Ollo coa operación retorno... ao traballo: a Fiscalía sinala máis accidentes 'in itinere' das mulleres polas présas da conciliación

Accidentes laborais 'in itinere' en Galicia CC-BY-SA Imaxe: Deputación da Coruña | Montaxe: Praza Pública

"É un problema de xénero", advertiu hai unhas semanas o fiscal coordinador de seguridade laboral, que se pregunta "quen ten máis cousas na cabeza, quen está máis pendente de a quen hai que levar"

Se esta pasada fin de semana a operación retorno de quen tivese vacacións en agosto puxo o foco nas estradas, este luns, xornada de volta ao traballo para moitas persoas, as estradas seguirán a ser un punto ao que prestar atención, especialmente para as mulleres. Porque se os homes sofren máis accidentes laborais no posto de traballo, son as mulleres as máis afectadas pola sinistralidade laboral in itinere, de camiño ou de volta do traballo. 

Elas supoñen entre o 60% e o 70% dos casos, o que vén de levar á Fiscalía a advertir do que considera "un problema de xénero" por como as présas e preocupacións que implica a conciliación acaban afectando aos desprazamentos laborais.

Hai unhas semanas, nunha reunión na Coruña dos fiscais especialistas de Galicia na área de Seguridade e Saúde no Traballo co fiscal de Sala coordinador desa área na Fiscalía Xeral do Estado, Ángel Muñoz Marín, este puxo o foco na cuestión. "É un problema de xénero", dixo, para preguntarse de xeito retórico "quen ten máis cousas na cabeza, quen está pendente de a quen hai que levar...? a muller vai máis rápido, ten máis présa por chegar a un sitio, está máis estresada". 

"Podemos estar nunha proporción de sete mulleres respecto de tres homes", cuantificou Marín, quen en todo caso matizou que esa tendencia "revértese cando aos accidentes mortais, onde son os homes quen representan unha porcentaxe máis alta".

As mulleres teñen máis accidentes 'in itinere', pero os homes son os que máis sinistros mortais sofren

Os datos oficiais de sinistralidade laboral que ofrece o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) así o confirman. Coa excepción do ano 2020 da pandemia, no que houbo menos xornadas laborais e menos desprazamentos, os accidentes laborais in itinere veñen sendo nos últimos anos arredor de 3.000 ao ano, unha décima parte dos preto de 30.000 accidentes laborais que se producen xa no posto de traballo, durante a xornada laboral propiamente dita. 

Os accidentes in itinere son arredor dunha décima parte dos que se producen xa no posto de traballo

Pero se nos accidentes no posto de traballo a maioría son masculinos, cunha relación de dous homes por cada muller accidentada, principalmente polas ocupacións con maiores riscos físicos que adoitan ocupar, nos accidentes in itinere a relación invértese.

O pasado 2023 foron 2.106 as mulleres que sufriron accidentes laborais in itinere en Galicia que requiriron dunha baixa, fronte a 1.447 homes. Unha relación similar á dos anos anteriores e que vai en aumento tras a pandemia.

Pola contra, ao analizar a gravidade, esta é superior nos accidentes in itinere dos homes, e tamén son máis os accidentes mortais. O ano pasado foron dúas as mulleres mortas en desprazamentos ao traballo fronte a catro homes, e en anos anteriores a diferenza foi incluso superior. 

Reunión na Coruña dos fiscais especialistas de Galicia na área de Seguridade e Saúde no Traballo © Fiscalía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.