"Tres mortos e unha tránsfuga son os avais de Candia para asaltar o Concello", di o alcalde de Lugo

Miguel Fernández, alcalde de Lugo, comparecendo tras confirmarse a moción de censura, nunha imaxe da TVG CC-BY-SA TVG

O aínda alcalde de Lugo, Miguel Fernández, compareceu ante o Concello poucos minutos despois de que Elena Candia e María Reigosa ofrecesen a rolda de prensa na que explicaron a moción de censura que converterá a primeira en alcaldesa da cidade. 

"Tres mortos e unha tránsfuga son os avais de Candia para asaltar o Concello", di o alcalde, que advirte que o obxectivo da futura rexedora é "a Deputación para montar un feudo caciquil"

O rexedor socialista —arroupado polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e mais pola ex-alcaldesa e deputada no Parlamento, Lara Méndez— non aforrou cualificativos nin contundencia á hora de cualificar a operación impulsada polos populares. "Tres mortos e unha tránsfuga son os avais de Candia para asaltar o Concello na súa aloucada carreira sen escrúpulos nin límites cara ao que realmente pretende, que é a Deputación para montar un feudo personalista, caciquil e anticuado nesta provincia", resumiu. 

Miguel Fernández, chegando ao pleno que o elixiu o pasado 11 de marzo de 2025 como alcalde de Lugo © Concello de Lugo

Con todo, Fernández ollou xa cara ao futuro, centrado nas eleccións municipais previstas na primavera de 2027. "Non teñan dúbida, dentro dun ano estaremos gobernando esta cidade porque os lucenses non perdoan a traizón", dixo no exterior, ante a sede do Concello, a onde foi trasladada unha comparecencia prevista inicialmente nunha das salas interiores. Nela estivo acompañada por edís e cargos socialistas. 

"Non teñan dúbida, dentro dun ano estaremos gobernando esta cidade porque os lucenses non perdoan a traizón", advirte Fernández

O aínda rexedor asegurou que non hai motivo ningún para presentar a moción de censura porque "o Concello funciona". E volveu augurar un mal resultado para o PP e para Candia. "A estratexia vaille saír mal, os veciños están indignados", dixo tras ver como se consumaba "a felonía que moitos e moitas non acabábamos de crer, entre eles, eu". 

"Inverosímil, ilóxico e inxusto"

"Non o cría por inverosímil, por ilóxico a un ano vista das eleccións, pero sobre todo por inxusto, porque é profundamente inxusto pola imaxe que se está transmitindo da cidade, que non é a que se está trasladando", denunciou. 

Ademais, Miguel Fernández asegurou ter a conciencia tranquila por ter feito, dixo, "todo o posible por integrar" a Reigosa no grupo municipal socialista. Asegurou que ela pretendía que os funcionarios estivesen ao seu servizo fóra de horario laboral, algo que "non era posible". "Son sxcusas de mal pagador, sempre me falou de prebendas, de salarios, de vantaxes".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.