BNG e PSdeG ven o Goberno de Rueda no "tempo de desconto" e aferrado ao "Feijóocentrismo"

Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, reunidos co consello de administración de Abanca este 27 de febreiro nun dos centros culturais propiedade da entidade en Santiago CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

O mitin do PP da pasada fin de semana en Santiago, co ex-presidente Alberto Núñez Feijóo deixando en segundo plano a Alfonso Rueda, quen á súa vez presentou as eleccións municipais do 28M como "antesala" da campaña do actual líder do PP e afondou implicitamente na idea de ligar o seu futuro na Xunta a que o seu antecesor chegue a gobernar no Estado, segue dando que falar na política galega. Para os grupos da actual oposición, o Goberno de Rueda non fai máis que dar mostras de estar "no tempo de desconto" e aferrado ao "Feijóocentrismo".

Preguntada ao respecto polos xornalistas na rolda de prensa na que presentou a Proposición de Lei Galega de Dereitos Culturais que o Bloque defenderá no Parlamento, Ana Pontón considerou que o propio Rueda comeza a "decatarse" dese "tempo de desconto do PP en Galicia". O seu Executivo, coida, está "esgotado, sen rumbo", "perdido" mentres a "alternativa clara", coida, é a que representa o propio BNG, na liña do que vén manifestando nos actos de precampaña cara ao 28M.

Ana Pontón (BNG) e Luis Álvarez (PSdeG), en senllas comparecencias de prensa este luns no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Pola banda do PSdeG o seu voceiro no Parlamento, Luis Álvarez, lamenta que Alfonso Rueda semelle "máis preocupado de secundar a campaña" do ex-presdiente que "de atender a xestión do Goberno galego". O actual xefe da Xunta, coida, está inmerso no "Feijóocentrismo" e aínda que cabe "entender" que lle profese "certo agarimo" ao seu antecesor, "faría ben en separarse dun líder absolutamente feble, que defrauda cada vez que fala.

O presidente da Xunta e do PPdeG presentou a fin de semana as municipais como "antesala" da campaña de Feijóo, afondando na idea de ligar o futuro dos populares galego na Xunta a que o seu antecesor chegue a gobernar no Estado

Neste sentido, Álvarez pon o foco en que o Goberno galego e o PP de Galicia se aferran ao ex-presidente malia "ás súas erráticas e continuas meteduras de pata en canto a política económica, nacional e internacional". En Galicia, di, debera ser doado contrastar esta actitude, xunto coa "estratexia destrutiva" da Xunta contra o Goberno de España. É por iso, di, que o Executivo do PSOE e UP a través do seu delegado, José Miñones, sinala que a Xunta do PP se limita á "confrontación".

Nese mitin do sábado, Rueda advertiu de que, malia ser as do 28M unhas eleccións municipais, son "antesala de moitas cousas, de cambiar" o Goberno de España porque "así non podemos seguir, xa está ben, xa estamos fartos". Segundo o presidente, as críticas dos socialistas a Feijóo supoñen "dicirnos, manda carallo, que non vales porque es galego e xestionaches Galicia". Neste contexto, agregou, "que se vaian preparando, porque o PP de Galicia coa súa vitoria nas municipais será parte fundamental de axudar a Feijóo a ser presidente" de España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.