Inserir a ex-socialista como tránsfuga nun goberno do PP en Lugo contradí a lei local e unha recente sentenza

Xunta Directiva do PP de Lugo e Reigosa nun vídeo electoral do PSdeG, sobre unha imaxe da casa consistorial lucense CC-BY-SA Foto: Diego Delso | Montaxe: Praza.gal

A posibilidade dunha moción de censura en Lugo asinada polo PP canda a ex-socialista María Reigosa, que chegou a concelleira pola morte dun compañeiro de candidatura hai apenas medio ano, condiciona por completo a vida política da cidade e axita a galega en xeral. A necesidade de "estabilidade" coa que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, dá o seu aval ás operacións en marcha semella, cando menos de momento, nos antípodas dunhas negociacións que tanto o grupo de Elena Candia como a potencial tránsfuga admiten. Máis aínda ante a hipótese de que unha das esixencias de Reigosa sexa ser parte do eventual goberno do PP.

A Lei de Bases de Réxime Local impide que os "dereitos económicos e políticos" dos edís non adscritos como Reigosa sexan "superiores aos que lles corresponderían se permanecesen no grupo de procedencia"

Esa reclamación deixouna caer este luns Reigosa en declaracións a El Progreso, xornal ante o que sinalou que o seu apoio aínda non está pechado tras dalo practicamente por feito previamente noutra entrevista con La Voz de Galicia. Non apoiaría desbancar o goberno de PSdeG e BNG sen "participar" como integrante do novo gabinete do PP, vén dicir. Pero esa pretensión colisiona, cando menos, coa Lei de Bases de Réxime Local e tamén cunha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a respecto do transfuguismo no que se baseou a moción de censura aprobada en 2022 no Concello de Sada.

"Os dereitos económicos e políticos dos membros non adscritos non poderán ser superiores aos que lles corresponderían se permanecesen no grupo de procedencia", di esta lei estatal. Cando, tras renunciar ás competencias de Zona Rural que lle asignara o alcalde, Miguel Fernández, Reigosa decidiu a finais de marzo abandonar o grupo de goberno tras darse de baixa no PSdeG e manter a acta como como edil non adscrita, non tiña soldo municipal nin tampouco competencias de Goberno. Ese sería o rango que tería que manter se opta polo transfuguismo, explican fontes xurídicas consultadas por Praza.gal.

O ditame do Tribunal Superior que invalidou os cargos e soldos dos tránsfugas de Sada, subliñan fontes xurídicas, evidencia que se a ex-socialista opta polo transfuguismo para investir a Candia non podería ser membro do gabinete que forme o PP, como reclama

As mesmas fontes inciden na importancia da sentenza de Sada para atrancar outros hipotéticos escenarios, como por exemplo que Reigosa tivese competencias nun goberno do PP pero seguise exercendo o seu posto como funcionaria de Costas -competencia recentemente asumida pola Xunta-. Trataríase dun incremento de "dereitos políticos" tamén contrario á norma como, resaltan, igualmente certificou o Tribunal Supremo ao validar a anulación do nomeamento da antiga edil de Ciudadanos Mónica Martínez como concelleira do goberno do PSdeG na Coruña no anterior mandato.

Desta maneira, atendendo a eses marcos legais, se Reigosa asina finalmente a moción de censura a súa conversión en tránsfuga tería que limitarse a votar co PP na investidura de Candia e nas sucesivas sesións plenarias. Da legalidade da súa participación na votación para cambiar a alcaldía si que non existirían dúbidas legais por mor doutra sentenza, a que emitiu o Tribunal Constitucional o pasado 2025 anulando o precepto legal que invalidaba o voto dos tránsfugas nas mocións de censura.

Miguel Fernández, alcalde socialista de Lugo, no pleno no que foi investido en marzo de 2025 © Concello de Lugo

Pero o goberno local estaría composto, como agora, por 12 membros. Sería, daquela, un gabinete en minoría como o actual e dependente en igual medida da vontade de Reigosa en cada votación, en idénticas condicións ao que agora sucede ao goberno de coalición que encabezan o socialista Miguel Fernández e o nacionalista Rubén Arroxo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.