Agosto deixa xa catro mortes por accidentes laborais

Un casco de prevención de riscos laborais CC-BY-SA Xunta de Galicia

O comezo do ano, malia outra racha de falecementos en Pontevedra en marzo, presentara mellores cifras que as de anos anteriores

As tres semanas que van do mes de agosto deixan xa cando menos catro accidentes laborais mortais, segundo os datos comunicados polos servizos de emerxencias en toda Galicia e a falta de cifras oficiais das autoridades laborais. Uns datos que empeoran o que comezara sendo un ano menos malo que os anteriores, malia outra racha significativa de falecementos en Pontevedra o pasado marzo.

Persoal do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) nunha actividade de prevención en traballos forestais CC-BY-SA Xunta de Galicia

O 6 de agosto morría un traballador en Lugo, na parroquia de Camoira, ao caerlle enriba unha árbore. O 14 de agosto falecía outro traballador a primeira hora da mañá en Santiago, ao caer el dunha nave nas proximidades do polígono do Tambre. Na mesma xornada falecía un segundo operario en Marcón, Pontevedra, tamén por unha caída dun lugar elevado.

Este martes chegou en Padrón o cuarto falecemento, dun traballador atropelado por unha pa mecánica nunha fábrica de Finsa. 

En marzo xa se producira unha mala racha similar coa morte nunha mesma semana de tres traballadores noutros tantos sinistros na provincia de Pontevedra.

No global de 2023 mellorara relativamente a seguridade laboral tras un 2022 no que as mortes se dispararan a 75 en todo o ano 

Segundo os datos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), no primeiro trimestre deste ano, a falta aínda de cifras do segundo, morreron no traballo 13 persoas, tres menos que os 16 falecementos rexistrados no mesmo período de 2023 e moitas menos que as 30 mortes do especialmente malo primeiro trimestre de 2022. Nese ano a sinistralidade laboral repuntou en Galicia e no total do exercicio foron 75 as mortes contabilizadas polo ISSGA, que caeron a 62 en todo 2022.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.