Manuel Fernández de Sousa, presidente de Pescanova, racha o silencio e concede unha entrevista á Cadena Ser, en Madrid, onde negou a maior, incluso a débeda. Asegura que "non hai un burato de 3.000 millóns de euros" na empresa e aclara que o valor da compañía "excede en moito o seu pasivo".
"Non hai un burato de 3.000 millóns; o que creamos estes anos é valor para a empresa", di Sousa
O máximo responsable de Pescanova, que carece de funcións executivas por mandato xudicial, negou todas as acusacións que se verten sobre el desde hai meses e negou tamén que a situación da multinacional fose tan grave como se di. "Non hai un burato de 3.000 millóns, o que creamos estes anos é valor para a empresa", chegou a asegurar, tras aclarar que o valor da marca, as explotacións acuícolas ou os proxectos de I+D non se atopan valoradas nos libros de contas. "O valor de Pescanova hoxe excede en moito ao seu pasivo; non só vale máis, senón que vai valer moito máis", engadiu quen afirma que todo o que se fixo -incluído o atraso na presentación das contas- "foi en beneficio da firma". "E así se acreditará", dixo.
En canto á venda de parte de accións e as acusacións que falan de uso de información privilexiada, Sousa négao e aclara que foron os "problemas de tesourería" os motivos que o levaron a levar esa operación que, aínda que non o dixo, lle permitiu recuperar en tres meses os cartos con medio millón de euros de beneficio. "Se tivese información privilexiada, tería vendido todo", engadiu.
"Vendín todo o que tiña que vender para salvar a empresa", di o presidente de Pescanova, que lembra que segue sendo o maior accionista
"Eu comuniquei a venda das accións; sigo sendo o maior accionista da compañía e acheguei 10 millóns para apoiar a empresa en problemas de tesourería", insistiu Sousa, que manifestou que se non tivese crido na empresa "non tería conservado as accións nin tería achegado 10 millóns". "Vendín todo o que tiña que vender para salvar a empresa", aclarou. Ademais, destacou que "nestes tres meses pagáronse as nóminas e seguiuse funcionando" e xustificou o atraso na presentación de resultados do pasado mes de febreiro en que estaban á espera de realizar un desinvestimento ou presentar o preconcurso de acredores.
En canto á influencia que a crise das caixas galegas tivo na situación de Pescanova, Fernández de Sousa recoñece que "si afectou", pero que afectou aínda máis a reestruturación de todo o sistema financeiros español en xeral.
"Estou moralmente tranquilo; non teño medo á xustiza", manifestou
Malia non recoñecer malas prácticas, Fernández de Sousa si admitiu un erro: o de non "ter comunicado". "É algo que hai que corrixir agora", aseguro, tras declararse "moralmente tranquilo". "Non teño medo á xustiza". "Sacrifiquei a miña vida, a miña familia e o meu patrimonio por Pescanova", engadiu, tras rematar advertindo de que o seu "maior interese" é "que España non perda a maior empresa do sector". "Loitarei para que non se liquide nin se fraccione a compañía", rematou.