Mentres que o coidado de fillos e fillas menores de 15 anos tivo efectos importantes sobre o traballo do 34,5% das nais galegas, que recorreron a reducir a súa xornada ou a axustar as horas de entrada ou saída, tan só o 13,6% dos pais galegos tivo que tomar esas medidas
As asalariadas galegas gañan un 18,7% menos que os homes, unha fenda salarial de máis de 4.500 euros anuais na que inflúen moitos factores, dende o tipo de traballos que realizan as mulleres (en profesións peor remuneradas, principalmente no sector servizos) á maior precariedade e temporalidade que sofren as traballadoras que, ademais, concentran a maior parte dos empregos a tempo parcial (o 76%), en moitas ocasións porque deben encargarse -de forma non remunerada- da maior parte do traballo de coidados.
A corresponsabilidade no fogar, é dicir, o reparto equitativo dos coidados de menores e doutros familiares dependentes e do conxunto de labores de xestión doméstica, aparece como o gran reto que a sociedade ten por diante para acadar unha verdadeira igualdade no mundo laboral. E a ausencia deste reparto equitativo de tarefas está detrás da maior parte da fenda salarial entre homes e mulleres e das maiores dificultades que as traballadoras atopan para a súa proxección e ascenso profesional.
CCOO-Galicia pon o foco na "corresponsabilidade", sinalando que implica "compartir o público e o privado, de xeito que o espazo público non sexa exclusivo de homes nin o espazo privado unicamente de mulleres"
Os sindicatos poñen o foco neste Día da Muller Traballadora nesta corresponsabilidade cara á que se van dando pasos devagariño, pero que segue a estar moi lonxe. Así, UGT-Galicia sinalou este xoves que a corresponsabilidade no fogar é "a gran materia pendente", pois a súa ausencia "dificulta o acceso ao mercado laboral das mulleres e lastra as súas carreiras profesionais". O sindicato pon o foco, por exemplo, na gran diferenza entre as mulleres galegas que non traballan por dedicarse aos “labores da casa” (144.900) e os homes inactivos polo mesmo motivo (21.400). Destaca, igualmente, que das persoas inactivas que non buscan emprego por ter que coidar menores ou familiares, o 86,9% son mulleres.
De igual xeito, hai unhas semanas CCOO-Galicia puxo o foco na "corresponsabilidade", sinalando que implica "compartir o público e o privado, de xeito que o espazo público non sexa exclusivo de homes nin o espazo privado unicamente de mulleres". A secretaria de Muller e Igualdade de CCOO, Mamen Sabio, incidiu na importancia dos plans de igualdade e da negociación colectiva para a corresponsabilidade e sinalou a este respecto que "cómpre construír unha axenda transformadora que invista nos coidados e poña no centro a vida para acabar coa fenda de xénero e avanzar con máis rapidez cara á igualdade". A conciliación, que antes se consideraba un asunto de mulleres, "é agora un problema social", salienta o sindicato.
“Desde o inicio da nosa vida laboral até a xubilación, padecemos toda unha serie de desigualdades que non teñen causas obxectivas baseadas no desempeño do noso traballo, senón no feito de sermos mulleres”, destaca a CIG
“Desde o inicio da nosa vida laboral até a xubilación, padecemos toda unha serie de desigualdades que non teñen causas obxectivas baseadas no desempeño do noso traballo, senón no feito de sermos mulleres”, destacaba hai uns días a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro. Castro denunciou que a incorporación das mulleres ao traballo remunerado non veu acompañada dun cambio de modelo social “en que o coidado á familia e persoas dependentes sexa asumido polas institucións públicas e sexa repartido de forma equitativa entre as persoas adultas sen importar o xénero” e reivindicou unha “revalorización dos traballos de coidados e servizos públicos de coidados accesíbeis a todas as persoas”.
Cal é a situación actual? As diferentes estatísticas sobre o mercado laboral, condicións de traballo e reparto de tempos amosan que a desigualdade entre homes e mulleres segue a ser moi importante, aínda que se vai reducindo de forma lenta, de xeración en xeración. Con todo, os indicadores deixan clara a desproporción entre os esforzos duns e doutras. Así, mentres que o coidado de fillos e fillas menores de 15 anos tivo efectos importantes sobre o traballo do 34,5% das nais galegas, que tiveron que recorrer a reducir a súa xornada ou a axustar as horas de entrada ou saída, tan só o 13,6% dos pais galegos tivo que tomar esas medidas, segundo os últimos datos publicados polo INE en 2018.
O pasado ano 2023 o 81% dos traballadores que fixeron isto foron mulleres, fronte a un 19% de homes
Datos máis recentes seguen a amosar esa desigualdade, por exemplo, á hora de pedir unha excedencia no traballo para o coidado de menores e doutros familiares. O pasado ano 2023 o 81% dos traballadores que fixeron isto foron mulleres, fronte a un 19% de homes. No conxunto do Estado a desproporción mesmo foi superior (84%-16%).
