Besteiro entra en campaña

José Ramón Gómez Besteiro, Mayra García e Valentín González Formoso, este 23 de abril na presentación da candidata do PSdeG á reelección na alcaldía de Trabada CC-BY-NC-SA PSdeG

O pasado 13 de abril, na súa primeira comparecencia ante os medios de comunicación en máis de sete anos, José Ramón Gómez Besteiro amosou a súa disposición a participar nos actos preelectorais e da campaña do PSdeG para as municipais do 28M "onde me chamen e poida axudar como militante, á marxe da tarefa" como delegado do Goberno de España en Galicia. Escasos días despois, a dirección nacional socialista galega informaba as súas agrupacións locais, como adiantou Faro de Vigo, da posibilidade de contar con Besteiro nos seus actos. E a pasada fin de semana, entrou en (pre)campaña.

En coordinación con Formoso, o novo delegado gobernamental en Galicia regresou á area electoral nas presentación das candidatas do PSdeG á reelección nas alcaldías de Trabada e Guitiriz: "A política é alegría", afirma

Mentres reitera que o momento de abordar a súa eventual candidatura á presidencia da Xunta será cando o secretario xeral do PSdeG determine a convocatoria das correspondentes primarias, o lucense regresa á area electoral amosando sintonía ás claras con Valentín González Formoso. Xuntos presentaron este domingo á alcaldesa de Trabada, Mayra García, como candidata á reelección. Esa será unha das claves do PSdeG cara ao 28M: Formoso e Besteiro como dúas caras visibles que, lonxe de amosaren división, se coordinan e duplican presenza e impacto no electorado.

Besteiro, intervindo no acto de presentación de Marisol Morandeira como candidata á reelección na alcaldía de Guitiriz polo PSdeG, o pasado sábado CC-BY-NC-SA PSdeG

Nesta liña, Formoso puxo o foco en Trabada en que a "presenza contundente" nos concellos que auguran para as candidaturas socialistas ten que ver, en boa medida, co seu "discurso moi pegado á defensa dos servizos de protección social" fronte a un PP que, especialmente nos concellos pequenos, di, fai gala de "recortes". Neste sentido, Besteiro lembra como a alcaldesa de Trabada, cando logrou á alcaldía por primeira en 2015 vez sendo practicamente unha "pícara" -daquela estaba a piques de facer 27 anos-, o fixo pedindo a construción dunha residencia de maiores da Deputación "gobernase quen gobernase". "Iso -defende- é o que nos diferencia a nós do PP".

Rueda afirma que Besteiro "xoga de defensa" e "sempre está marcándome" , pero "o PP ten equipo para gañar a calquera Messi" nun mitin no que a candidata dos populares lucenses foi sinalada por unha das integrantes da súa lista como "a Isabel Díaz Ayuso que Lugo necesita"

"Cando se coñece como se traballa no Partido Socialista, un acaba namorando do Partido Socialista", enxalzou o delegado gobernamental, que na véspera participou no mitin de presentación doutra aspirante do PSdeG á reelección, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira. "Cando hai algún problema, o Partido Socialista, non escapa, está a demostrarse", enfatizou, ademais de declarar que "o noso único obxectivo é mellorar a vida" da veciñanza" dos concellos, "de Galicia e de España" nun contexto no que, defendeu, "a política é e debe ser alegría".

Besteiro entra en campaña do PSdeG e, colateralmente, tamén na do PP. Quen o meteu foi o presidente da Xunta e dos populares en Galicia, Alfonso Rueda, que manterá o vindeiro 2 de maio a primeira xuntanza institucional co socialista como novo representante do Goberno de España. Nun mitin de presentación da lista dos populares en Lugo, Rueda ironizou con que, a dirección socialista empregase a finais do pasado decembro un símil futbolístico para equiparar o seu antigo secretario xeral con Messi

Rueda e Candia, nun acto do PP en Lugo este domingo CC-BY-NC-SA PPdeG

"Besteiro xoga de defensa" e "sempre está marcándome" mentres que "Messi é dianteiro" e "dá igual" porque "o PP ten equipo de sobra para gañar a calquera Messi", defendeu na defensa da súa candidata lucense, Elena Candia, á que, recolle El Progreso, tamén eloxiou indicando que "Ayuso está ben, pero nós temos a nosa Candia". Previamente, nun vídeo de presentación, a número 7 da lista electoral dos conservadores no Concello de Lugo, Silvia Colmenero, afirmou que Candia "es la Isabel Díaz Ayuso que Lugo necesita", en referencia á presidenta da Comunidad de Madrid e aspirante á reelección nese cargo.

Formoso atribúe as declaracións de Rueda sobre Besteiro ao "nerviosismo dun PP que ten unha materia pendente" nas municipais e que "depende" dun Feijóo que "cada vez que fala, sobe o pan"

González Formoso atribúe estas declaracións de Rueda sobre Besteiro ao "nerviosismo dun PP que sabe que ten por diante unha materia pendente" nunhas municipais nas que "as perspectivas do Partido Socialista son francamente boas". "Entendo que a marca Feijóo", da que o PP "depende en Galicia", di Formoso, "non axuda nada" porque "cada vez que abre a boca, sobe o pan na panadería do PP". 

Mentres, defende, o PSdeG conta cunha "equipa que traballa arreo", está "cada vez máis forte" e por "iso temos a ilusión de esperar un importante apoio" o 28M. Tamén, afirma, para manter o goberno das deputacións que actualmente dirixen. Neste sentido, despois de que o vicepresidente segundo da Xunta e líder dos populares na provincia da Coruña, Diego Calvo, manifestase en declaracións á SER que non gañaren o goberno na Deputación coruñesa "non sería un fracaso", Formoso saúda que o conservador poña "a venda antes da ferida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.