Rueda defende o "dereito" do PP de gobernar Lugo malia as "desgrazadas mortes" no PSdeG, que apela á "ética"

Rueda no debate con Besteiro na sesión de control deste martes CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

Besteiro pregúntase "que ética hai nun político que mira unha familia en loito e di 'esta é a miña oportunidade'"

A situación da economía galega era o tema sobre o que ía preguntar este martes o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ao presidente da Xunta no Parlamento, pero a sesión de control acabou converténdose nun cruce de acusacións e reproches a conta da ameaza dunha moción de censura inminente no Concello de Lugo por parte do PP cunha tránsfuga socialista. Se este luns Alfonso Rueda avalaba cunha certa distancia que o grupo municipal popular formulase esa censura, deitando a responsabilidade e concelleiros e concelleiras, este martes o presidente implicouse máis activamente na defensa da operación de remuda.

Besteiro, coa ex-alcaldesa de Lugo Lara Méndez ao lado, na sesión de control deste martes CC-BY-SA PSdeG

Besteiro preguntou aos populares se "acceder á alcaldía pola morte de tres edís parécelles un comportamento ético". O socialista defendeu que a cidade de Lugo está "gobernada por bos xestores pero sobre todo por boas persoas, que gobernan desde a decencia" e preguntouse "que ética hai nun político que mira unha familia en loito e di 'esta é a miña oportunidade'". "Ten que elixir entre a inmoralidade de avalar unha moción de censura ou a decencia de desautorizala", reclamou Besteiro a Rueda.

"Cando un non ten límites para chegar ao poder, que pensan que van facer cando o teñan?", pregúntase Besteiro

A resposta do presidente foi culpar ao propio Besteiro da "inestabilidade" de Lugo sinalando á ex-rexedora e agora deputada Lara Méndez, da que dixo que "perdeu as eleccións" en 2023 "e aos sete meses deixou a Alcaldía" para ocupar un escano no Parlamento de Galicia. "Aí comezou a inestabilidade de Lugo", asegurou Rueda.

O presidente defendeu o dereito do PP a gobernar Lugo malia "as desgrazadas mortes que se produciron", en referencia á da sucesora de Méndez na Alcaldía, Paula Alvarellos, e do concelleiro Pablo Permuy, que permitiron a entrada na Corporación de María Reigosa, agora favorable aos populares. Ademais hai tres semanas morreu unha terceira edil socialista, Olga López Rocamonde. Para Rueda, "as desgrazadas mortes que se produciron non poden servir para apelar que o alcalde é boa persoa".

O líder popular defendeu que igual que o PSdeG impulsou hai uns meses unha moción de censura en Noia contra os populares, agora o PP ten "todo o dereito cando menos a tentar rexer e endereitar a cidade".

Pero o socialista Besteiro insistiu nas circunstancias en que se produciría esta moción de censura, tras a morte de edís. "Cando un non ten límites para chegar ao poder, que pensan que van facer cando o teñan?", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.