O delegado do Goberno pide “paciencia e prudencia” ante o desvío do tráfico pola N-VI en Pedrafita, que “levará tempo”
Á espera das investigacións que aínda están a comezar, o Ministerio de Transportes apunta como posible causa da caída este martes dun viaduto da A-6 na entrada a Galicia a eivas ocultas distintas das reparacións que se estaban a realizar na infraestrutura. Sen prazos para unha solución definitiva, o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, pediu este mércores “paciencia e prudencia” ante o desvío agora obrigado de todo o tráfico nun e noutro sentido pola estrada N-VI, atravesando a vila de Pedrafita.
Segundo Miñones, intentarase que a lonxitude do desvío sexa o máis curta posible, sen que teña que abarcar todo o longo treito duns 15 quilómetros que hai entre os dous enlaces máis próximos ao lugar do sinistro, pero para iso será necesaria algún tipo de actuación provisional que “levará tempo”.
Miñones compareceu este mércores ante os medios de comunicación acompañado polo director xeral de Estradas do ministerio, Javier Herrero, que fixo un resumo das actuacións que se viñan realizando no viaduto. Segundo dixo, nas inspeccións periódicas que se fan de todos os viadutos detectouse corrosión nos cables metálicos que percorren o viaduto e lle dan estabilidade. Ante esa situación encargouse unha actuación de reparación que posteriormente foi ampliada e que supuxo xa un investimento duns 25 millóns de euros.
O director xeral de Estradas do ministerio di que o sucedido "non ten antecedentes"
Segundo o responsable ministerial, os traballos que realizaron correspondéronse cos problemas que se detectaran, e foron acometidos por unha empresa con experiencia nese tipo de tarefas. Xa mudaran os cables e estaban a rematar as actuacións no terceiro taboleiro cando caeu. Por iso, di, sospeita que o que ocorreu foi a aparición “dun problema adicional que ata agora non detectaramos”.
Agora, avanzou, van revisar todos os elementos da infraestrutura, tanto no resto do viaduto afectado como no paralelo, e van tirar o vao anexo que resultou desprazado como consecuencia da caída do primeiro. Tamén se está a revisar o proxecto orixinal da obra, inaugurada en 2001. Pero para que se decidan as actuacións definitivas aínda non hai prazo. O sucedido, di o responsable ministerial, "non ten antecedentes" na rede de estradas estatais.