Pedro Sánchez nomea a José Miñones ministro de Sanidade e proxéctao de vez á primeira liña política

José Miñones, amosando un documento co resumo dos investimentos previstos para Galicia nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023, nunha imaxe de arquivo © Delegación do Goberno de España en Galicia

José Miñones era un vello coñecido da política comarcal compostelá cando, en marzo de 2021, Pedro Sánchez lle encomendou a Delegación do Goberno de España en Galicia en substitución de Javier Losada. Alcalde de Ames dende 2015, tras revalidar o posto en 2019 en coalición co BNG e Contigo Podemos daba o salto á delegación gobernamental sendo un perfecto descoñecido para a opinión pública alén da contorna santiaguesa, pero non así no seo do PSdeG e do PSOE. Dous anos despois, Miñones é proxectado de vez á primeira liña política co seu nomeamento como ministro de Sanidade.

O ex-alcalde de Ames, doutor en Farmacia, chega ao Consello de Ministros tras dous anos como delegado de aberta defensa do labor do Executivo PSOE e UP en Galicia. O ascenso tamén dispara as análises sobre a eventual candidatura do PSdeG á Xunta

Sánchez, a quen Miñones apoiou decididamente nas eleccións primarias nas que logrou recuperar a secretaría xeral socialista tras ser defenestrado, confirmaba este luns que este doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago remudará a Carolina Darias, candidata do PSOE á alcaldía de Las Palmas nas municipais do 28M. Alén do movemento no Consello de Ministros, a súa elección desatou decontado as análises sobre as eventuais repercusións que poida ter na política galega e, máis concretamente, na candidatura do PSdeG á presidencia da Xunta nas eleccións previstas -agás adianto- para 2024. Os dous anteriores titulares do Ministerio, Salvador Illa e a propia Darias, acabárono deixando para ocupar senllos carteis electorais.

Miñones, con Carolina Darias, o presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade, durante a celebración en Santiago do Consello Interterritorial de Saúde en outubro de 2022 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O novo titular da carteira sanitaria do gabinete do PSOE e Unidas Podemos chega ao Consello de Ministros tras dous anos nos que, sen abandonar o seu carácter discreto, non dubidou en amosar perfil político para defender as decisións do Executivo estatal fronte ás continuas críticas da Xunta. Así, por exemplo, vén resaltando o incremento dos investimentos no país a respecto das etapas do PP de Rajoy ou o feito de que o Goberno galego presente como propias accións e axudas sufragadas con fondos do Estado e esforzouse en desmentir acusacións como unha suposta discriminación no reparto das vacinas contra a COVID.

Na súa etapa na delegación gobernamental en Galicia correspondeulle coordinar e sinalar a culminación de logros como a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público ou a consecución da sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial para A Coruña. Pero tamén xestionar situacións delicadas como o dispositivo policial tras o asasinato do mozo Samuel Luiz na Coruña ou a derruba do viaduto da autovía A-6 entre Galicia e León. Agora asume unha responsabilidade de goberno nunha área, a sanitaria, que precisamente un dos flancos políticos máis sensibles para o Goberno galego do PP.

En clave interna, Miñones é membro da Executiva Nacional do PSdeG que encabeza Valentín González Formoso como secretario de Estudos e Proxectos e integrante do equipo redactor do relatorio marco para as eleccións municipais do 28M. Mantén, ademais, clara sintonía coa dirección federal do seu partido xa dende antes de ser delegado do Goberno de España. Non en van, foi o único representante galego na elaboración dos relatorios do último Congreso Federal da formación (2021).

Miñones, con Formoso e outros dirixentes do PSdeG na presentación do equipo redactor do relatorio marco do partido para as municipais de maio CC-BY-NC-SA PSdeG

O nomeamento foi aplaudido decontado dende o PSdeG, a comezar polo seu secretario xeral. Formoso destaca que Miñones, "membro da dirección" do partido, é "unha persoa accesible, entregada, que saberá traballar coas comunidades para reforzar a sanidade pública. A súa elección como ministro, considera, é " unha excelente noticia para o conxunto de España".

Nunha primeira reacción, o PP de Galicia considerou que "a entrada dun galego no Goberno é unha boa noticia sempre que defenda os intereses da nosa comunidade" e reiterou o argumento de que a escaseza de persoal médico é culpa do Goberno de España, polo que esixen a Miñones que "permita a Galicia e ao resto de España formar máis médicos de familia". Os datos oficiais do Ministerio, reiterados este luns por Sánchez, acreditan que estas prazas de formación están en máximos históricos tanto en Galicia como no conxunto do Estado.

O BNG, pola súa banda, desexa a Miñones "moitos acertos na súa nova responsabilidade", sinalou en resposta aos xornalistas Ana Pontón, quen destaca que "sempre" tivo un "trato moi cordial" co novo ministro. "É certo que o de Sanidade é un Ministerio no que o groso de competencias están transferidas", sinala a portavoz nacional do BNG, quen matiza que "en todo caso hai problemas graves" no eido sanitario, polo que espera "maior coordinación e diálogo" da man de Miñones para solucionalos.

Pedro Sánchez anuncia os nomeamentos de José Miñones e Héctor Gómez como ministros, este luns na Moncloa © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Héctor Gómez, ministro de Industria

Xunto co nomeamento de José Miñones, a mini crise de Goberno inclúe tamén o nomeamento de Héctor Gómez como ministro de Industria, Comercio e Turismo. Realiza así a xa prevista substitución de Reyes Maroto, candidata do PSOE á alcaldía de Madrid. 

O político canario foi brevemente voceiro do Grupo Socialista no Congreso e asume unha carteira con evidentes repercusións en Galicia. Baixo a súa responsabilidade quedan cuestións como supervisar os plans de Alcoa para retomar a plena actividade na súa factoría na Mariña ou a execución de fondos europeos de recuperación en sectores como o naval ou o automóbil.

Con estas remudas son xa tres os integrantes do Consello de Ministros de orixe galega, toda vez que Miñones se suma á vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, e á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Redúcese, no entanto, a presenza feminina do gabinete: ao seren remudadas dúas ministras por dous ministros, os homes pasan a ser 11 contando o presidente- e as mulleres redúcense de 14 a 12. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.