7 das 13 empresas públicas galegas non chegan ao 40% de mulleres nos seus consellos de administración, e no global hai só unha muller por cada dous homes
A paridade nos consellos de administración das empresas comezou sendo unha recomendación dirixida ás firmas máis grandes, pero cos anos foise estendendo a todo tipo de sociedades e o obxectivo é que as cotizadas e as de maior facturación teñan que cumprila de xeito obrigatorio nos próximos anos.
No sector público a paridade xa era obrigatoria nas empresas públicas estatais, mentres que en Galicia a nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, aprobada a finais do pasado ano, establece que a Xunta velará "por que se cumpra o principio de presenza ou de composición equilibrada nos consellos de administración das empresas en cuxo capital participe". Porén, esa disposición non só non se está a cumprir aínda senón que a paridade -que "as persoas de cada sexo non superen o 60 por cento nin sexan menos do 40 por cento", segundo di a lei- mesmo empeorou nos últimos anos.
Das 13 empresas públicas que son propiedade da Xunta ou nas que esta é socia maioritaria, 7 incumpren coa paridade no seu consello de administración, en varios casos de forma ostensible.
Praza.gal vén facendo repaso nos últimos anos á paridade nas empresas públicas da Xunta con informacións publicadas en decembro de 2019, maio de 2021 e marzo de 2022. Estas análises permiten comprobar como as 7 empresas públicas que incumpren coa paridade representan unha cifra similar á de 2022, pero en 2021 eran 6 e en 2019 só 4.
Ademais, no global das 13 empresas públicas hai progresivamente cada vez menos conselleiras de administración mulleres que conselleiros de administración homes. Na actualidade son 58 homes (66%) fronte a 29 mulleres (33%), e con situacións especialmente rechamantes como a da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, con 8 homes no seu consello de administración por só unha muller, ou a da empresa de servizos agrarios Seaga, con 9 homes e ningunha muller.
No consello de administración da sociedade xestora do Xacobeo hai 8 homes por só unha muller, e en Seaga 9 homes e ningunha muller, empeorando a respecto dos últimos anos
Non todas as empresas públicas da Xunta comunican abertamente nas súas páxinas web a composición no momento actual dos seus consellos de administración, polo que esta análise realízase con ese dato cando é público ou co indicado nos últimos informes de resultados económicos dispoñibles de cada empresa. Ademais, a análise ten en conta as vogalías deses consellos de administración que son designadas pola Xunta, diferenciando das que son nomeadas por outros socios privados, que na maioría dos casos adoitan ser homes, polo que os incumprimentos da paridade serían aínda superiores.
- Seaga, empresa pública de servizos agrarios: A empresa non transparenta o seu consello de administración, pero nas súas últimas contas anuais presentadas figuran 9 homes e ningunha muller. A finais de 2019 tiña 3 mulleres e 2 homes pero en 2021 pasou a estar composto por 8 homes e 1 muller e en 2022 perdeu a muller.
- Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo: 8 homes e 1 muller. Foi empeorando progresivamente a súa situación nos últimos anos, pasando de 4 homes e 4 mulleres a finais de 2019 a 8 homes e 2 mulleres en 2021 e 2022, e agora perde unha muller.
- Retegal, empresa de redes de telecomunicacións: 6 homes e 1 muller. Empeorou progresivamente nos últimos anos xa que en 2022 tiña 5 homes e 2 mulleres e en 2021 e 2019 4 homes e 3 mulleres.
- Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI), encargada dalgunhas obras públicas: 6 homes e 2 mulleres. A situación é igual á dos últimos anos pero peor que a de 2019, cando eran 4 homes e 2 mulleres.
- Xesgalicia: Unha das dúas sociedades públicas que xestionan investimentos de risco conta con 6 homes e 3 mulleres por designación da Xunta, ao que se engade outro home máis por designación dun socio privado. Mellorou lixeiramente a respecto de 2022 e 2019, cando había 7 homes e 1 muller ou de 2021, cando eran 6 homes e 1 muller.
- Galicia Calidade: 4 homes e 2 mulleres, co que segue empeorando progresivamente a súa situación tras os 4 homes e 3 mulleres de 2022 e 2021 e os 3 homes e 3 mulleres de 2019.
- Xestur, empresa de xestión de solo: 4 homes e 2 mulleres, mantense igual que nos últimos anos
- Sodiga: A outra sociedade pública de xestión de investimentos de risco ten no seu consello de administración 3 homes e 2 mulleres por designación da Xunta e outro home máis nomeado por un socio privado. Mellorou lixeiramente a respecto de 2022, cando eran 4 homes e 1 muller, pero segue peor que en 2021 e 2019, cando eran 2 homes e 2 mulleres.
- Sogama, empresa de xestión de residuos: 3 homes e 2 mulleres nomeados pola Xunta. Empeora a respecto de 2022 e 2021, cando tiña 2 homes e 3 mulleres e de 2019, cando tiña 3 homes e 3 mulleres. Pero nesta empresa controlada pola Xunta cun 51% participa tamén Naturgy cun 49% e a súa representación son 4 homes e 1 muller.
- Galaria, empresa encargada da alta tecnoloxía sanitaria: Non transparenta directamente os nomes do seu Consello de Administración, pero nas súas últimas contas presentadas había 4 homes e 4 mulleres, co que foi mellorando progresivamente a situación a respecto dos 4 homes e 3 mulleres de 2022 e os 5 homes e 2 mulleres dos anos anteriores.
- Xenética Fontao, empresa gandeira: 2 homes e 2 mulleres. Segue igual que nos últimos anos.
- CRTVG: 3 homes e 3 mulleres, polo que segue igual que hai un ano, nun Consello de Administración conformado por persoas designadas polos partidos políticos: 3 homes e 1 muller polo PP, e unha muller en cada caso por BNG e PSdeG.
- Tecnópole, parque tecnolóxico de Galicia: 1 home e 4 mulleres. Mellora a situación a respecto de 2022, 2021 e 2019, cando tiña 3 homes e 2 mulleres. A empresa tamén ten outros socios que designaron outros 2 homes e 2 mulleres.