As 'mareas' afunden nas cidades mentres resisten nas vilas

A Marea Atlántica quedou sen representación no Concello da Coruña CC-BY-SA Marea Atlántica

No ano 2015, as candidaturas municipalistas galegas obtiveron un grande éxito nas eleccións locais, sobre todo nas cidades da Coruña, Compostela e Ferrol, onde Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común chegaron á alcaldía. Catro anos despois, as mareas perderon o bastón de mando das tres cidades coruñesas e parte do pulo que herdaran da indignación e a resposta á grave crise económica e os recortes nucleada arredor do 15M ou de experiencias de confluencia como a de AGE nas autonómicas de 2012. 

As eleccións de 2019 supuxeran xa o inicio do declive e dun ciclo electoral no que todo ese espazo político viu diminuír de xeito importante a súa representación, tamén no Congreso e no Parlamento galego, onde Galicia en Común quedou fóra logo de que En Marea chegase a ser a primeira forza da oposición. O cambio de tendencia e a división impactou de pleno nas mareas, cuxa caída urbana foi aínda maior da esperada nas cidades este 28M. Pola contra, varias candidaturas municipalistas resistiron ou mesmo melloraron en moitas vilas galegas onde non houbo fragmentación do espazo de confluencia e onde a dinámica local impúxose á retórica estatal de desacordo e á axenda allea á realidade máis achegada. 

O golpe foi duro, durísimo, para o espazo municipalista nas cidades, onde pasaron de 16 representantes a catro. Especialmente na Coruña, coa desaparición do consistorio da Marea Atlántica, que foi a primeira das mareas conformada e aglutinadora en Galicia e que hai só oito anos accedera á alcaldía da man de Xulio Ferreiro. A división, desta vez, foi clave na perda dos seis edís e nunha baixada que, aínda que agardada, non se prevía tan grande. 

A Marea Atlántica queda sen representación na Coruña; a suma do obtido pola candidatura municipalista e a de Podemos suporía o 9% dos votos e dous edís

Foi clave o divorcio entre Podemos e a Marea Atlántica, logo de que xa en 2020, Isabel Faraldo, que entrara na corporación en substitución de Xiao Varela -responsable de Urbanismo no mandato anterior- tomou posesión como edil non adscrita para "dar voz" á formación morada e á marxe do grupo do espazo municipalista, que pasou a considerala "tránsfuga". 

De cara ás eleccións municipais, Podemos -xunto a Esquerda Unida e Alianza Verde- impulsou outra candidatura (Por Coruña) liderada por outro dos que fora concelleiro no goberno de Xulio Ferreiro, José Manuel Sande, que contou co apoio efémero na campaña da ministra Yolanda Díaz, que só horas antes apoiara en Santiago a Compostela Aberta, espazo que mantivo dentro todas as pezas da confluencia. 

Sadamaioría, con Benito Portela como cabeza de lista, gañou as eleccións en Sada CC-BY-SA Sadamaioría

A Marea Atlántica sumou máis de 5.600 votos pero non chegou ao 5% (4,67%) e quedou fóra do consistorio, ao igual que a lista de Podemos, con case un milleiro de votos menos e algo máis do 4% dos sufraxios. En total, perto de 10.500 votos que non supuxeron representación ningunha e que, en conxunto, terían suposto un mínimo de dous edís na corporación municipal ao xuntar o 9%, cifra moi afastada, no entanto, do máis do 20% que a candidatura municipalista obtivera hai catro anos.

Ferrol en Común resiste malia perder un edil, Compostela Aberta cae máis de dez puntos pero mantense no consistorio e Marea de Vigo perde a representación

A división foi letal para as mareas, aínda que o descenso en apoio foi evidente tamén aló onde mantiveron a confluencia. En Santiago, Compostela Aberta mantívose no consistorio con dous edís fronte aos cinco obtidos en 2019 logo de ver reducido o seu apoio en máis de dez puntos: do 20% ao 9%. En Ferrol, Ferrol en Común aguantou, igualou case os resultados (obtivo o 9,6% dos votos fronte ao 10,7% de hai catro anos) pero perdeu un concelleiro. Obtivo uns 2.900 votos, 757 menos que nas anteriores eleccións. Podemos, que decidiu concorrer pola súa conta e en solitario, obtivo 500. 

Pola súa banda, en Vigo, a Marea de Vigo (desta vez, Podemos-Marea de Vigo) tampouco deu superado o 5% dos sufraxios e quedou fóra da corporación logo de perder os dous edís que mantiña desde 2019. En Ourense, Agora Ourense conseguiu forxar unha candidatura unitaria pero só apañou 781 votos e o 1,43%, resultado inferior a calquera das tres opcións que hai catro anos se presentaran no espazo municipalista -3,67% de Ourense en Común), 2,63% de Podemos-EU e 1,97% de Ourense Mellor- e que todas xuntas superaran o 8%. 

Candidatura de Rianxo en Común, vencedor das eleccións en Rianxo CC-BY-SA Rianxo en Común

Porque no ano 2019 a fragmentación das mareas en Lugo, Ourense e Pontevedra deixara estas listas sen representación nestas cidades. E foi así a pesar de obter máis do 10% dos votos en Lugo (o 3,95% de Podemos, o 3,29% de Lugonovo e o 2,75% de ACE-EU-Equo) e de sumar máis do 6% en Pontevedra (o 3,6% da Marea de Pontevedra e o 3,04% de Podemos-EU-Son en Común). Ao igual que na cidade das Burgas, nas capitais lucense e pontevedresa desta vez só se presentou unha lista neste espazo pero os resultados foron moi pobres: o 1,44% na primeira (Podemos-EU-AV) e 1,39% na segunda (Podemos-AV). 

Rianxo en Común e Sadamaioría gañaron as eleccións mentres que as candidaturas municipalistas de Gondomar, Neda ou Salceda melloraron resultados

Mentres nas cidades as candidaturas municipalistas sufriron un enorme desgaste, non ocorreu o mesmo, polo xeral, en moitas vilas, algunhas delas símbolos agora de resistencia do espazo. Destaca o caso de Sadamaioría, en Sada, onde o que foi alcalde, Benito Portela, alcanzou máis do 33% dos votos, incrementou o apoio e conseguiu un edil máis ata sumar sete, podendo formar goberno co apoio de BNG e PSdeG. Todo logo de sufrir unha polémica moción de censura aos poucos meses de finalizar o mandato. 

Ademais, en Rianxo, Rianxo en Común dobrou resultados, rozou o 30% dos sufraxios e ten todas as cartas ao seu favor para alcanzar a alcaldía grazas aos seus cinco concelleiros, tres máis que hai catro anos. 

As candidaturas municipalistas de Gondomar, Neda ou Salceda de Caselas tamén incrementaron apoio, mentres que outras de importantes vilas como Boiro (Boiro Novo) ou Vilalba (Vilalba Aberta) resistiron e manteñen representación nos concellos. Tamén en Teo onde, no entanto, o descenso en máis de dez puntos e dous representantes (de 4 a 2) foi tamén clave na vitoria da dereita. 

Na Pobra, a formación que aínda goberna a localidade perdeu 13 puntos e dous edís, quedando con tres e vendo como o PP pode recuperar a alcaldía malia sumar aínda o 23% dos sufraxios. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.