A silenciosa caída definitiva do todopoderoso empresario que augurou a "fin de Galicia" se Feijóo non gobernaba

Fernández de Sousa, con Feijóo en 2010 antes da cerimonia na que foi distinguido como un dos 'Gallegos del Año' polo grupo Correo Gallego CC-BY-SA Xunta

"Podría ser el fin de Galicia". É domingo, 22 de febreiro de 2009. Falta unha semana para as eleccións galegas e as últimas enquisas legalmente publicables apuntan a un escenario moi axustado, pero a práctica totalidade amosan que é posible a reedición do Goberno de coalición entre PSdeG e BNG, que poderían volver sumar maioría absoluta fronte ao PP, no que Alberto Núñez Feijóo se estrea como candidato á presidencia.

Nese domingo, día da semana aínda considerado como de maior difusión dos xornais impresos e a sete días da cita coas urnas, o presidente de Pescanova publica un inusual artigo de opinión en La Voz de Galicia. Inusual, entre outros aspectos, porque avogaba abertamente por un cambio de Goberno en Galicia, isto é, por unha vitoria por maioría absoluta do PP de Feijóo. "No se puede esperar más", clamaba Manuel Fernández de Sousa-Faro.

Feijóo aplaude a De Sousa-Faro tras entregarlle o premio 'Gallego del año' 2010 © Ana Varela

De Sousa-Faro amosaba así, en plena campaña electoral, un rol político que non era novo na súa persoa, pero que adoitaba executarse na sombra; coñecido por partidos políticos, gobernantes e medios de comunicación, pero moito menos polo gran público, polo electorado. O Tribunal Supremo vén de condenar o daquela todopoderoso empresario a seis anos de prisión, dous menos dos que lle impuxera en 2020 a Audiencia Nacional, nunha ampla sentenza que tivo un eco político moito máis pequeno que o rol político que o encausado xogou en Galicia durante décadas.

Esta semana o Supremo condenou o antigo presidente de Pescanova a 6 anos de cadea, dous menos dos que lle impuxera a Audiencia, ratificando que cometeu delitos de falsidades nas contas, de falseamento da información económica e de alzamento de bens

Como informou Praza.gal, o Supremo ratificou que De Sousa-Faro foi autor dun delito continuado de falsidade nas contas anuais da vella Pescanova, en concurso medial cun delito continuado de falseamento de información económica e financeira e mais por outro delito de alzamento de bens. Ao contrario que a Audiencia, absolveuno dos delitos de falsidade en documento mercantil e estafa agravada.

A sentenza do Supremo asume os feitos relatados pola da Audiencia, que en síntese acusaba a De Sousa-Faro de artellar "métodos de financiamento" para Pescanova baseados en "relacións comerciais ficticias". Todo, para "poder seguir gozando do financiamento bancario" e facer Pescanova atractiva para captar investidores confiados nos bos datos económicos publicados" cando "a situación real (...) era diametralmente oposta", transcribe tamén o Supremo.

Fernández de Sousa-Faro, inaugurando en 2009 a piscifactoría de Mira xunto a José Sócrates, na altura primeiro ministro de Portugal despois encarcerado © Pescanova

Durante o transcurso do enorme caso -só a sentenza do Supremo supera as 400 páxinas-, a investigación apuntou a que este fora o método ideado por De Sousa-Faro para tentar esquivar as turbulencias que comezaron co estourido da crise a finais de 2008 e que as operacións ilegais xa comezaran a ser "planeadas" naqueles primeiros meses de 2009. É dicir, mentres o empresario clamaba por desaloxar da Xunta a PSdeG e BNG. "Es necesario un cambio urgente", escribiu naquel artigo de opinión, porque o Goberno da esquerda impuxera "atascos en barreras ideológicas, idiomáticas o geográficas".

Atendendo ás datas sinaladas no caso, o empresario xa comezara coas prácticas ilegais cando, en vésperas das eleccións galegas de 2009, pediu publicamente "un cambio urxente" no Goberno galego, isto é, a fin do Goberno de PSdeG e BNG e que o PP de Feijóo gañase por maioría absoluta

Segundo o seu escrito, o Executivo dirixido por socialistas e nacionalistas evidenciara "falta de capacidade o de conocimiento" e caera en "distracciones" que arriscara as "cotas de producción que Galicia se ha venido labrando con esfuerzo y tesón". En caso de que o "cambio" non chegase, o panorama que bosquexaba era apocalíptico: "continuaremos con la destrucción de empleo y ello podría ser el fin de Galicia; la vuelta a la emigración", afirmaba. 

Con aquela chamada implícita a votar o PP de Feijóo, De Sousa-Faro culminaba unha lexislatura de aberto enfrontamento coa Xunta. Entre outros asuntos, porque o Goberno de coalición da esquerda freara o seu proxecto para construír unha piscifactoría no cabo Touriñán, que fora autorizada pola Xunta de Manuel Fraga en funcións, no derradeiro Consello antes da mudanza, con Feijóo como vicepresidente primeiro. Segundo unha sentenza do Tribunal Supremo ditada en 2015, aquela autorización do gabinete de Fraga foi irregular

Feijóo entrega a De Sousa-Faro en 2009 o diploma da concesión do 'Grelo de Ouro' a Pescanova CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

Fronte ao rexeitamento do Goberno de coalición á instalación da piscifactoría en Touriñán, sustentada sobre todo en motivos ambientais, Feijóo dera en proclamar que PSdeG e BNG provocaran a "fuga de Pescanova" a Portugal, toda vez que a empresa optara por abrir outra factoría en Mira, a uns cen quilómetros do Porto. En vésperas das eleccións de 2009, xornalistas galegos foran convidados pola empresa a visitala. En 2017, os bancos portugueses que a financiaran acabaron vendéndoa por ruinosa.

Tras chegar á presidencia, Feijóo erixiu a De Sousa-Faro en "exemplo de galeguismo empresarial" e a Xunta abriu a porta a retomar os seus proxectos acuícolas en Galicia, esvaídos tras a quebra en 2013

O certo é que os desexos electorais do empresario se cumpriron o 1 de marzo daquel 2009 o PP lograba a maioría absoluta coa que mes e medio despois Feijóo foi investido presidente. Nos primeiros compases do seu mandato, non aforrou eloxios para De Sousa-Faro, un "exemplo de galeguismo empresarial" á fronte dunha empresa, Pescanova, "consecuencia de moitas decisións valentes adoptadas por Manuel Fernández de Sousa-Faro e o seu equipo", dixera ao entregarlle o premio Gallego del año 2010 do Grupo Correo Gallego. 

Feijóo e o seu goberno tamén abriran a porta a reactivar proxectos como o de Touriñán que foron sumindo no silencio cando, en 2013, a empresa quebrou e comezou o periplo xudicial que agora remata. Un silencio semellante ao que recibiu a condena definitiva a De Sousa-Faro na política galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.