean por riba do normal en Galicia
Aemet fixo pública, ademais, a súa predicción estacional para a primavera que está a piques de comezar, salientando que se espera que tanto as temperaturas coma as precipitacións estean por riba do normal en Galicia. En realidade, as temperaturas superarán os valores normais en toda a Península Ibérica, especialmente no litoral mediterráneo. As precipitacións serán abudantes en Galicia, oeste de Castela e León, Estremadura e Andalucía e normais no resto do Estado.