Unha vintena de mobilizacións ao longo do territorio galego visibilizaron nesta xornada do 8M, Día Mundial da Muller Traballadora, a loita feminista fronte ás violencias machistas
Unha vintena de mobilizacións ao longo do territorio galego visibilizaron nesta xornada do 8M, Día Mundial da Muller Traballadora, a loita feminista pola igualdade real, co foco posto no eido económico.
Con participacións multitudinarias en Vigo e A Coruña, as cidades e vilas galegas volveron alzar a voz polos dereitos das mulleres nas concentracións e mobilizacións convocadas tanto pola mañá como pola tarde, cando saíron a meirande parte das marchas feministas desafiando o vento e a choiva, en moitos casos.
“As compañeiras da limpeza de Lugo veñen de dobregar unha patronal reaccionaria despois de catro meses de folga, que coa súa loita imparábel fixeron historia”
Baixo o lema, “Feminismo organizado para varrer o patriarcado”, a Marcha Mundial das Mulleres quixo poñer o foco neste 8 de marzo na necesidade de reducir a fenda de xénero no ámbito salarial. Segundo indicaron no seu manifesto, en Galicia hai 130.583 persoas rexistradas no paro, das que 75.628 son mulleres (o 58%). “Iso son datos oficiais, cando sabemos que hai moitas mulleres que nin sequera figuran nas estatísticas do paro, moitas mulleres padecen empregos precarios e somerxidos”, indican.
No seu manifesto, a Marcha Mundial tamén quixo lembrar “as compañeiras palestinas, que seguen resistindo a ofensiva sionista” e, especialmente neste 8 de marzo destacaron “as compañeiras da limpeza de Lugo, que veñen de dobregar unha patronal reaccionaria despois de catro meses de folga, que coa súa loita imparábel fixeron historia”.
Os sindicatos, pola súa banda, poñen o foco neste Día da Muller Traballadora nesta corresponsabilidade cara á que se van dando pasos amodo, pero que segue a estar moi lonxe. Así, UGT-Galicia sinalou que a corresponsabilidade no fogar é "a gran materia pendente", pois a súa ausencia "dificulta o acceso ao mercado laboral das mulleres e lastra as súas carreiras profesionais". O sindicato subliña, por exemplo, a gran diferenza entre as mulleres galegas que non traballan por dedicarse aos “labores da casa” (144.900) e os homes inactivos polo mesmo motivo (21.400). Destaca, igualmente, que das persoas inactivas que non buscan emprego por ter que coidar menores ou familiares, o 86,9% son mulleres.
De igual xeito, hai unhas semanas CCOO-Galicia puxo o foco na "corresponsabilidade", sinalando que implica "compartir o público e o privado, de xeito que o espazo público non sexa exclusivo de homes nin o espazo privado unicamente de mulleres".