O Consello de Ministras deste venres, o segundo que celebra o Executivo de Pedro Sánchez, avanzou no nomeamento de cargos públicos nos distintos ministerios, en particular na designación dos delegados do Goberno nas comunidades autónomas. Para Galicia o elixido foi Javier Losada (A Coruña, 1955), alcalde da Coruña de 2006 a 2011 e senador desde o primeiro deses anos.
O elixido non era a preferencia nin da dirección do PSdeG nin do principal barón do socialismo galego, o alcalde de Vigo, Abel Caballero
Losada, que asumiu a alcaldía da Coruña tras o nomeamento do seu predecesor, Francisco Vázquez, como embaixador na Santa Sede, non era a preferencia nin da dirección do PSdeG, encabezada por Gonzalo Caballero, nin do principal barón do socialismo galego, o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Malia iso, Gonzalo Caballero felicitouno a través da súa conta de Twitter como "militante de longa traxectoria" e apelou a "remar polo novo goberno". Losada substitúe no cargo ao popular Santiago Villanueva, que o ocupaba desde 2014.
Tamén este venres o Goberno continuou avanzando con novos nomamentos en varios ministerios sen que polo momento trascendesen novos nomes galegos. Aquí podes consultar os que xa se coñecen. Un dos cargos máis destacados, polo peso que ten nos últimos anos o investimento en Galicia do Ministerio de Fomento, o de secretario de Estado de Infraestruturas, foi para o ata agora deputado socialista no Congreso Pedro Saura, murciano. Substitúe ao popular Julio Gómez-Pomar.
Ademais, a galega Alicia Villauriz (A Coruña, 1961) foi nomeada como nova secretaria xeral de Pesca en substitución do asturiano Alberto López-Asenjo. A coruñesa regresa ao cargo que xa ocupara durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. O sector pesqueiro galego recibe con esperanza unha persoa da que gaban o seu bo labor.