Había 7 anos e 22 días que José Ramón Gómez Besteiro non falaba ante os medios de comunicación en rolda de prensa. Dende a agre comparecencia na que, o 18 de marzo de 2016, anunciara a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG polas agora arquivadas imputacións que ditara contra el a xuíza Pilar de Lara, só rachou o seu silencio público para tomar posesión o pasado 3 de abril como novo delegado do Goberno de España en Galicia.
Dende a "extraordinaria afinidade" con Formoso, o novo delegado do Goberno de España en Galicia evidencia que as candidaturas ás primarias do PSdeG chegarán "cando corresponde" e amosa a súa disposición a participar na campaña das municipais
Case 2.600 días despois, o marco elixido por Besteiro para volver responder á prensa foi atender, este 13 de abril, o ofrecemento do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para participar nun dos Almorzos on/off que organiza a entidade profesional con persoeiros de diversos eidos e que consisten nun encontro privado con xornalistas con colexiación para, a continuación, ofrecer unha comparecencia pública. Neste marco, Besteiro asegurou estar centrado en "facelo ben" como delegado e, ante a inevitable pregunta dunha eventual candidatura á Xunta, remitiuse ao momento en que sexan convocadas as primarias dun PSdeG ao que ve "reforzado" tras os últimos nomeamentos: o do ministro José Miñones e o seu propio.
Dende a "extraordinaria afinidade" co secretario xeral da formación, Valentín González Formoso, Besteiro apela ao "bo costume" de elixir a candidatura á Xunta a través de primarias para evitar postularse. As candidaturas chegarán "cando corresponda", evidencia, e atribúe á "alegría compartida entre compañeiros" o feito de que, tras o arquivo definitivo das causas que o atinxían, emerxesen diversas voces no seo do propio PSdeG partidarias de que el sexa o vindeiro cartel electoral. A esa convocatoria das primarias, "cando toque", remitíase tamén este mesmo xoves o propio Formoso.
"A rendición de contas sobre os cartos que recibimos temos que facela todos", di Besteiro, que defende que "tamén a Xunta" debe deixar claro "onde chega cada euro" dos fondos europeos transferidos polo Goberno de España, "de onde procede e como se inviste"
"Teño a percepción de que o PSdeG está reforzado como grupo, como idea, como partido e como proxecto no que sumamos todos os que formamos parte desta familia", mantén Besteiro, a mesma "familia" que "me deu apoio durante todos estes anos" e que, augura, vai seguir tendo un "papel protagonista" nas eleccións municipais, porque "dar solucións aos problemas aos cidadáns é o que dá ou quita rédito". Neste sentido, o delegado gobernamental non desbota participar activamente na campaña socialista cara ao 28M. "Teño a intención" e farao "onde me chamen e poida axudar como militante, á marxe da tarefa como delegado", respondeu.
Nun contexto no que nega a existencia como tal dunha "operación Besteiro" para nomealo candidato, Besteiro asegura que neste momento non está "pensando noutra cuestión" que non sexa "estar á altura" do posto que ostenta. E iso implica, di, transmitir á cidadanía "a pé de rúa" que o gabinete que preside Pedro Sánchez trouxo consigo "unha forma de facer política distinta", tanto para "combater a crise" da COVID como con "cifras récord", di, de investimentos planificados para Galicia e mais de transferencias directas á Xunta. Neste sentido, advirte, esa "rendición de contas sobre os cartos que recibimos temos que facela todos, non só a Administración do Estado". Neste sentido, coida que "tamén a Xunta" debe deixar claro "onde chega cada euro, de onde procede e como se inviste" ante as fortes inxeccións de fondos europeos de recuperación.
"Manexar anónimos é xogar con lume"
Alén de manifestar a súa "mestura de sentimentos, de alegría e responsabilidade" polo regreso á vida pública, Besteiro evitou centrar esta primeira comparecencia no periplo xudicial das operacións Pulpo e Garañón que o mantiveron afastado da política. Non obstante, o socialista non evitou responder ao ser preguntado polo feito de que a presidenta provincial do PP de Lugo e actual candidata popular á alcaldía lucense, Elena Candia, fose quen en 2013 trasladou á Fiscalía documentos que recibira anonimamente e que propiciaron as súas imputacións.
"Os cidadáns valorarán se esa forma de facer política é positiva ou negativa", responde sobre o eventual impacto dos anónimos de Candia na súa candidatura polo PP de Lugo nas municipais
"Manexar anónimos é como xogar con lume", reprochou Besteiro, quen alén da "valoración persoal" sobre Candia, defende que "cando un forma parte dunha institución", como era o caso da conservadora naquela altura -era voceira do PP na Deputación de Lugo-, "ten mecanismos máis que suficientes para discutir, pedir aclaracións, solicitar información, discrepar da información que se solicita". "E, finalmente, acudir aos tribunais".
"Pero xogar con anónimos é moi perigoso", abonda Besteiro, "porque un non pode evitar que calquera cidadán pense en quen fixo ese anónimo; non é bo facelo, eu non o faría". Neste contexto, preguntado por unha eventual influencia desa conduta de Candia no seu percorrido como candidata, conclúe que "os cidadáns valorarán se esa forma de facer política é positiva ou negativa".