Cando a defensora da conciliación impide conciliar: máis condenas a Política Social por nin negociar peticións do persoal

A conselleira de Política Social e o presidente da Xunta e sentenzas condenatorias por non negociar as peticións de conciliación do persol CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Os tribunais seguen criticando que o Goberno galego nin sequera responda, como obriga a lei, as peticións de adaptación de horario que fai o persoal

O Estatuto dos Traballadores establece, no seu artigo 34.8, que estes teñen dereito a solicitar a adaptación da súa xornada laboral "para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral", para o que o empregador "abrirá un proceso de negociación" que non pode durar máis de 15 días. A empresa pode denegar a petición da persoa empregada, pero ten que motivalo e en todo caso tras unha negociación real. 

Malia eses requisitos legais, diversos departamentos da Xunta veñen sendo condenados por denegar sen nin sequera negocialas as peticións de conciliación do seu persoal. Condenas que en ocasións mesmo establecen indemnizacións para os afectados por danos e prexuízos.

Rueda e Fabiola García nunha escola infantil CC-BY-SA Xunta de Galicia

Esas condenas xudiciais por nin sequera negociar as peticións de conciliación non se producen só na administración senón tamén en moitas empresas privadas, pero son especialmente rechamantes cando recaen en departamentos do Goberno galego que teñen entre os seus obxectivos a promoción da conciliación. É o caso da Consellería de Política Social, da que depende o departamento de Igualdade, que se obriga a si mesma a "proporcionar modelos de flexibilidade no contorno de traballo que sirvan de exemplo ao resto das organizacións". Ou o Consorcio de Igualdade e Benestar, que depende da mesma consellería e está conformado a medias cos concellos e que ten entre os seus obxectivos "adaptarse ao concepto de familia do século XXI e permitir a conciliación da vida laboral e persoal da cidadanía galega". 

Nunha recente sentenza Política Social é condenada por denegar unha conciliación máis de tres meses despois de que lla pediran e sen facer unha contraproposta, e noutra un xulgado di que "a administración non tomou en serio a solicitude"

Malia esas afirmacións o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) segue emitindo condenas contra a Consellería de Política Social e o Consorcio de Igualdade e Benestar, defendido pola avogacía da Xunta, por nin sequera negociar as peticións de conciliación do seu persoal.

Nunha sentenza feita pública nas últimas semanas con data do pasado 6 de xuño o tribunal dá a razón a unha empregada dun centro do Consorcio de Igualdade en Chantada que tras o nacemento dun fillo pediu facer a súa xornada laboral de luns a venres de 9 a 16.30 horas e que como segunda posibilidade estaba disposta a reducirse a xornada laboral, e polo tanto cobrar menos, e traballar de 9.30 a 16.00 horas. A muller fixo a súa petición o 31 de maio de 2023 e non lle responderon ata o 12 de setembro denegando a súa petición alegando de forma xenérica supostas imposibilidades organizativas. 

Sentenza que condena a Política Social por non negociar a conciliación que lle pedía unha traballadora CC-BY-SA Praza Pública

A muller foi á xustiza e un xulgado do Social deulle a razón. Pero a Xunta recorreu e agora o TSXG ratifica que a traballadora tiña dereito. Faino lembrando que a lei establece que "a empresa debe tomar en serio esa solicitude, motivando as razóns determinantes da negativa ao exercicio do dereito e ambas partes deben negociar de boa fe". 

Porén, neste caso a muller non tivo resposta ata "despois duns tres meses e medio" e "sen que se realizase unha contraproposta". Para o tribunal xa "valería para confirmar" o dereito da muller. Pero o TSXG engade que ademais "non constan cales son as necesidades organizativas da empresa que impiden a esta acceder á petición".

Hai uns meses era un xulgado do Social de Vigo o que daba a razón a outra traballadora e condenaba a Consellería de Política Social a aceptar o horario de 7.30 a 15 horas de luns a venres que lle reclamaba unha limpadora cun fillo de dous anos e medio e familia monoparental. A consellería denegou por dúas veces as súas peticións sen nin sequera negociar con ela. 

Sentenza que condena o Consorcio de Igualdade por non negociar a conciliación que lle pedía unha traballadora CC-BY-SA Praza Pública

Así que a sentenza considera "esencial" que "a administración non cumpriu a obriga legal de negociación". Tamén salienta que motivación que alegou a empregada para a súa petición era suficiente "ante o seu horario de traballo e os horarios da gardería, sen desdeñar custodia única do menor". Porén, engade, "a administración non tomou en serio a solicitude, porque nin iniciou período de negociación, nin constan contrapropostas, nin se aclara se implicou a outros traballadores para buscar disposicións, limitándose a contestar extemporaneamente". 

Mesmo di que "se iniciase un período de negociación real, e de boa fe, poderíanse ter máis datos sobre a posibilidade de que a demandante aquilatara a súa petición". "En todo caso, sen esa negociación non se pode cargar de razón á administración desde unha fría contestación sen datos adecuados", conclúe a sentenza.

Condenas previas

Política Social ou o Consorcio de Igualdade din ter entre os seus obxectivos "proporcionar modelos de flexibilidade no traballo que sirvan de exemplo" ou "adaptarse ao concepto de familia do século XXI e permitir a conciliación"

Pero estas sentenzas non son novas, como vén contando Praza.gal. En febreiro de 2022 o TSXG xa condenara a Consellería de Política Social por un "comportamento que transgrede a boa fe" ao denegar unha adaptación horaria por conciliación sen dar argumentos e sen negociación coa afectada. Fíxoo malia que os xefes directos da traballadora aceptaran a adaptación. Na sentenza o tribunal mesmo estableceu que a muller tiña dereito a unha indemnización polos danos sufridos.

En 2019 xa fora o Consorcio de Igualdade o condenado por denegar a unha nai un permiso de conciliación logo de que o seu fillo enfermase e o seu pediatra ordenase a súa vixilancia domiciliaria sen acudir á escola e medicación cada 4-6 horas. Malia esa situación, o Consorcio denegoulle un permiso de só tres días sen sequera xustificalo.

Máis alá da ausencia de negociacións particulares con cada persoa que lle pide unha adaptación da xornada por conciliación, Política Social tamén foi condenada hai un ano por tampouco negociar cos sindicatos, como era a súa obriga, a reorganización dun cento de postos de traballo na consellería.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.