A ex-socialista que chegou a edil en Lugo pola morte dun compañeiro bríndase a dar a alcaldía ao PP

Alfonso Rueda, Elena Candia e Paula Prado, nunha Xunta Directiva do PP de Lugo; e María Reigosa, nun vídeo do PSdeG para as municipais de 2023 CC-BY-SA PP | PSdeG

Aceleran as operacións en marcha en Lugo para que o PP local sume o voto tránsfuga da ex-socialista María Reigosa e desbancaren así o Goberno local de PSdeG e BNG mediante unha posible moción de censura. Alén dunha actividade case frenética de ruxerruxes e contactos máis ou menos discretos, a aceleración dos últimos días chegou a golpe de entrevistas nos xornais máis lidos da cidade.

María Reigosa admite negociacións co grupo de Elena Candia, sinala en declaracións a La Voz de Galicia a posible censura como "oportunidade" e matiza despois en 'El Progreso' que "non sei se me vou atrever"

A última, a publicada este luns por La Voz de Galicia na que a edil que chegou a selo pola morte dun compañeiro de candidatura admite as negociacións e brinda o seu voto para facer alcaldesa á líder do PP local, Elena Candia. Non obstante, escasas horas despois, en declaracións a El Progreso, matiza a súa postura para volver admitir que "está falando" cos de Candia, "pero non sei se me vou atrever". Previamente, no mesmo xornal lucense, o número dous do PP na provincia e xefe territorial da Consellería da Presidencia, Javier Vázquez Nodal, alentaba a conversión da non adscrita en tránsfuga para unha moción de censura "máis que xustificada".

Alfonso Rueda e Paula Prado, con Elena Candia e o secretario provincial do PP lucense nunha xunta directiva do partido en Lugo CC-BY-SA PP

Pasaron xa 31 anos da última ocasión en que o PP obtivo nas urnas maioría para gobernar Lugo. Foi nas municipais de 1995 con Joaquín García Díez, que non recuncou como candidato en 1999 polos enfrontamentos internos dun PP controlado na altura na provincia por Francisco Cacharro Pardo. Vinte e sete anos despois do primeiro goberno de coalición PSdeG-BNG, daquela con Xosé López Orozco á fronte, Reigosa valora entregarlles o bastón de mando alegando razóns máis persoais ca políticas. E faino nun contexto marcado pola fatalidade no PSdeG local.

31 anos despois da última ocasión en que o PP obtivo nas urnas maioría para gobernar Lugo, Reigosa valora entregarlles o bastón de mando a un ano das eleccións nun mandato marcado por tres falecementos na parte socialista do goberno local

A agora edil non adscrita foi a número 11 do PSdeG nas eleccións municipais de 2023, cando a candidatura socialista obtivo 8 edís que, sumados aos 5 do BNG, compuxeron un novo goberno da esquerda con maioría absoluta (13 edís de candidaturas que sumaron 23.451 votos) fronte aos 12 edís dos acendente PP (21.459 votos). A principios de 2024 Lara Méndez renunciou á alcaldía para concorrer ás eleccións galegas e deu lugar ao primeiro corremento da lista. En 2025 o falecemento da alcaldesa Paula Alvarellos e a posterior morte do tamén concelleiro socialista Pablo Permuy propiciaron a entrada de Reigosa nunha corporación á que volveu o loito hai poucos días polo pasamento doutra concelleira do PSdeG, Olga López Racamonde.

Quen agora admite que valora a posibilidade do transfuguismo estivo no goberno que dirixe Miguel Fernández apenas dous meses tras os que renunciou ás competencias de Zona Rural que lle asignaran -por discrepancias en canto a organización e por non lle outorgaren unha dedicación exclusiva, alega-. Pouco despois deuse de baixa no PSdeG -fíxoo, asegura este luns a La Voz, pola xestión das acusacións de acoso sexual contra José Tomé- e a continuación, abandonou o Grupo Municipal Socialista para quedar como non adscrita.

Miguel Fernández (PSdeG), alcalde de Lugo, recibindo o bastón de mando en marzo de 2025 de mans de Rubén Arroxo (BNG), tenente da alcaldía CC-BY-NC-SA BNG Lugo

Tras este último paso sostivo durante semanas que a súa intención pasaba por defender os intereses da veciñanza con máis liberdade, pero sen apoiar unha moción de censura que agora adxectiva como "necesaria" porque a cidade precisa "un cambio de ciclo". E, sinala, existen diversos enfrontamentos entre os socialistas lucenses. 

No PSdeG, que este domingo fixo transcender unha enquisa segundo a cal nun novo paso polas urnas o electorado reeditaría a maioría de esquerdas, consideran que o máis probable é que a censura acabe saíndo adiante. "Mentres Lugo precisa solucións, eles só buscan cadeiras", criticaron este domingo nunha mensaxe a través das redes sociais.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.