O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, avalou este luns que o seu partido presente unha moción de censura no Concello de Lugo contra o goberno local de PSdeG e BNG contando co voto dunha concelleira tránsfuga do grupo socialista. Rueda deixa a decisión final en mans do partido local e de "quen ten capacidade de asinar esa moción de censura que son os concelleiros e concelleiras de Lugo".
O presidente dos populares galegos deixa a decisión final en mans do PP local e de "os concelleiros e concelleiras que teñen capacidade de asinala"
Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns se avala a posible moción de censura en Lugo apoiada nunha tránsfuga, en referencia á disposición da concelleira ex-socialista María Reigosa, que entrou na Corporación tras a morte doutro compañeiro. O presidente comezou dicindo que "non é cuestión de avalar, a decisión a ten que tomar quen ten capacidade de asinar esa moción de censura que son os concelleiros e concelleiras".
Pero pouco despois foi repreguntado sobre se o PPdeG, con el á fronte, non ten unha postura a respecto dun movemento así nunha capital de provincia. "Se a pregunta é se o PP prohibiu esa moción de censura, a resposta é que non", dixo. E máis adiante engadiu que "se ao final a decisión de facela ou non facela depende de alguén, polo que respecta ao PP, é ao PP de Lugo".
Rueda tentou xustificar a moción de censura en Lugo argumentando que "o Concello non está a funcionar adecuadamente por múltiples razóns" e lembrou que "o PP quedou a un concelleiro da maioría absoluta". O líder popular tamén lembrou que a lexislación permite unha operación así e que o PSdeG vén de facerse coa alcaldía de Noia co apoio dun concelleiro que antes estaba no PP. "Se a esquerda non é capaz de articular unha maioría estable en Lugo, non é problema do PP", dixo Rueda, salientando o dereito dos populares a realizar a operación. "A nosa obriga é darlle a Lugo estabilidade", sentenciou.
Rueda lamenta as mortes no grupo municipal socialista pero lembra que foi o PSdeG quen elixiu as persoas que integraron a súa lista
Por último, e máis alá da legalidade da operación, Rueda foi preguntado pola derivada ética que tería logo das circunstancias nas que chegaría esta censura, ao apoiarse nunha concelleira que antes era do PSdeG que entrou na Corporación logo das mortes de dúas persoas que ían por diante dela na lista socialista: a alcaldesa Paula Alvarellos e o concelleiro Pablo Permuy. "Houbo sucesos desgraciados que lamento", dixo Rueda, que a continuación lembrou que "falamos dunha persoa que ía nas listas do PSOE", ao que atribuíu a responsabilidade de elixir as súas persoas candidatas.