A principios deste mes de outubro, a Audiencia Nacional emitiu unha sentenza na que condenou unha ducia de persoas por falsear as contas de Pescanova, encabezadas por quen fora presidente da compañía, Manuel Fernández de Sousa, a quen impuxo unha condena de 8 anos de prisión. Foi o punto final a un proceso que deitou luz sobre o proceder dunha empresa que "planeou" métodos de financiamento irregulares mediante compravendas falsas e firmas pantalla para estafar os bancos e posibles investidores, na que foi a maior quebra non inmobiliaria da historia en España.
Case oito anos pasaron desde que en febreiro de 2013 Pescanova asumiu a creba e desde que aflorou un pasivo superior aos 3.500 millóns de euros. O Faro de Vigo adiantou aquela impactante nova e unha xornalista, Lara Graña, seguiu desde aquel día todo o proceso, incluído un xuízo, hai menos dun ano, no que foi a única periodista presente durante semanas. A súa imaxe en solitario seguindo as declaracións dos imputados simbolizou moito máis que o desequilibrio informativo dependendo de onde ocorren os feitos e o desinterese xeral por un caso no que as cifras e os delitos abafan.
Que sentiu ao saír a sentenza de Pescanova?
Alivio. O que lle dixen á xente coa que falei ese día, e coa que tratara durante todos estes últimos anos o caso, foi que me quitara un peso de enriba. Non polo resultado da sentenza en si, porque iso non era o meu traballo nin eu xulgaba nada, senón por dar por pechado un proceso. Un proceso meu, tamén, que foi moi intenso tanto a nivel profesional como persoal. Foi moi interesante pero moi exhausto, sobre todo cando despois de seguir o xuízo en Madrid chegou a pandemia... Tiña moitas ganas de pechar todo isto na miña cabeza, de que acabase todo.
"Sempre houbo presións, de xente de Pescanova e da súa contorna primeiro, e dos representantes legais dos imputados despois. Era difícil abstraerse"
Case oito anos de proceso. Foi tamén máis duro que outros temas polas presións que houbo?
Sempre houbo presións, pero eu diferenciaría diferentes fases. Cando aínda estaba a cúpula anterior, entre febreiro e maio de 2013, aí si que notei unha presión absoluta e abrumadora por parte de moitísima xente de Pescanova e da súa contorna, de persoas que defendían as persoas logo imputadas. Era difícil abstraerse. Houbo logo unha segunda etapa, a partir de que o proceso entrou na Audiencia Nacional e coa administración concursal, na que tamén houbo presións pero xa máis por parte da representación legal dos investigados... Aí puiden abstraerme un pouco máis e centrarme exclusivamente en entender o que estaba ocorrendo na empresa porque tardamos meses en desenguedellar todo o mapa da débeda. Tamén quería botar unha man para que non se fose todo ao garete. Aí empezaron a entrar en escena fondos de investimento, empresas sen ningunha vinculación con Galicia, firmas que só querían rendibilizar os activos dunha compañía que estaba a piques de pechar...
Foi moi duro o temor a que todo se derrubase?
Totalmente. Estabamos a falar de fondos de investimento norteamericanos, fondos voitre que agora coñecemos todos porque están metidos no sector inmobiliario e que viñan aquí maximizar o valor dun activo, que era inmenso. O risco de que se acabase todo sempre estivo aí, ata que entrou a administración concursal, da que nunca se valorou dabondo o que fixo porque traballou arreo para blindar o que se denominaba perímetro de consolidación de Pescanova, para que non se desmembrase nada. O día que se salvaron todas as filiais, no Xulgado do Mercantil de Pontevedra, eu vin moitas bágoas... Eu eu tamén chorei porque foi moi emocionante.
"A xente temía a Fernández de Sousa e ese temor nunca deixou de estar aí. No ámbito político, a maioría non foi especialmente crítica e iso nunca mudou"
Dicía que moita xente coa que falaba defendía a actuación dos logo imputados, recoñeceulle alguén logo que se equivocara? Arrepentíronse?
Non. Hai que ter en conta que calquera persoa que teña traballado con Fernández de Sousa fala de alguén implacable e que non cambia de opinión. No círculo máis achegado a el, polo xeral, a xente temíao, aínda que había un par de persoas que eran subordinados pero que eran quen de discutirlle algo. Pero a sensación habitual era de temor, de tratar cunha persoa que nunca che daba a razón... E ese temor nunca deixou de estar aí. Eu falei con xente de dentro da empresa, da que nunca direi os seus nomes, obviamente, que tiña un absoluto temor, non ás represalias en Pescanova, senón a nivel persoal, de familia. No ámbito político, a maioría non foi especialmente crítica e iso tampouco mudou, en ningún momento.
Os dirixentes das caixas, os responsables de Caixanova... Era xente venerada polas administracións da que apenas había críticas a nivel político. Por que?
