Incerteza e convicción de que pasará un tempo tan prolongado como indeterminado antes de que a conexión de Galicia coa Meseta a través da autovía A-6 volva á situación das últimas dúas décadas. O derrubamento dun segundo van na plataforma en dirección Lugo do viaduto do Castro, á altura do quilómetro 431 da Autovía do Noroeste -a escasos metros do linde con Galicia, pero aínda en territorio do Bierzo- alterou aínda máis os plans cando apenas comezaran os traballos para determinar as causas da caída do primeiro fragmento, o pasado 7 de xuño.
O tenente da Alcaldía do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, que se atopaba na zona con outros membros do BNG para presentar iniciativas precisamente vinculadas ao estado do viaduto, foi o primeiro en alertar publicamente do acontecido e de divulgar unha imaxe a través das redes sociais na tarde do xoves. Despois, o Goberno de España confirmaba que, tal e como suxería a fotografía, tampouco nesta segunda derruba se produciran danos persoais aínda que no viaduto paralelo estaba, no momento dos feitos, catro membros do cadro de persoal do Ministerio de Transportes traballando, precisamente, en abordar as causas da primeira caída.
O viaduto perdeu xa, daquela, dous dos trece vans co que foi construído. A falta de que as pescudas continúen, o escenario que agora se presenta é aínda máis complexo que o trazado nos últimos días, cando mesmo se suxerira a posibilidade de reabrir o viaduto paralelo ao tráfico durante o verán. Cómpre ter en conta, segundo un dos técnicos que traballaban na zona, citado polo xornal El Progreso, que "é moi posible que veña abaixo en calquera momento" o van central, o que quedou en pé entre os dous caídos.
Estrutura "moi inestable"
O "diagnóstico técnico sobre os fallos estruturais" determinará se cómpre "cambiar todo o viaduto" ou aínda cabe a posibilidade da reconstrución
Todo depende, en calquera caso, do "diagnóstico técnico sobre os fallos estruturais que veñen producíndose neste viaduto" e mentres, a "prioridade é a seguridade, mantendo desviado o tráfico da A-6" pola antiga estrada xeral N-VI, confirmaba a través de Twitter na tarde do xoves a ministra de Transportes, Raquel Sánchez. A ministra desprazouse este venres á zona do viaduto onde, acompañada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e outras autoridades coma o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, reiterou que a "seguridade" segue sendo a prioridade xunto con "esclarecer as causas" para actuar coa maior "celeridade" posible.
Forzas políticas coma o BNG reclamaran esta visita co obxectivo de facer visible a implicación da máxima responsable do departamento gobernamental na procura de solucións. Unha delegación do Bloque, encabezada por Arroxo e outros membros da formación en Lugo, entregou a Raquel Sánchez no lugar unha carta reclamando "unha auditoría" do sucedido e "a maior implicación do seu ministerio para recuperar o trazado".
O ritmo dos acontecementos será, en calquera caso, lento, e será longo o período no que o tráfico siga desviado a través da vila de Pedrafita. Miñones, que informou telefonicamente ao presidente da Xunta na tarde do xoves, chama á "tranquilidade" porque "o primeiro é saber o ocorrido" antes de acometer unha "reconstrución" que, polo momento, non é posible saber se implicará "cambiar todo o viaduto" ou realizar unha rehabilitación do "existente".
O que xa é posible afirmar, admite Miñones, é que tras a segunda caída o viaduto quedou nunha "situación moi inestable" ao "non ter a suxeición dos cables". A ponte fora construída mediante dovelas prefabricadas, unidas entre si por cables que "ao caer os vans, non están tensando" e por iso "non é estable". A pasada semana, tras a primeira derruba, as primeiras hipóteses do persoal técnico apuntaron a posibles eivas ocultas nunha estrutura que estaba sendo reparada dende o 2021 en obras cuxo custo se elevaba xa ata os 25 millóns de euros aínda que inicialmente Transportes estimara que custaría arredor de 12.
O delegado do Goberno central en Galicia sinala que tamén dependerá das pescudas técnicas determinar "se é necesario recorrer á vía xudicial" sobre o acontecido na infraestrutura, adxudicada en 1997 e inaugurada en 2001
Esa rehabilitación, lembra Miñones, fora aprobada tras "detectar problemas no cableado" mediante as inspeccións que Transportes realiza sobre pontes coma esta "cada tres meses, anuais e cada cinco anos". No caso concreto do viaduto agora caído, a necesidade de rehabilitación chegou dúas décadas despois da súa posta en funcionamento en 2001 como parte dun dos treitos máis complexos da A-6.
A contratación deste treito, entre Castro-Lamas e Noceda, que inclúe o viaduto e o túnel por baixo de Pedrafita, foi lanza en decembro de 1996 por uns 20.000 millóns de pesetas e adxudicado en abril de 1997 nuns 15.000 millóns (uns 90 millóns de euros) a unha unión temporal de empresas (UTE) conformada por Fomento de Construcciones y Contratas, FCC Construcción e OCP Construcciones, do grupo ACS. Preguntado por eventuais consecuencias que vaian máis alá do estrito ámbito técnico, o delegado do Goberno central en Galicia sinala que serán os resultados das propias inspeccións as que determinen, entre outros aspectos, "se é necesario recorrer á vía xudicial ou non".