A temperatura en Galicia estivo 1,8 graos por riba da media e só choveu un 32% do normal aínda que as precipitacións "superaron valores normais" no norte da Coruña e na Mariña, avanza AEMET
Son datos provisionais e pendentes de seren ampliados nas vindeiras semanas, pero apuntan unha clara tendencia. Agosto foi moi cálido en Galicia e, en termos medios, con temperaturas máis altas do normal. Nomeadamente, o terceiro máis cálido dende que hai rexistros comparables.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) divulgou este 2 de setembro un avance dos seus datos climatolóxicos correspondentes ao pasado mes. No caso galego, advirten de que foi un mes "moi cálido" porque a "anomalía" das temperaturas estivo 1,8 graos por riba da media dos rexistros de entre 1991 e 2020.
Pero a AEMET achega un dato máis. "Este agosto foi o terceiro máis cálido dende 1961". Só houbo outros dous con máis calor: os de 2022 e os de 2003. Os mapas divulgados canda a estes avances reflicten anomalías térmicas superiores aos 2 graos en amplas contornas do interior e mesmo de máis de medio grao en áreas do norte que adoitan non rexistrar tanta calor.
Agosto foi moi cálido e tamén moi seco, pero con notables diferenzas territoriais. A precipitación acumulada foi, na media do país, de 32 litros por metro cadrado. "Un 32% da media do mes de agosto", escasísimo que se explicar, por exemplo, porque en "amplas zonas de Ourense apenas choveu".
A ausencia de precipitacións en diversos concellos ourensáns, agrega tamén AEMET, contrasta co sucedido "no extremo norte da Coruña" e tamén na Mariña. Nestas comarcas "as precipitacións superaron os valores normais". O informe climatolóxico completo da Axencia Estatal e mais os datos de MeteoGalicia permitirán nas vindeiras semanas coñecer máis polo miúdo estes datos.