Cambio si, pero non aquí

Alfonso Rueda, intervindo no mitin de presentación das candidaturas do PP ás municipais, este 25 de febreiro en Santiago CC-BY-SA PPdeG

Ata agora foi habitual que o PP de Galicia non se axustase en exceso aos lemas e marcas de campaña decididos dende a dirección central do partido. Alén das eleccións galegas, con calendario de seu e cando menos ata agora nunca coincidentes con outros procesos, as liñas gráficas e ideas forza chegados dende a madrileña rúa de Génova adoitaban quedar en segundo plano fronte aos marcados dende o PPdeG ou mesmo dende as direccións locais.

Feijóo reafirma a idea no que as municipais son unha caste de primeira volta das xerais con apelacións continuas a un marco de "cambio" que encaixa con dificultade nos intereses do PP de Galicia

Cara aos comicios municipais o PP galego escollera como lema de precampaña Somos maioría, en referencia á súa necesidade de lograr maiorías absolutas para gobernar, ante a previsible ausencia doutras forzas da dereita para pactar, agás en moi poucos concellos. No entanto, en canto a dirección estatal agora encabezada polo ex-presidente Alberto Núñez Feijóo presentou o seu lema para o 28M -data que é tamén de eleccións autonómicas nunha ducia de territorios-, Entre todos, este é o que prevalece no PPdeG con "Galicia" anteposto, como no resto do Estado, en ocasións xunto ás variantes das candidaturas locais.

Rueda e Feijóo, no mitin do PP este 25 de febreiro no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago © David Mudarra / PP

O Entre todos -lema con reminiscencias dun antigo programa televisivo de infausto recordo- do equipo de Feijóo foi o lema que presidiu este sábado o mitin no que os populares presentaron en Santiago as súas candidaturas ás municipais en Galicia. O acto, á antiga usanza en canto a número de militancia asistente -uns catro mil, destacou o partido, nun contexto no que só os edís logrados polo partido nas anteriores municipais son máis de 1.600 persoas- serviu para amosar como a presenza do ex-presidente deixa nun segundo plano o seu sucesor e actual presidente da Xunta. Tamén para evidenciar que unha das grandes ideas forza dos de Feijóo, o "cambio", encaixa con dificultade nos intereses do PP de Galicia.

Por que Feijóo dea xuntado unha maioría que o invista presidente do Goberno de España pasa boa parte da expectativa conservadora de reter a Xunta. Se a contas non sae, nos círculos do poder galego medrarían as dúbidas sobre Rueda

"Empeza o cambio", "axudádeme para que chegue o cambio", proclamou no Multiusos Fontes do Sar un Feijóo que asegurou que "estamos aquí para cambiar o Goberno". Cambiar o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos. Un "cambio" ao que tamén apelan, por exemplo, os cinco candidatos e dúas candidatas do PP nas sete principais cidades galegas. 

"Cambiar" non é un verbo que interese conxugar en exceso ao actual presidente da Xunta no contexto galego. Así e todo, Alfonso Rueda tamén botou man del para presentar as eleccións municipais como "antesala" das xerais. "Así non podemos seguir, xa está ben, xa estamos fartos", afirmou o titular do Goberno galego en referencia ao Executivo que lidera Pedro Sánchez

Rueda aplaude a Feijóo o pasado xaneiro nun acto do PP en Zaragoza xunto a outros líderes territoriais do partido CC-BY-SA PPdeG

Ex-presidente e presidente, antecesor e sucesor, reafirmaron así o marco no que as municipais son presentadas como primeira volta dunhas xerais e no que o desempeño dos candidatos e candidatas do PPdeG se presenta como "fundamental" para "axudar a Feijóo a ser presidente de España". Porque polo triunfo de Feijóo nas xerais -que o PP sexa primeira forza no total estatal, pero sobre todo que dea xuntado unha maioría absoluta de escanos que o invistan no Congreso- pasa boa parte da expectativa conservadora de reter a Xunta sen abafo nas eleccións galegas previstas para 2024.

Neses mesmos círculos o perfil 'presidenciable' de Pontón comeza a ser considerado como hipótese e o "cambio" que non interesa a Rueda, como posible se Feijóo non triunfa á primeira, Sánchez recunca e o PSOE aposta con forza pola mudanza en Galicia

Ese é, cando menos, o mapa que se observa na contorna e círculos do actual poder galego. Se as contas de Feijóo tras as xerais non son dabondo para gobernar, acrecentaríanse as dúbidas sobre Rueda fronte a un BNG que apela ao "cambio de ciclo" dende 2020 e no que a súa portavoz nacional e candidata, Ana Pontón, pula por acentuar un perfil presidenciable que tamén comeza a ser considerado, cando menos como hipótese, neses mesmos círculos. 

O "cambio" que non interesa a Rueda gañaría aínda máis enteiros, coméntase nesas contornas, se Sánchez recunca na Moncloa e a dirección federal do PSOE dá en apostar con forza pola mudanza en Galicia cun PSdeG que polo momento non ten candidatura á Xunta e sobre o que pairan moitos interrogantes. Un deles, o futuro de José Ramón Gómez Besteiro. Mentres, Rueda pide cambio, si, pero non aquí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.