Ansiedade, impagos e folga: as limpadoras de Correos, camiño dos cinco meses sen cobrar

Mobilización de persoal de limpeza de Correos CC-BY-NC-ND CIG

"Hainas que teñen que elixir entre pagar a luz ou facer a compra". "A situación é horrible, desesperante; no económico pero tamén no anímico". "Temos máis chea caixa de medicamentos con lorazepam ou diazepam que a neveira". Quen falan son limpadoras de Correos en Galicia. Relatan unha situación de precariedade, preocupación e ansiedade que no seu caso non ten que ver só coas pésimas condicións laborais que levan tempo denunciándose no seu sector, senón que se agravan con meses de impagos e unha folga que implica que arredor de 300 mulleres acumulen uns 130 días sen salario. 

"Imos camiño dos cinco meses sen cobrar e aquí seguimos: sen solucións nin traza de mellorar, con rumores contraditorios e sen ninguén que nos garanta nada. Desesperadas pero tirando, convencidas de seguir adiante", conta Lourdes García, limpadora de Correos en Ourense. "É moi duro; nunha das últimas concentracións houbo tres compañeiras que sufriron crises de ansiedade e son moitas as que están a sufrir problemas psicolóxicos e económicos", conta Marta Núñez, traballadora en Santiago. 

Protesta das traballadoras do servizo de limpeza de Correos en Ourense CC-BY-SA CGT Ourense

Arredor de 300 traballadoras da limpeza de Correos suman máis de catro meses sen cobrar: dous meses de impagos e máis doutros dous en folga reclamando os salarios

Os testemuños relatan as consecuencias que sobre unhas 300 mulleres en Galicia teñen a precariedade e a folga indefinida na limpeza de Correos, froito da polémica adxudicación do servizo por parte da empresa estatal e dos atrasos e impagos que sofren, que tamén afectan outras 400 traballadores no conxunto do Estado. 

Como derivada, a insalubridade e a falta de hixiene nos centros de Correos, que provocou tamén as mobilizacións de persoal da empresa, o apoio ás limpadoras e mesmo a convocatoria —por parte da CGT— dun paro de dúas horas en Ourense este pasado venres. Ambas partes reclaman unha solución que non chega e rematar cun conflito que só fai afondar na precariedade dun sector que se rebela contra unhas pésimas condicións laborais e unhas empresas sinaladas ás que cualifican de "piratas". 

Neste caso as afectadas son o persoal en Galicia da empresa SCT (Limpiezas Córdoba), adxudicataria desde o pasado xaneiro do servizo de limpeza das oficinas de Correos nas catro provincias galegas e en varias máis de todo o Estado. A inmensa maioría mulleres e traballando por horas, con soldos "precarios, que non chegan ao salario mínimo", que agardan aínda por cobrar os seus salarios de xullo e agosto logo de que o de maio lles fose abonado mes e medio tarde e que levan desde o 4 de setembro en folga indefinida. 

"A situación é máis grave aínda porque falamos dunha empresa estatal e dun concurso público", explica Lourdes García, que advirte, como os sindicatos, dos baixos contratos de licitación e da falta de control da compañía sobre as subcontratas. Desde a CIG, por exemplo, cualifican de "neglixente" a actuación de Correos, que prescindiu de SCT pero segue sen contratar nova empresa nin aclarar cando e como se van aboar os salarios pendentes. 

Sucidade acumulada no CTA de Correos na Lavacolla (Santiago) CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O persoal denuncia "todo tipo de problemas físicos, psicolóxicos e económicos": desde mulleres que acoden a Cáritas ou quen arrisca a perder a casa por non pagar o alugueiro

Os "rumores", advirten as traballadoras, son variados e contraditorios, pero non hai información que asegure unha solución á que confían que se achegue na vindeira semana, coa reunión do consello de administración de Correos que advirten que non dá explicación ningunha, ao igual que a empresa externa que xestiona o servizo. Mentres, o persoal denuncia "todo tipo de problemas físicos, psicolóxicos e económicos".

Óscar Martínez, presidente do comité de folga, recoñeceu en rolda de prensa a pasada semana que se atopa se atopa en tratamento farmacolóxico e psicolóxico por mor dunha situación que cualificou como “insostíbel” para el, mais tamén para o resto de compañeiros e, sobre todo, compañeiras nun emprego "feminizado e precarizado como poucos". 

Entre os testemuños, directos ou recollidos das propias conversas entre as traballadoras en folga, "casos de todo tipo". Desde limpadoras que tiran de aforros, ata as que acoden a Cáritas por non poder afrontar o pago da compra nun supermercado ou as que pediron créditos para poder asumir gastos correntes. Tamén as que están a piques de "perder as casas por non poder pagar alugueiros ou hipotecas". Impagos de recibos, cortes de auga, luz ou gas... "E hai quen tivo que rescatar un plan de pensións para poder vivir", contan. 

Tamén casos de mulleres que "se duchan en auga fría por non poder pagar o arranxo dun quentador" ou que "con 50 anos volven ás casas dos pais" por non poder pagar xa o alugueiro. "Hai quen ten que escoller entre pagar a luz ou comer", explica unha das afectadas, que advirte da "feminización da pobreza" nun emprego "moi medicalizado" onde son moitas traballadoras as que tiran de ansiolíticos como o diazepam para "soportar as dores musculares" ou combater a ansiedade. Ou a imposibilidade de conciliar o sono. 

Traballadoras da limpeza de Correos, durante unha mobilización CC-BY-NC-ND CIG

Afectadas alertan da "feminización da pobreza" nun emprego "moi medicalizado" onde son moitas traballadoras as que tiran de ansiolíticos para combater ansiedade ou dores

"Hai casos de todo tipo", resume Lourdes García. No seu caso, traballa, como na maioría dos casos, cunha xornada parcial, limpando unhas horas e cun soldo pequeno que "axuda a completar os ingresos na familia". Outras moitos, con algunhas horas máis, polo que o seu problema agrávase. As menos, e na peor situación, as poucas que teñen unha xornada completa que, con todo, "non dá nin para o salario mínimo, queda sobre os 1.000 euros"

Tal é a precariedade, advirten varias limpadoras, que mesmo aquelas que traballan oito horas ao día "adoitan facer máis noutro sitio, ata dez, para completar o soldo". Na maioría dos casos, moitas desas xornadas extras son en negro e sen cotizar. E a solución segue sen chegar. 

Correos, como sinalan os sindicatos, sacou en outubro dúas licitacións negociadas sen publicidade para o servizo de limpeza. Unha duns 30 millóns de euros e a segunda, de 50. Nada se sabe e todo fai indicar que, como noutros casos anteriores, quedaron desertas aludindo as compañías á falta de rendibildade. Para as centrais, porque non hai quen queira asumir a débeda de Limpiezas Córdoba. 

Mentres, arredor de 300 mulleres van camiño dos cinco meses sen cobrar e superan xa os dous meses de folga. Con cada vez máis problemas económicos, físicos e psicolóxicos. "Estamos desesperadas", conclúen, tras advertir que Correos, nas últimas mobilizacións, impídelles entrar nos seus centros. Aluden que "xa non forman parte da empresa". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.