As traballadoras da limpeza en Lugo vencen os "xigantes" tras 130 días de folga

Mobilización de traballadoras da limpeza de Lugo CC-BY-NC-SA CIG

Máis de catro meses despois, as traballadoras da limpeza Lugo alcanzaron un acordo coa patronal que puxo fin a unha folga de 130 días. Case 19 semanas de paro, mobilizacións, encadeamentos, peches, protestas e manifestacións lideradas e protagonizadas por mulleres que levan tempo loitando, nesta provincia e en toda Galicia, contra a precariedade do seu sector

A historia de David e Goliat. Dun conflito de centos de mulleres mobilizadas durante días pola mellora dun convenio colectivo que abrangue unhas 1.800 persoas e contra unha patronal (Aspel) que reúne algunhas das empresas máis "poderosas e belixerantes" do Estado, segundo denuncian os sindicatos, como Acciona, Clece, Eulen, FCC, Sacyr ou Ingesan. Pasaron de ter as peores condicións de España a un dos mellores convenios, destacan. 

Traballadoras do sector da limpeza en Lugo celebran o acordo que puxo fin á folga CC-BY-NC-SA CIG

Coas fregonas como símbolo, as traballadoras dinse agora "contentas e moi emocionadas". "Foron moitos días fóra da nosa casa, da nosa vida diaria... Pero a nosa loita deu os froitos", conta María Jesús Antas, traballadora da limpeza nun colexio e delegada da CIG, sindicato maioritario no sector e asinante do acordo que puxo fin á folga. 

As traballadoras da limpeza en Lugo alcanzaron un acordo coa patronal tras 130 días de folga, protestas e peches contra "xigantes poderosos e belixerantes"

Un paro de 130 días contra unha situación que mantiña as limpadoras cos soldos conxelados desde 2021, perdendo poder adquisitivo e con salarios por baixo do SMI, inferiores mesmo aos 1.000 euros nalgúns casos. O pasado xoves, en asemblea, as traballadoras aprobaban o preacordo para o convenio colectivo provincial que supón incremento total do 18,3% durante a súa vixencia (2022-2026). 

Por anualidades, ademais, pactouse unha suba do 3% para 2022, malia que o primeiro momento a patronal insistía na conxelación salarial para ese exercicio; do 3,1% para o ano 2023; do 4% para os anos 2024 e 2025; e do 4,2% para 2026. "Estamos satisfeitas porque a mellora nas condicións é moi importante", insiste Antas, que advirte tamén das subas aplicables ao plus por domingos e festivos, a garantía de que se completará o salario no caso de que non se alcance o SMI vixente ou o "éxito" de frear os recortes na antigüidade que a patronal pretendía, aplicando unha contía fixa e non vinculada aos incrementos salariais. 

"Nese detalle sobre todo, pero noutros tamén, a patronal, que vén de fóra negociar convenios provinciais, foi moi dura, intransixente e belixerante", insiste quen advirte da "presión" cos tempos que exercía a representación das multinacionais, adiando as xuntanzas unha e outra vez. Semanas acumuladas sen ingresos e de protesta na rúa. "Tivemos que tirar unhas das outras, resistir, convencer... Había reunións das que saiamos moi mal e tras as que había xente que quería abandonar, pero continuamos", di agora emocionada, entre bágoas como as que derramaron tras a ratificación do acordo. 

Un pacto que foi criticado por CCOO, que censura a "hipocrisía" da CIG por asinar en solitario un convenio con táboas salariais, din, que deixan por baixo do SMI algunhas categorías se a persoa afectada non acumula varios trienios de antigüidade. "É unha suba importante e o acordo inclúe cláusulas que aseguran alcanzar o salario mínimo se nalgún caso non se chega a el", di Antas, que lembra o "difícil" que foron as negociacións —nas que estivo presente— ante unha patronal que en diversos puntos "semellaba totalmente inmóbil". 

Mobilización de traballadoras da limpeza de Lugo CC-BY-NC-SA CIG

As traballadoras sinalan o orgullo e a "emoción" pola perseveranza nun conflito "difícil" no económico e no persoal

Foron, resumen traballadoras, xornadas "inesquecibles", tanto pola unión e a "loita" incansable como polo "difícil" da situación para a maioría. "Estamos ante un sector totalmente feminizado, onde o 99% do persoal é muller, moitas veces a xornada parcial e que, aínda tendo xornada completa, teñen que limpar en cinco ou seis lugares por día para chegar a un salario minimamente decente", explica Asunción Castiñeira, representante de CIG-Servizos. 

"É moi difícil soportar un conflito así, non só economicamente, que xa é duro, senón psicoloxicamente, no plano persoal", insiste Castiñeira, que advirte, como fan as traballadoras, dunha patronal estatal "á que fan cada día máis poderosa". "Ata non hai tanto, a asociación provincial participaba nas mesas de negociación, pero agora están copadas por Aspel grazas ás adxudicacións millonarias coas administracións e a que dominan o mercado en todo o país", di quen critica a actitude dunhas multinacionais que "veñen cun guión moi marcado". "É complexo porque non se moven das súas posturas", comenta.

Coa axuda da caixa de resistencia sindical, os problemas económicos foron paliados, aínda que fose moi minimamente. "Quen ten parella e un soldo decente na familia, vai tirando, pero había mulleres que coidaban soas dos seus fillos que o pasaron moi mal", explica Antas. 

"Houbo traballadoras mobilizadas que deixaban os pequenos ao coidado de quen podían para seguir pelexando ou que permanecían na caravana que montamos durante todo o día", lembra Castiñeira, que asegura que non esquecerá "na vida" este conflito. Pola unidade, a loita e a perseveranza das afectadas. 

"Foron un exemplo"

"Botarémonos de menos", engade Antas sobre a relación tecida durante os 130 días de conflito e folga. "A maioría vímonos todas e cada unha das xornadas", conta. Desde o pasado 16 de outubro. "Foron un exemplo, un exemplo para moita xente, unha mostra de que a loita é o único camiño e que dá resultado", di Castiñeira, que destaca que, malia as dificultades e a presión sufrida, "aguantaron". "Se non tivesen aguantado como o fixeron, o acordo que agora temos non sería como é", di. 

"Custou moito, moitísimo, contra eses xigantes que veñen aquí negociar desa maneira", engade Antas, aínda emocionada e sen poder evitar as bágoas. As lágrimas de mulleres que aspiran a, polo menos, servir de impulso e exemplo nun sector fortemente precarizado desde hai tempo e que en Galicia leva anos de conflito, máis aínda nos últimos meses

"Son as mulleres que limpan os colexios dos nosos fillos e fillas e os centros de saúde aos que acudimos todos"

A última e dura folga do persoal de Correos, as mobilizacións nas provincias de Ourense e Pontevedra, nos hospitais de Santiago ou na Xunta así o demostran. Tamén denotan unha mobilización feminina crecente e intensa: a metade das persoas que van á folga en Galicia nos últimos anos son mulleres

"É necesario que se vexa o que pasa neste sector, que se atenda ás condicións destas mulleres", advirte Castiñeira, que sinala as administracións públicas, clientes destes servizos de limpeza con conflitos enquistados e salarios precarios. "Hai que acoutar nos concursos públicos, establecer cláusulas sociais que non permitan que as traballadoras estean así; en definitiva, que impidan que algo así volva ocorrer", sentencia.

"Falamos das mulleres que limpan os colexios dos nosos fillos e fillas, das que limpan os centros de saúde aos que acudimos todos e todas", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.