#SánchezTieneLaCura. É o lema da campaña lanzada polo PP a través das redes sociais en vésperas da manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o pasado 12 de febreiro, xornada para a que tamén se fixara unha mobilización deste ámbito en Madrid. Con esta acción, os populares puñan o foco en que Galicia "ten unha sanidade pública da que sentirnos orgullosos" grazas á xestión da Xunta mentres que o culpable da carencia de persoal médico, acusan, é persoalmente o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.
Diversos cargos populares, entre eles o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; e sobre todo o ex-presidente e actual xefe de filas do PP, Alberto Núñez Feijóo, reiteraron nos días seguintes o mesmo argumento. Especialmente despois de que a manifestación de SOS Sanidade resultase un éxito de convocatoria e sucedese o mesmo coa de Madrid.
"Necesitamos que o Goberno central nos deixe formar máis médicos de Atención Primaria", veñen repetindo en referencia ás prazas de formación sanitaria especializada, o MIR, que cada ano son convocadas polo Ministerio de Sanidade. "O responsable de convocar suficientes prazas MIR é o señor Sánchez, que non te tenten enganar", enfatizou tras a manifestación a ex-ministra Ana Pastor entre referencias directas a Galicia.
O habitual nestas mensaxes é que os cargos conservadores eviten citar datos concretos das prazas MIR convocadas cada ano. Alén de, como reflicten as sucesivas convocatorias de prazas de formación sanitaria especializada, un dos criterios á hora de definir as cifras son as "propostas das comunidades autónomas", estes mesmos acreditan que o número non deixa de medrar dende hai media década tanto para Galicia como para o conxunto do Estado, tal e como amosa o gráfico sobre estas liñas. Mesmo ata superar a esixencia que nos últimos días vén realizando o ex-presidente Feijóo como líder do PP: que as prazas MIR sexan tantas como persoas se gradúan en Medicina. Os datos oficiais acreditan que xa son máis prazas que persoas que saen da carreira, pero que foron menos en tempos de Mariano Rajoy.
As 8.550 prazas da convocatoria MIR de 2022 supoñen un 31% máis que na última da 'era Rajoy', durante cuxo mandato culminou un descenso de ata un 12%
O total de 8.550 prazas médicas da última convocatoria, a realizada en 2022 para o acceso á formación MIR neste 2023, supuxo un incremento do 4% a respecto do ano anterior, con 362 prazas máis para o conxunto do Estado. Ese total implica un incremento do 31% con relación á última convocatoria realizada baixo o Goberno do PP de Rajoy, a de 2017, que contara con 6.513 prazas de formación médica especializada.
Durante os anos da crise económica e financeira internacional, as prazas MIR convocadas polo Ministerio de Sanidade chegaran a reducirse ata un 12%, dende as 6.948 lanzadas en 2009 polo Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, que xa as comezou a reducir en 2010 e 2011, ata as 6.098 con Rajoy en 2015. Dende ese ano en diante, cadrando co inicio dun novo ciclo electoral e tamén cunha nova conxuntura económica -foi daquela cando o Banco Central Europeo lanzou seu programa de compra de débeda pública-, as prazas MIR convocadas comezaron para o total estatal unha remonta que en Galicia aínda tardaría algo máis en ser significativa.
Case un 60% máis de prazas MIR en Galicia que con Rajoy
As 620 prazas MIR da última convocatoria en Galicia son un 57% máis que hai media década
Sempre segundo as sucesivas convocatorias publicadas no Boletín Oficial do Estado, o descenso de prazas MIR para Galicia principiou en 2010, primeiro ano co PP de Feijóo na Xunta, e continuou de maneira leve pero sostida no tempo ata 2013, pasando de 341 prazas en 2008 e 2009 a 321 en 2013. En 2014 produciuse un salto significativo, ata 376, dando paso a unha nova fase de estancamento que chegaría á súa fin a partir de 2018. Dende aquela a alza veu sendo constante ata as 620 prazas ofertadas neste 2023, un 57% máis que media década antes, o que supón unha suba aínda maior que o 31% acumulado na media estatal dende que Pedro Sánchez accedeu á presidencia do Goberno de España por primeira vez.
Un déficit acumulado difícil de paliar no curto prazo
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, no caso galego o incremento de prazas MIR é porcentualmente aínda máis significativo nun dos elos que máis presión acumula dentro do Servizo Galego de Saúde, a Atención Primaria. As 207 prazas ofertadas en 2022 para este 2023 supoñen un incremento interanual do 45% e un 111% máis que cinco anos antes. Así o destacou a propia Consellería de Sanidade o pasado xaneiro.
