Os 25,3ºC rexistrados a carón da Torre de Hércules superan lixeiramente os 25ºC rexistrados no mesmo día de 2003
Este xoves día 7 a cidade da Coruña acadou a súa temperatura máis alta nun mes de novembro desde que hai rexistros, con 25,3ºC na estación de MeteoGalicia a carón da Torre de Hécules. A anterior cifra máis elevada desde que en 1930 comezaron a recollerse datos de xeito continuo e homoxéneo foi de 25ºC exactos o 7 de novembro de 2003, segundo os datos históricos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
En todo caso, a temperatura máis alta rexistrada este xoves en toda Galicia foi recollida na estación de Campolongo, en Pontevedra, con 26,8ºC ás 15.20 horas. Alí a temperatura máis alta foi rexistrada o 2 de novembro de 1970, con 27ºC.
Para este venres MeteoGalicia xa informa dunha baixada xeneralizada das temperaturas máximas en toda Galicia. Nesa xornada tamén chegarán chuvascos a múltiples puntos do territorio.