Xaneiro de 2007. Alberto Núñez Feijóo leva un ano como presidente do PP en Galicia en substitución de Manuel Fraga e, polo tanto, como líder da oposición ao Goberno da Xunta. Uns seis meses antes, o Executivo de coalición de PSdeG e BNG decidira paralizar a piscifactoría de Pescanova no cabo Touriñán, en plena Rede Natura, autorizada polo gabinete de Fraga no seu derradeiro Consello, con Feijóo como vicepresidente e conselleiro de Política Territorial.
Nese comezo de 2007 faltaban poucos meses, como agora, para unhas eleccións municipais. E foi nese punto cando o daquela presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro recibiu o líder do PP na sede da multinacional en Chapela (Redondela). De Sousa gabábase de que decidira trasladar a Mira (Portugal) a piscifactoría que o Goberno galego lle "bloqueara" e Feijóo, en ton grave, xustificaba a marcha porque De Sousa tiña "dificultades para exercer os seus dereitos constitucionais" por culpa da Xunta.
Década e media despois, o agora ex-presidente da Xunta e líder estatal do PP realiza reflexións semellantes a respecto de Rafael del Pino, presidente da construtora e empresa multiservizos Ferrovial, considerado a terceira fortuna do Estado e en pleno proceso para trasladar aos Países Baixos a sede fiscal da compañía, que engordou durante décadas a base de concesións públicas. Segundo Feijóo, o Goberno de España debe facer o que corresponda para saber "que é o que gaña" Del Pino "marchando" e "valorar a posibilidade de que gañe o mesmo manténdose en España" que instalándose no laxo sistema fiscal neerlandés.
Década e media despois de acusar o Goberno de PSdeG e BNG de que Pescanova tivese que "marchar a outro lado" por anular a autorización dunha piscifactoría no cabo Touriñán, ilegal segundo o Supremo, o ex-presidente culpa a Pedro Sánchez de que Ferrovial traslade a súa sede aos Países Baixos
Nestas consideracións e esixencias ecoan as que Feijóo lanzaba naquel xaneiro de 2007 na sede de Pescanova cara a Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, na altura presidente e vicepresidente da Xunta e líderes de PSdeG e BNG. Debían "rectificar", clamaba o popular, e ter en conta que "a ecoloxía empeza polas persoas", naquel caso pola persoa do presidente de Pescanova. Nos meses previos, Feijóo asegurara que o proxecto de piscifactoría en Touriñán fora "aprobado con consenso" e "cumprindo as leis", pero tiña "que marchar a outro lado" porque Touriño, dicía a modo de descualificación, era equiparable ao daquela presidente de Bolivia, Evo Morales.
Nos meses e anos seguintes o argumentario non decaeu. "A Xunta paralizou un proxecto legal e o que é ilegal é paralizar un proxecto legal", dicía Feijóo nun mitin previo ás municipais en Lugo. "Acepte, facilite e permita" a piscifactoría de Pescanova no cabo Touriñán, esixía. Á reclamación sumábase o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, naquel tempo secretario xeral dos populares galegos, quen focalizaba no nacionalista Anxo Quintana a culpa de "expulsar a Pescanova de Galicia ao vetar a granxa acuícola".
Apenas dous anos despois, en 2009, o PP logrou a maioría absoluta que levou a Feijóo a presidencia da Xunta por primeira vez. Dende o poder, prometía Feijóo, ía "recuperar un proxecto demandado", "con todos os permisos" e "co aplauso da poboación". E nesa liña foron actuacións como as aprobadas para permitir piscifactorías en Rede Natura aínda que causasen danos, ás que a Xunta deu luz verde en 2012 mentres a Xustiza comezaba, a través do Tribunal Superior galego, a evidenciar que a autorización da planta de Pescanova en Touriñán fora irregular e a súa paralización, legal.
O Supremo sentenciou que a autorización da piscifactoría de Cabo Touriñán polo Goberno de Fraga en funcións, con Feijóo como vicepresidente, estivera "viciada de nulidade de pleno dereito" e a súa paralización polo Executivo da esquerda foi "legal"
A decisión do TSXG ratificouna o Supremo case tres anos despois, en 2015. Os plans cos que a Xunta de Fraga dera luz verde á planta acuícola de Pescanova en Touriñán estaban "viciados de nulidade de pleno dereito" e "foi precisamente ese vicio" o que quedou subsanado coa súa "legal" paralización polo Goberno de coalición PSdeG-BNG. Na mesma sentenza, o Supremo condenaba a Xunta a pagar algo máis dun millón de euros en concepto de indemnización a Pescanova.
Naquel momento, a empresa xa quebrara e xa non estaba dirixida por Fernández de Sousa-Faro, para quen o mesmo Supremo ratificou neste 2023 unha condena de 6 anos de prisión (dous menos dos que lle impuxera a Audiencia Nacional) por falsidade nas contas da compañía e alzamento de bens. No proceso de quebra e reestrutración da compañía, a piscifactoría de Mira que Feijóo defendía instalar en Touriñán acabou sendo vendida pola banca portuguesa por ruinosa, tras acumular máis de 165 millóns de euros en débedas.
Década e media despois daqueles acontecementos, Feijóo manifesta o seu "desgusto persoal e institucional" ao decidir Ferrovial o traslado da súa sede fiscal aos Países Baixos, operación da que culpa a Pedro Sánchez por ser "máis hooligan ca ninguén" e "insultar" a Rafael del Pino. Del Pino, nunha conferencia de Feijóo no xornal ABC patrocinada pola súa empresa, eloxiou o pasado xaneiro ao ex-presidente afirmando que sempre amosou unha "visión das empresas como motor do país" que e mesmo comparte "amplamente". En febreiro de 2009, a poucos días das eleccións galegas daquel ano, De Sousa clamara por unha vitoria do PP de Feijóo porque, en caso contrario, "podería ser a fin de Galicia". A loita continúa.