En Galicia, segundo o Censo 2021, o 46% das mulleres que viven en parella e con fillos no fogar realizan "a maior parte" do traballo, fronte ao 4% dos homes
No ano 2021 o INE incluíu no seu estudo para dar lugar ao Censo unha serie de preguntas sobre o grao de participación nas tarefas domésticas. Ese traballo revelaba que a porcentaxe de mulleres galegas que nos seus fogares se encagaba da "maioría das tarefas" triplicaba á de homes e que o 46% das mulleres que viven en parella e con fillos no fogar realizan "a maior parte" do traballo, fronte ao 4% dos homes. Ademais, o 27% das mulleres encárganse da "maior parte" do coidado dos menores e familiares dependentes, fronte ao 5% de homes. No estudo había diferenzas por idade, pero non demasiadas, pois por exemplo o 16% dos varóns de menos de 40 anos non realizaba ningunha tarefa e outro 44% levaba a cabo unicamente "unha pequena parte".
O Premio Nobel de Economía 2023 recoñeceu o traballo da estadounidense Claudia Goldin, que afondou nas súas investigacións na desigualdade entre homes e mulleres no mercado laboral e as súas causas
Precisamente hai uns meses o Premio Nobel de Economía 2023 recoñeceu o traballo da estadounidense Claudia Goldin, que afondou nas súas investigacións na desigualdade entre homes e mulleres no mercado laboral e as súas causas, centradas principalmente no diferente reparto de tarefas nos coidados, especialmente no proceso de crianza.
Nas súas investigacións, Goldin amosa como a fenda salarial se dispara a partir do momento en que mulleres e homes teñen fillos e fillas. A partir de aí, a progresión laboral (e de ingresos) das nais estáncase, mentres que a dos homes apenas sofre variacións e mesmo se acelera.
Eliminar, primeiro, a fenda existente nos coidados
"Quizais é tempo de sinalar como unha ficción o reparto das 24 horas do día naquel 8/8/8 (8 horas de traballo, 8 horas de descanso e 8 horas de lecer), que sobre todo non alcanza á gran maioría das mulleres, porque que muller pode gozar de 8 horas diarias de lecer? Aí non entra todo ese traballo invisibilizado e non remunerado"
"A fenda de xénero no ámbito dos coidados é determinante na existencia das outras fendas e mentres non pechemos a fenda nos coidados non poderemos pechar o resto de fendas, comezando pola desigualdade no emprego e as restantes desigualdades económicas", destaca Carmen Castro, profesora da Univesridade de Valencia, en conversa con Praza.gal, autora de obras como Políticas para la igualdad. Permisos por nacimiento y transformación de los roles de género ou Claves feministas para transiciones económicas.
Carmen Castro salienta que "o reparto das 24 horas do día naquel 8/8/8 (8 horas de traballo, 8 horas de descanso e 8 horas de lecer), que dende logo foi un grandísimo avance, quizais é tempo de sinalalo como unha ficción, que sobre todo non alcanza á gran maioría das mulleres, porque que muller pode gozar de 8 horas diarias de lecer? Aí non entra todo ese traballo invisibilizado e non remunerado".
Cita, a este respecto, un estudo da ONU, que indica que se se eliminase a fenda no sector dos coidados, poderiamos crear 300 millóns de empregos en condicións dignas en todo o planeta, de xeito que "todo ese traballo que está invisibilizado e que realizan as mulleres de xeito gratuíto converteríase en empregos remunerados".
"Aínda non temos claro que coidar é unha responsabilidade compartida, non só entre homes e mulleres, senón entre todos os estamentos sociais: todas as administracións e o conxunto da comunidade"
A economista destaca que a fenda nos coidados vaise reducindo, aínda que sexa un cambio lento. "Por exemplo nótase xa o efecto no reparto de tempos nos coidados de nenos e nenas a raíz da posta en marcha do permiso por nacemento igual e intransferible", destaca.
Con todo, fai un chamamento a unha maior implicación das administracións e do conxunto da sociedade. "Aínda non temos claro que coidar é unha responsabilidade compartida, non só entre homes e mulleres, senón entre todos os estamentos sociais: todas as administracións e o conxunto da comunidade", di Carmen Castro.
Reclama "unha estratexia pública de abordaxe dos coidados que invista nos servizos públicos" e que avance cara á redución da xornada laboral
Castro afirma que "hai unha maior concienciación social sobre a necesidade e o valor dos coidados. Cada vez hai máis xente que ten claro que a vida ten que ser algo máis que o emprego e cada vez hai máis xente que valora a dispoñibilidade de tempo para atender outras dimensións da vida". "Agora hai que pedirlle ás administracións públicas que sexa permeables a esta concienciación social", di.
Neste senso, reclama "unha estratexia pública de abordaxe dos coidados que invista nos servizos públicos" e avanzar na gratuidade e na universalización do acceso á educación infantil de 0 a 3 anos. Cómpre, ademais, "cruzalo coas políticas laborais, de cara a unha redución da xornada laboral máxima sen redución de salario", de xeito que esta redución, que hoxe en día xa realizan moitas persoas (sobre todo mulleres) "como unha decisión privada e individual", sexa algo "asumido pola sociedade".