Investigadores da Universidade de Santiago e da Universidade de Toulouse analizarán en Ourense a partir deste luns modos de adaptación dos territorios e das formas de vida ao aumento das temperaturas derivadas da mudanza climática
Hai xa unhas décadas Radio Futura cantaban aquilo de "Arde la calle al sol de poniente/ Hay tribus ocultas cerca del río/ Esperando que caiga la noche/ Hace falta valor, hace falta valor/ Ven a la escuela de calor". E nunha Escola de Calor investigadores da Universidade de Santiago e da Universidade francesa de Toulouse analizarán a partir deste luns en Ourense modos de adaptación dos territorios e das formas de vida ao aumento das temperaturas derivadas da mudanza climática, buscando incrementar "de xeito colectivo" a nosa capacidade de acción "ante o cambio climático, á vez moi presente no discurso público pero ausente nas políticas públicas".
A autodenominada Escola de Calor ‘Refuxios climáticos en Ourense?’ terá lugar entre este luns e o xoves 6 na Biblioteca Publica NÓS da cidade das Burgas que, ademais, se converterá nun caso de estudo para diagnosticar o confort térmico do edificio a través dun protocolo participativo de medición. Ademais, o equipo organizador -dirixido por Brais Estévez, do Departamento de Xeografía da USC, e Julia Hidalgo, da Universidade de Toulouse- abrirá a súa investigación ao conxunto da cidadanía con mecanismos de ciencia cidadá mediante un programa público e aberto de actividades orientadas "á imaxinación colectiva dunha cidade en proceso de adaptación á calor".
O equipo organizador abrirá a investigación ao conxunto da cidadanía mediante un programa público e aberto de actividades orientadas "á imaxinación colectiva dunha cidade en proceso de adaptación á calor"
De que xeito unha cidade como Ourense debe adaptarse ao aumento das temperaturas máximas e ás máis prolongadas e intensas vagas de calor? Cómpre ter en conta que a urbe ourensá supera no verán os 40 graos de temperatura (en 2022 chegou aos 44 graos e o pasado ano a 42,5), con sensacións termicas aínda máis elevadas, e as xornadas estivais ao redor desa cifra son cada vez máis habituais. Ademais, a calor excesiva comeza a ser tamén cada vez máis frecuente na primavera e no outono. A tendencia é que estes fenómenos sexan cada vez máis extremos e, como destacaba nesta entrevista o profesor de Xeografía Física da USC Alberto Martí, "De manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla".
Unha das referencias é a rede de refuxios climáticos que se estableceu nos últimos cinco anos en Barcelona e que adaptou unha serie de equipamentos públicos, como bibliotecas, museos, escolas, centros deportivos a uns novos espazos.
A calor “trae consigo retos inéditos para o deseño urbano, relativos á formulación de novos modos de habitabilidade”
O aumento das temperaturas ten efectos moi diversos, tanto no ecosistema como na saúde, cun aumento por exemplo da intensidade dos incendios forestais e, tamén, das mortes producidas pola calor. Ante este novo contexto, os seres humanos deben adoptar estratexias para mitigar os seus efectos, especialmente nas cidades, que moitas veces se converten en illas de calor, con temperaturas máis elevadas que as súas contornas rurais e menos espazos (zonas verdes, árbores...) que poidan servir para reducir a temperatura que sufrimos.
A calor “trae consigo retos inéditos para o deseño urbano, relativos á formulación de novos modos de habitabilidade”, destacan os organizadores destas xornadas, que buscan “crear desde as ciencias sociais e humanas contextos de complicidade pública e cidadá que permitan soster as evidencias científicas de maneira colectiva”, subliñando que “as actuacións de adaptación necesarias para preparar as nosas cidades a un escenario de altas temperaturas non poden levarse a cabo só desde unha perspectiva técnica".
