As razóns do 8M: o 40% das asalariadas gaña menos do SMI e a fenda de xénero non mingua

Traballadoras dunha conserveira nunha vila galega CC-BY-SA Xunta

“Desde o inicio da nosa vida laboral até a xubilación, padecemos toda unha serie de desigualdades que non teñen causas obxectivas baseadas no desempeño do noso traballo, senón no feito de sermos mulleres”, destadou a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro

Achégase o 8M, o Día da Muller Traballadora, no que un ano máis os sindicatos buscan poñer sobre a mesa as eivas que sofren as traballadoras polo feito de ser mulleres, que teñen empregos máis precarios, peor pagados e con maior temporalidade e parcialidade que os homes. A CIG presentou hai uns días o informe sobre a Situación sociolaboral das mulleres en Galiza. Ano 2023, un documento que forma parte da campaña “Stop Precariedade. Traballo digno e igualdade”, arredor da que a central conmemorará este 8 de Marzo.

Na presentación do informe, a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro, lembrou que “desde o inicio da nosa vida laboral até a xubilación, padecemos toda unha serie de desigualdades que non teñen causas obxectivas baseadas no desempeño do noso traballo, senón no feito de sermos mulleres”.

O informe constata a permanencia dunha moi importante fenda salarial de xénero, a diferenza entre o salario medio que perciben homes e mulleres e Galicia, debido a que as mulleres seguen a presentar porcentaxes moi superiores de empregos a tempo parcial (moitas veces de forma non desexada ou obrigada polo feito de ter que coidar crianzas e outros familiares). 

O 75,7% das persoas asalariadas a xornada parcial en Galicia son mulleres, pero non porque queiran, senón porque non atopan a tempo completo ou porque teñen que responsabilizarse dos coidados de menores ou dependentes

Cómpre ter en conta que o 75,7% das persoas asalariadas a xornada parcial en Galicia son mulleres, pero non porque queiran, senón porque non atopan a tempo completo ou porque teñen que responsabilizarse dos coidados de menores ou dependentes.

As mulleres tamén sofren maiores taxas de temporalidade e, ademais, son maioría nas profesións que contan con salarios máis baixos, nomeadamente no sector servizos. De igual xeito, ven limitadas as súas posibilidades de promoción nas súas empresas ou de proxección das súas traxectorias profesionais, especialmente a partir do momento en que se converten en nais.

A fenda de xénero segue próxima ao 20% e no último ano mesmo se incrementou nunha décima, pasando do 18,6% ao 18,7%. A fenda salarial é maior nas actividades máis feminizadas, que se corresponden co sector Servizos

Así, a fenda de xénero segue próxima ao 20% e no último ano mesmo se incrementou nunha décima, pasando do 18,6% ao 18,7%. Nos últimos anos constátase unha lenta diminución (dez anos atrás a fenda era do 23%), pero a diferenza salarial en termos absolutos mesmo se incrementa. No ano 2022 o salario medio dos homes (algo máis de 24 mil euros) superou en 4.519 euros o das mulleres (por debaixo de 20 mil euros), unha diferenza semellante á de hai unha década e que nos dous últimos anos mesmo aumentou.

As mulleres son clara maioría nos tramos de menores ingresos. En 2022 preto de 100.000 mulleres tiveron uns ingresos medios brutos anuais inferiores a 3.012 euros e outras 108.931 non acadaron os 10.712 brutos anuais. O 19% das asalariadas galegas percibe un soldo que non chega á metade do salario mínimo e, en total, o 40% gaña por debaixo do SMI (1.134 euros brutos mensuais). Outro 25,6% percibe un salario entre o 1 SMI e 1,5 SMI. Tan só o 35% das asalariadas galegas gaña máis de 1.700 euros brutos mensuais.

Tan só o 35% das asalariadas galegas gaña máis de 1.700 euros brutos mensuais. O 40% gaña por debaixo do SMI (1.134 euros brutos mensuais)

Nos homes a situación é moi diferente e o 45% dos asalariados recibe máis que estes 1.700 euros mensuais. Nos treitos salariais máis altos os varóns son clara maioría e, por exemplo, no máis elevado (máis de 10 SMI) representan máis de 8 de cada 10 traballadores.

Segundo o informe, a fenda salarial é maior nas actividades máis feminizadas, que se corresponden co sector Servizos. As maiores fendas salariais, ademais, danse entre os grupos de maior e menor idade. En ambos os casos superan o 28%. A menor fenda prodúcese entre a poboación de 26 a 35 anos, onde acada o 10,3%. Á vista dos datos, semella que nin o maior nivel de formación da poboación feminina con respecto á masculina é capaz de acabar con esta desigualdade.

As maiores fendas salariais, ademais, danse entre os grupos de maior e menor idade. En ambos os casos superan o 28%. A menor fenda prodúcese entre a poboación de 26 a 35 anos, onde acada o 10,3%

Diante desta situación a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denunciou que a reforma laboral de 2021 “aínda agravou máis a fenda salarial de xénero”; que os traballos temporais e parciais “seguen sendo desempeñados maioritariamente por mulleres” e que “os plans de igualdade aínda non están sendo a ferramenta útil para conseguir a igualdade e deter os abusos que se cometen coas traballadoras”.

Subliñou que a incorporación das mulleres ao traballo remunerado non veu acompañada dun cambio de modelo social “en que o coidado á familia e persoas dependentes sexa asumido polas institucións públicas e sexa repartido de forma equitativa entre as persoas adultas sen importar o xénero” e reivindicou unha “revalorización dos traballos de coidados e servizos públicos de coidados accesíbeis a todas as persoas”.

Natividade López Gromaz, responsable do Gabinete de Economía da CIG, e Nicolasa Castro, responsable da Secretaria das Mulleres © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.