Na única entrevista que eu tiven con Fernández de Sousa, pregunteille directamente se tiña algunha información que puidese comprometer a alguén, que xustificase aquela ausencia absoluta de crítica por parte dos partidos politicos, unha ausencia de crítica que non se pode concretar unicamente nun partido político porque o silencio foi en varias formacións e non tiña explicación. Díxome que non. En Galicia o poder estaba nalgunha xente empresaria que era algo así como unha estirpe: Fernández de Sousa, os responsables das caixas, o de Blusens... Eran persoas que eran máis importantes que un conselleiro, que tiñan coche oficial e aos que practicamente non se lles podía facer preguntas incómodas nas roldas de prensa. Permitíuselles moito e non sei por que.
"En Galicia o poder estaba nun tipo de empresariado que era como unha estirpe. O silencio político con Pescanova non tiña explicación"
Era tanto o poder?
É só unha anécdota, pero logo da polémica pola piscifactoría de cabo Touriñán, Fernández de Sousa deixou de enviar lagostinos frescos a xente importante do PSdeG e do PSOE, porque era costume del mandar esas caixas a responsables políticos relevantes. Daquela si que se enfadou co Partido Socialista... Eu creo que o que máis lle puido molestar a xente coma el foi perder esa condición de xerifalte logo de ser consciente de todo o poder que tiña.
As sentenzas e todo o que sae a luz das caixas, a condena á cúpula de Pescanova tras un enorme escándalo... Mudará algo na política e no mundo empresarial logo de saberse todo o que ocorreu non hai tanto?
Antes debería mudar tamén a nivel social. Cando unha empresa con moitos traballadores pide un plan extraordinario para unha ampliación ou para un proxecto e demanda unha subvención pública, moitas veces é o propio comité de empresa ou o persoal o que eleva esa petición a nivel público, como se a merecese sen máis. Aí pérdese moito a posición crítica que se debería ter, porque estamos a falar de cartos públicos e hai que xustificar para que se van utilizar e esixir contrapartidas. Alcoa fixo e desfixo e non hai ninguén que pareza poder pararlle os pés logo de recibir subvencións ou achegas de capital moi importantes para acabar marchando a outros países. Falta moito entre a clase política, pero tamén entre nós, para ter unha conciencia crítica e non pensar que porque unha empresa teña moitos traballadores, patrocine un equipo de fútbol e dea uns premios xa ten patente de corso para facer o que lle pete. Debemos cambiar todos.
"A sociedade debe ser máis crítica: que unha empresa teña moitos traballadores, patrocine un equipo ou dea uns premios non lle dá dereito a facer o que lle pete"
Para que chegue esa concienciación, tamén deben coñecerse moitas cousas... Vostede chegou a seguir en solitario o xuízo de Pescanova, a maior quebra non inmobiliaria no Estado...
Se mañá hai un procedemento como o de Pescanova en Galicia ou en Extremadura, pasará o mesmo. Cheguei ao xuízo o 2 de decembro e alí había un compañeiro de EFE sacando fotos fóra, outro da TVG e unha compañeira de La Voz de Galicia. A partir dese día, quedei soa para contar todas aquelas irregularidades que logo se souberon. Avogados e xente de seguridade da Audiencia Nacional chamábanme "la chica Pescanova" porque lles resultaba curioso que sempre estivese eu soa seguindo o proceso.
Causoulle problemas esa soidade?
Non era agradable ter que compartir corredores e momentos de receso con persoas que non me tiñan demasiado aprecio e que tampouco disimulaban. A ninguén lle gusta pasar por un momento así, pero era o meu traballo e volveríao facer. A miña empresa nunca puxo problemas por ir a Madrid, malia que supoñía un gasto importante porque foron oito semanas de xuízo.
Por que cre que non se lle dedicou máis tempo ou espazo nos medios ao caso Pescanova?
Nese momento, en paralelo ao xuízo de Pescanova e no mesmo edificio, arrancaba o xuízo contra Trapero, ex-xefe dos Mossos, e aquela sala estaba chea de medios de comunicación. A xustificación era que naquela época os temas eran ese e aquela polémica polo pin parental de Vox, e o de Pescanova foi un tema que se diluía. Logo había medios que estaban convencidos de que a sentenza sería filtrada a algún xornal de Madrid e que xa non pagaba a pena dedicarlle tempo. Ao final, o TSXG, con moi bo criterio, decidiu difundir a sentenza a todos os medios para que ninguén tivese acceso ao ditame antes que ninguén. Alégrome.
"Hai moito 'madridcentrismo' nos medios; se mañá ocorre algo como o de Pescanova en Galicia ou en Extremadura, volverá pasar o mesmo"
É unha cuestión estrutural ese desinterese polo que acontece na periferia ou hai algo máis?
Pesa bastante, claro que si. Por poñer un exemplo, en Barreras, entre agosto e outubro, do ano pasado, saíron máis de 1.800 persoas. Non hai ningunha empresa española que antes da covid prescindise de tantos traballadores en tan pouco tempo... Pois é complicado atopar un medio non galego onde iso fose publicado oo no que se atendese ao que pasaba en Barreras, ata que apareceu a vertente política co caso de Pemex, algo que en Galicia moitos medios levabamos anos xa publicando. Hai moito de madridcentrismo para todo. Hai moita miopía que creo que vai existir sempre, e logo está a precariedade de moitos medios, que non permite que un redactor poida seguir un tema durante moito tempo e de maneira continua se ten que facer outras catro páxinas cada día.