Chaman a "imaxinar políticas de recomposición urbana a partir da intrusión da calor como un factor de vulnerabilidade na vida da cidade"
"O cambio climático parece que é algo que nos sobrepasa, algo que sempre sucede a través de fenómenos que teñen lugar noutro sitio. E nomeadamente en Galicia parece que a calor non é un tema a ter en conta, algo que nos ten que preocupar, aínda que en Ourense si que o sexa", explica Brais Estévez, que apunta que "queremos reflexionar sobre que sucede cando nos consideramos liberados de certas ameazas que a ciencia si defende que nos van afectar nun futuro moi próximo e que nos poden atopar completamente faltos de preparación".
"Como pode ser a vida boa no mundo que ameaza con derreterse de calor?", pregúntanse os organizadores, que chaman a "renovar o modos de convivencia de humanos e non humanos" para evitar a ameaza das catástrofes ecolóxicas. "Cal pode ser o futuro da vida na cidade", preguntan igualmente, facendo unha apelación a "imaxinarmos políticas de recomposición urbana a partir da intrusión da calor como un factor de vulnerabilidade na vida da cidade".
"Hai unha crise de representación que xa non permite que as evidencias científicas sexan evidencias colectivas, dando lugar a monstros coma o negacionismo climático", destaca Brais Estévez, que defende que "temos que mudar o suxeito de enunciación e promover espazos de encontro onde existan indagacións colectivas"
"Ten que haber outra forma de aproximación ao coñecemento", sinala Brais Estévez, que comenta que "estamos nun momento de incertidume radical e aínda que dispoñemos de evidencias científicas moi claras que nos alertan da habitabilidade crítica que imos ter no futuro, non actuamos de acordo con este saber e con estas alertas". "Hai unha crise de representación que xa non permite que as evidencias científicas sexan evidencias colectivas, dando lugar a monstros coma o negacionismo climático", destaca.
O coordinador desta Escola de Calor lanza tamén "unha autocrítica para o campo da academia e da ciencia", pois "ante o discurso de 'non nos fan caso', se cadra temos que mudar o suxeito de enunciación e promover espazos de encontro onde existan indagacións colectivas". "Os desafíos aos que nos imos enfrontar no futuro non teñen que ver tanto co saber coma coas asembleas nas que este saber ten que ser difundido e debatido. Ten que haber espazos de encontro, de convivencia; os científicos temos que falar cos outros, non só falar en nome dos outros", subliña.
Haberá varias mesas redondas sobre cambio climático e espazos cidadás ou saúde e calor extrema así como conversas con entidades ambientalistas e da cultura
O programa desta Escola de Calor comeza o luns ás 16 horas cunha serie de entrevistas con persoas usuarias na entrada da biblioteca, que se repetirán ao logo das xornadas xunto con moitos outros obradoiros e sesións prácticas de interese para a cidadanía. Xa no plano máis teórico, haberá varias mesas redondas sobre cambio climático e espazos cidadás ou saúde e calor extrema así como conversas con entidades ambientalistas e da cultura, coma o Cineclube Padre Feijóo.
Despois dunha presentación a cargo dos coordinadores da iniciativa, o luns pola tarde celebrarase unha primeira mesa redonda na que participarán Rosa M. Díaz Noya, Juan Añel e María José Piñeira, que falarán sobre 'Bibliotecas, espazos cidadáns e cambio climático".
Iago Carro, de Ergosfera, guiará un "paseo climático", que será o anticipo dun obradoiro de Cartografía Colectiva que traballará na selección e deseño de refuxios climáticos na cidade de Ourense
O martes unha segunda mesa redonda afondará nos efectos do cambio climático sobre a saúde, coa participación de Chus Gómez, Cristina Enjamio, Xavier Nóvoa Conde e Miguel Díaz-Cacho Dafonde, nun debate moderado por Rubén Lois.
O mércores Iago Carro, de Ergosfera, guiará un "paseo climático" pola cidade, que será o anticipo, o xoves, dun obradoiro de Cartografía Colectiva dirixido tamén por Carro que traballará na selección e deseño de refuxios climáticos en Ourense.