As prazas MIR para Medicina de Familia en Galicia aumentaron un 111% en cinco anos, pero o efecto do incremento non é inmediato nos centros de saúde porque a formación dura catro anos
Non obstante, mesmo no caso de que esas 207 prazas se cubran iso non implica que dende este 2023 os centros de saúde do Sergas vaian contar con 207 profesionais médicos máis. Dado que o período de formación MIR dura catro anos, será dentro de media década cando este persoal poida incorporarse plenamente ao sistema. Por ese mesmo motivo, aínda repercuten na actualidade os efectos das reducións de prazas MIR da década pasada, cando a sanidade pública tamén estivo constrinxida pola limitación das taxas de reposición -cobertura só dunha parte das xubilacións- durante o peor da anterior crise para reducir gasto público. E pola mesma razón, aínda é agora cando comezan a chegar ao sistema sanitario os primeiros MIR de Pedro Sánchez.
Esas incorporacións ao Sergas produciranse sempre e cando o persoal que se forma no MIR de medicina de familia finalice a formación nesa especialidade e permaneza na Atención Primaria, no canto de acabar desenvolvendo o seu labor noutros servizos do Sergas ou mesmo traballar fóra del. Como informou Praza.gal, iso foi o que sucedeu con arredor da metade do persoal médico que rematou a súa residencia en Atención Primaria entre 2017 e 2021.
Formarse e quedar na Atención Primaria
En torno á metade do persoal médico que fixo o MIR en Atención Primaria do Sergas entre 2017 e 2021 non ficou nos centros de saúde: "Se non quedan é polas condicións de traballo"
É neste punto onde entra en xogo unha variable que vai alén do número de prazas convocadas e na que persoal sanitario, sindicatos e grupos da oposición galega veñen poñendo o foco nos últimos anos: as condicións laborais e a saturación dos centros de saúde. Así o explicaba recentemente para Praza.gal o doutor Ramón Veras, médico de familia nun centro de saúde da Coruña, titor de persoal MIR de medicina de familia e membro activo de SOS Sanidade Pública.
"Se non quedan é polas condicións de traballo: gústalles a Medicina Familiar e Comunitaria, valoran a relación co paciente e a valoración que reciben del, pero non levan ben o maltrato por parte do sistema e o menosprezo que os médicos de familia recibimos mesmo doutros especialistas. Ese tipo de cousas, nas que non ven melloras, son as que fan que vaian aos PAC, ás urxencias hospitalarias, decidan anotarse a outras especialidades ou marchen fóra", resumía.
Nese "maltrato do sistema" Verás incluía a escaseza de "tempo para ver pacientes" e a "sobrecarga de tarefas burocráticas", saturación que mesmo dificulta o propio traballo de titorización, o mesmo que a Xunta di querer incentivar recuperando o plan lanzado en 2021 para, por exemplo, que médicas e médicos que titoricen o persoal que se forma no MIR ascendan máis facilmente na súa carreira profesional. "Se este fose un traballo máis atractivo desde o punto de vista dun profesional da sanidade non perdiamos un só residente", reflexionaba.
A alta porcentaxe de persoal médico próximo á xubilación acrecenta a saturación e os problemas para formar novos profesionais. A Xunta esixe ao Estado que "flexibilice" os criterios polos que un centro de saúde pode acoller prazas MIR
Na devandita saturación dos centros de saúde é clave a escaseza de persoal médico e esa carencia é tamén un elemento central para que non haxa titoras e titores dabondo. En ambas cuestións, como lembraba Veras, inflúe o feito de que sexa cada vez máis alta a porcentaxe do cadro médico do Sergas que está próximo á xubilación: máis de metade das médicas e médicos con colexiación en Galicia teñen máis de 55 anos e unha cuarta parte xa supera os 65. Faltan médicos porque se xubilan e é difícil cubrir as súas baixas, entre outros moitos motivos porque non hai novo persoal dabondo co MIR finalizado, formación MIR que non pode titorizar ningún médico que estea próximo á xubilación, porque cómpre realizar este labor durante os catro anos que dura a residencia, no caso de medicina familiar e comunitaria.
Este último aspecto, o dos requisitos do persoal titor e dos centros de saúde nos que se realizar a formación MIR, é outro dos cabalos de batalla da Xunta. Eses criterios xerais márcaos o Estado e, como informou Praza.gal, inclúen requisitos como tempos mínimos de consulta de "en torno aos 10 minutos" ou "en torno a 30" pacientes por médica ou médico ao día, ou que o centro conte con consulta de Pediatría. O Goberno galego vén reclamando dende hai tempo que eses criterios se "flexibilicen" e se a súa petición non é atendida, afirman, será mostra de que o Goberno de España non quere facer "o que está na súa man" para paliar a falta de persoal médico.