Dos "dereitos sociais" á "beneficencia televisada"

Un intre do programa © RTVE

"Raquel sufriu un shock séptico e estivo vinte días en coma, conseguimos a súa prótese!". "A solidariedade mellora a vida de Ares, que xa ten unha cama articulada". "Paqui precisa axuda para a súa filla, con parálise cerebral". Son algúns dos casos presentados en Entre todos, o programa de Televisión Española que estende a todo o Estado o formato que ata agora só utilizaba Canal Sur baixo o nome Tiene arreglo. Coa mesma presentadora e a mesma idea, o espazo televisivo baséase na recadación de cartos para os problemas de diferentes familias, cuxos casos adoitan amosarse con conexións ao vivo dende as súas casas. O que dende TVE é presentado como unha vía para "axudar" provocou unha fonda indignación entre as persoas profesionais dos servizos sociais e xa ten unha denuncia ante a Defensora del Pueblo.

Esta reclamación formal interpúxoa a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais e céntrase na utilización da imaxe e das historias relativas a "persoas menores de idade que podería supoñer unha intromisión ilexítima ao dereito á honra, á integridade e á propia imaxe". Pero a súa irritación vai máis alá. En conversa con Praza Pública o presidente deste colectivo, José Manuel Ramírez, explica que "nos gustaría denunciar o programa" por máis motivos, pero este é o seu único "floco legal". "Hai unha posibilidade porque, aínda que lles tapen a cara", os nenos e nenas son "estigmatizados" e ponse en risco o seu "normal desenvolvemento" e a súa "dignidade", prexudicada "ao seren utilizados para recadar favores en beneficio dos maiores, con actividades que poderíamos mesmo cualificar de mendicantes".

A asociación de directores de servizos sociais denunciou o programa ante a Defensora del Pueblo

Mentres a asociación se pregunta por que a Fiscalía de Menores non interviu xa no asunto, debulla as cauxas polas que, ao seu xuízo, o programa debera ser retirado. "É un referente de como as persoas perden a dignidade para poder explicar as súas necesidades e solventar o problema que os angustia", un símbolo do "cambio de modelo" de "garantía de dereitos" polo da "beneficencia televisada". "O Goberno de Rajoy recortou 1.000 millóns na lei da dependencia, 90 millóns do plan concertado de prestacións sociais básicas" e, mentres, lamenta, a "iniciativa" semella ser "encomendarlle á sociedade civil as súas funcións de protexer os máis vulnerables", neste caso a través da televisión pública.

"Cantos programas farían falta para atender a todas as persoas dependentes?"

"Hai oito millóns de persoas usuarias dos servizos sociais en España e un millón de persoas en situación de dependencia, non sei cantos programas de Entre todos habería que facer para atendelos", ilustra Ramírez, para quen resulta "dramática" a estrea dun programa destas características en TVE "tras un ano e medio desmantelando os sistemas de servizos sociais". Ambas circunstancias, acusa, "representan a política canalla deste Goberno" e a súa aposta pola "beneficencia".

O Consello do Traballo Social rexeita participar no programa

Mentres a asociación de xerentes e directores sociais agarda ter algunha resposta da Defensora del Pueblo -"semella que non lle parece urxente", din-, o Consello Xeral do Traballo Social tamén alza a súa voz para "esixirlle a TVE que elimine a emisión" do programa", no seu caso por consideralo "un claro ataque ao Estado do Benestar" e "á universalidade dos dereitos sociais". "Só é un parche para os problemas das familias, cuxa dignidade non se respecta", resumen.

"É inadmisible que a televisión pública vulnere dun xeito tan evidente a dignidade das persoas"

Despois de que a presidenta do Consello, Ana Lima, "rexeitase o convite da dirección do programa para participar como asesora experta", este organismo profesional explica que este espazo televisivo "contradí o Código Deontolóxico do Trabllo Social", tanto no xeito en que aborda os problemas como "dende o puntod e vista da universalidade da axuda, da planificación da axuda e a confidencialidade dos datos da persoa afectada". "É inadmisible que a televisión pública estatal vulnere dun xeito tan evidente a dignidade das persoas mediante un xornalismo do maís amarelo e rancio, que chama ao choro e potencia a mágoa cara á persoa necesitada". "Rexeitamos esta actitude porque defendemos a igualdade e a dignidade social", resumen.

Un intre do programa © RTVE
En ocasións, o público tamén realiza achegas © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.