Política Social defende axudas para conciliar ás familias rápidas e non ás necesitadas: "Compiten en igualdade"

Política Social defende axudas á conciliación ás familias máis rápidas e non ás máis necesitadas: "Compiten en igualdade" CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta obvia as recomendacións do Consello de Contas, que ve risco de "fraude" e "información privilexiada" nas axudas que dá por orde de petición ata esgotar os cartos, como os 2,6 millóns para conciliar gastados antes de rematar o prazo de solicitude

O pasado setembro a Consellería de Política Social convocou axudas á conciliación ás familias para situacións puntuais ou vacacións escolares dotadas con 2,6 millóns de euros. Como contou Praza.gal, o prazo de solicitude remataba o 8 de outubro, pero cinco días antes quedaron esgotadas porque o sistema para outorgar as axudas elixido pola Xunta foi o de concorrencia non competitiva, no que as subvencións son concedidas ás peticións máis rápidas ata que se acaben os cartos. 

Agora Política Social vén de xustificar ante o Parlamento, tras unha pregunta do PSdeG, o sistema destas axudas que prima ás familias máis rápidas e non ás máis necedsitadas. Segundo di, "a axuda está deseñada de tal forma que todas as familias compiten en igualdade de condicións". Algo do que vén discrepando o Consello de Contas.

Resposta oficial da Xunta sobre as súas axudas á conciliación outorgadas ás peticións máis rápidas ata esgotar os cartos CC-BY-SA Praza Pública

Este tipo de convocatorias de subvencións nas que os cartos se entregan por orde de recepción das solicitudes que cumpran uns requisitos básicos, sen priorizar nin puntuar todas as que se pidan en prazo, denomínase por concorrencia non competitiva, a diferenza da concorrencia competitiva na que se bareman todas as solicitudes presentadas dentro do prazo para despois outorgar ás axudas ás que obteñen maior puntuación. 

Sobre a concorrencia non competitiva vén pronunciándose de xeito crítico o Consello de Contas, a última vez nun informe específico sobre "riscos na área de subvencións" da Xunta feito público en outubro dentro da súa área de traballo de prevención da corrupción.

Contas vén advertindo contra as axudas por concorrencia non competitiva, en ocasións esgotadas nuns poucos minutos

Entre as súas recomendacións Contas pide á Xunta "incrementar o emprego das axudas en concorrencia competitiva fronte aos procedementos de concesión directa" polo "risco de limitación da concorrencia" que supón. O ente fiscalizador tamén pide "manter e estender a todas as bases das axudas en concorrencia non competitiva a fixación dun intervalo de tempo entre a convocatoria das axudas e a apertura do prazo de presentación de solicitudes" polo "risco de fraude" que supón un prazo demasiado curto. Contas sinalou no seu informe que "ligada ao risco de subministración de información privilexiada está a selección dos beneficiarios por orde de presentación das solicitudes ata o esgotamento de créditos cando as axudas se convocan en réxime de concorrencia non competitiva".

Sede do Consello de Contas de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

No caso do Bono Concilia Familia, logo de anos anteriores en que o prazo se abriu no mesmo momento de publicación no DOG, desta volta Política Social deixou pasar catro días entre a convocatoria no DOG un xoves e o inicio de solicitudes o luns seguinte. Noutros casos, outras consellerías chegaron a abrir o prazo de petición doutras axudas "ao día seguinte" da publicación no DOG, o que levou a presentar solicitudes na medianoite esgotándose os cartos nuns poucos minutos.

Ante o ocorrido coas axudas á conciliación, o PSdeG fíxose eco da información publicada por Praza.gal e preguntou no Parlamento se Política Social ten previsto "seguir as recomendacións do Consello de Contas á hora de realizar as convocatorias dos Bonos Concilia Familia". A resposta da Xunta obvia por completo as recomendacións de Contas e céntrase e gabar as súas políticas de conciliación e en salientar que a concorrencia non competitiva está permitida pola lexislación. Pero vai máis alá e asegura que "o importante, en todo caso, é resaltar que a axuda está deseñada de tal forma que todas as familias compiten en igualdade de condicións". 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nun campamento no que publicitou as axudas á conciliación que se esgotaron cinco días antes de rematar o prazo de solicitudes CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Para Política Social a "igualdade de condicións" en que compiten todas as familias polas axudas á conciliación refírese a que poden pedilas tanto quen a precisa para xullo como para agosto

Esa igualdade de condicións, para a Xunta, non se refire ás necesidades económicas de cada familia ou á súa axilidade cos procedementos informáticos cos que hai que pedir as axudas. Para Política Social a igualdade das súas axudas radica en que poden recibilas quen precisa conciliar tanto en xullo como en agosto. Así, a consellería salienta textualmente que "o prazo de inicio de presentación de solicitudes comeza unha vez rematado o período non lectivo do verán, para que todas as familias estean en igualdade de condicións á hora de poder presentar a súa solicitude. É dicir, as familias que utilizan unha actividade de conciliación en xullo teñen as mesmas oportunidades que unha que o utiliza en agosto". Concilien en xullo ou en agosto, as familias, di a Xunta, "compiten en igualdade de condicións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.