O Goberno de España disponse a nomear o alcalde socialista de Ames polo PSdeG como o seu novo delegado en Galicia. José Miñones substituirá no cargo a Javier Losada, quen fora elixido para o posto en 2018, apenas dúas semanas despois da moción de censura que desbancou a Mariano Rajoy e situou a Pedro Sánchez na presidencia.
Miñones é alcalde de Ames dende 2015 e nos últimos tempos é considerado un perfil crítico coa dirección do PSdeG, cuxo secretario xeral, Gonzalo Caballero, se amosa seguro de que "fará un gran papel dando voz ao Goberno de España en Galicia"
Miñones, doutor en Farmacia e investigador universitario neste eido, chegará ao posto gobernamental tras unha prolongada traxectoria na política local de Ames, mais é un dirixente practicamente inédito no ámbito da política galega. Concelleiro na vila amesá dende 2009, exerceu como voceiro do PSdeG local na etapa da formación na oposición, chegou á alcaldía en 2015 e recuncou en 2019 á fronte dun goberno de coalición co BNG e Contigo Podemos.
O futuro delegado do Goberno de España -é previsible que o nomeamento se produza no Consello de Ministros desta mesma semana- é un dos secretarios de Política Municipal da Executiva Nacional do PSdeG que encabeza Gonzalo Caballero, se ben é considerado un dos perfís críticos coa actual dirección, especialmente tras os resultados das eleccións galegas do pasado ano. Así e todo, nos últimos días reiterou que non existen "problemas" relevantes entre el e a dirección nacional galega do partido e, tras a elección, dende contorna de Caballero desbótase calquera lectura en clave de desestabilización interna.
O novo delegado gobernamental foi designado recentemente como único representante galego nos relatorios políticos do vindeiro Congreso Federal do PSOE, previsto para outubro
Este nomeamento vén evidenciar a boa sintonía de Miñones coa Executiva federal do PSOE poucas semanas despois de que o equipo de Pedro Sánchez fixese patente as súas ligazóns con el ao designalo como único representante galego na elaboración dos relatorios do vindeiro Congreso Federal do partido, previsto para o vindeiro outubro. Concretamente, o ata agora rexedor de Ames será o encargado do relatorio de Municipalismo e Medio Rural.
A elección interna fora aplaudida pola Executiva Nacional galega. O equipo de Caballero dixo ver nela unha mostra de que "todos os socialistas traballaremos arreo para dar as mellores respostas" á crise da COVID-19, toda vez que "o mundo municipal e o medio rural constitúen unha importante clave que coñecemos ben en Galicia.
Miñones agradece a Pedro Sánchez "a confianza depositada en min" e eloxia o labor de Javier Losada, que deixa o posto tras case tres anos
Escasos minutos despois de que o nomeamento comezase a transcender aos medios de comunicación, era o propio Gonzalo Caballero quen o confirmaba. A través das redes sociais, afirmou que na mañá deste luns desexara a Miñones "todo o éxito na súa nova andaina" e amosouse "seguro de que fará un gran papel dándolle voz ao Goberno de España en Galicia", ademais de agradecer o labor de Losada.
Pouco despois, a ratificación chegaba do propio Miñones, que ao tempo comunicaba a súa renuncia como alcalde de Ames para "iniciar unha nova etapa que afronto con gañas e ilusión". Miñones, que agradece a Pedro Sánchez "a confianza depositada en min", eloxia no mesmo comunicado o labor de Losada, a quen substituirá, porque "sen dúbida, actuou como un bo representante do Goberno na comunidade autónoma galega".
A mudanza na delegación galega chega en vésperas dos cambios no Consello de Ministros que situarán a Yolanda Díaz como vicepresidenta terceira e tamén ás portas de procesos de eleccións internas no PSOE e no PSdeG
Losada, alcalde da Coruña entre 2006 e 2011, abandona o posto tras uns anos nos que mantivo diversos tirapuxas co Goberno galego do PP e con dirixentes da propia formación que este luns aseguraron congratularse da súa remuda. O nomeamento de Miñones, que causa sorpresa en sectores do PSdeG, chega no comezo dun ano no que o Congreso Federal do PSOE dará despois paso ao Congreso Nacional do PSdeG, coas correspondentes primarias para a renovación da secretaría xeral. O vindeiro outono cumpriranse catro anos dende que Caballero gañou o último proceso interno dos socialistas galegos.
A mudanza na Delegación do Goberno de España en Galicia prodúcese tamén nun momento de cambios no seo do Executivo da coalición de PSOE e Unidas Podemos por mor da saída de Pablo Iglesias para concorrer ás eleccións autonómicas de Madrid. Está previsto que este martes, 29 de marzo, Iglesias asista ao seu derradeiro Consello de Ministros e que o mércores a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, tome posesión como nova vicepresidenta terceira e máxima representante de Unidas Podemos no gabinete que preside Sánchez. Este martes están a transcender tamén outras mudanzas en delegacións do Goberno, como as de Madrid ou Andalucía.