Piscifactorías sen límites, tamén en Rede Natura e aínda que causen danos

Illa do Castelo, en Cabo Touriñán CC-BY-SA Adrián Estévez

Por se quedaba algunha dúbida. A Consellería de Medio Ambiente está a piques de finalizar a posta en marcha das súas ferramentas de planificación territorial. Tras o Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio o departamento que dirixe Agustín Hernández vén de iniciar un dos últimos trámites do plan director da Rede Natura, chamado a ordenar o uso e conservación destas 389.565,9 hectáreas ou, o que é o mesmo, o 12% do territorio de Galicia. Segundo a Xunta este plan pretende "manter, ou no seu caso restablecer, un estado de conservación favorable dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna de interese". Pero haberá, cando menos, unha excepción: a instalación de piscifactorías.

As plantas acuícolas poderanse instalar en Rede Natura "mesmo afectando aos valores ambientais", recoñece o conselleiro

Durante a presentación pública deste documento Hernández veu ratificar e, ao tempo, a afondar no xa anunciado o pasado marzo pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao facer pública a denominada Estratexia Galega de Acuicultura. Daquela Quintana xa deixara claro que se podería "desenvolver acuicultura en todos os ámbitos de protección ambiental" para así favorecer as actividades dos "emprendedores" do sector acuícola. En todo caso, aseguraba, eses desenvolvementos industriais serían "equilibrados" e sempre garantindo a "protección do medio". É neste punto onde o titular de Medio Ambiente introduce un elemento de novidade ou, cando menos, de información máis explícita que a súa compañeira de gabinete. Hernández, como Quintana, admite que poderá haber piscifactorías en espazos protexidos e, polo tanto, tamén en Rede Natura. E poderán instalarse "mesmo afectando aos valores ambientais", recoñece o conselleiro.

O único requisito para desenvolver o negocio acuícola nestas zonas será que "se establezan medidas compensatorias" e "en caso extremo, se comunique á Comisión Europea". Pero como norma xeral a porta está aberta a, por exemplo, pór en marcha unha planta de produción de peixes planos en Cabo Touriñán, vetada na pasada lexislatura polo Goberno bipartito entre duras protestas do PP, daquela na oposición. Segundo o conselleiro o plan director da Rede Natura "non introduce ningunha novidade en relación coa acuicultura a maiores da que establecen as directivas europeas". Este tipo de usos non son "excluíntes" e, polo tanto, son "autorizables, previo informe da consellería competente en materia da conservación da natureza", isto é, do seu propio departamento, "e no seu caso, do correspondente trámite de impacto ambiental".

Así as cousas, nada cambia a respecto do anunciado por Quintana e, polo tanto, a partir do mes de outubro nada impedirá que unha empresa acuícola se instale en calquera punto da costa galega se así o considera conveniente. A este respecto, a propia Rosa Quintana especificaba en marzo que Pescanova "ten terreos adquiridos" en Touriñán e "segue cumprindo cos requisitos" aínda que esta sexa unha zona considerada "de nivel 4" ou, o que é o mesmo, a de maior protección dentro doutro plan director, o de acuicultura litoral. Se a multinacional pesquera o considera conveniente para os seus intereses económicos, ninguén llo impedirá.

Denuncia ante a Unión Europea

Isto acontece nun contexto no que a man aberta da Xunta pode bater coa legalidade europea. Isto é, cando menos, o que intentarán diversos colectivos ecoloxistas que, como avanzou Praza Pública, teñen a intención de denunciar ante a UE o plan acuícola da Xunta. Neste sentido dende Verdegaia o seu coordinador xeral, Xan Duro, coida que a regulamentación acuícola que xa terá aplicación práctica en outubro culmina "a desmontaxe da legalidade xurídica do territorio" e, malia aos "subterfuxios legais", bate coa Rede Natura.

Ese mesmo "derrubamento da lexislación ambiental" é identificado polo secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, en cuxa opinión o gabinete que dirixe Alberto Núñez Feijóo lle foi "facendo buracos" á lexislación ambiental para poder poñer a costa galega á disposición das compañías acuícolas, xa cose "coa declaración de interese público de primeira orde", declaración que equipara as piscifactorías con, por exemplo, un centro de salvamento marítimo, ou co cambio legal que reinstaura o sistema de compra venda para os terreos das factorías, no canto de concesións administrativas, tal e como dispuxera o goberno de PSdeG e BNG.

Hernández e García Borregón, na presentación © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.