Correos admite o risco por falta de hixiene nas súas oficinas e as limpadoras deciden seguir coa folga

Oficina de Correos na rúa do Franco, en Santiago, este luns CC-BY-SA CGT

A folga indefinida que desde o inicio do mes de setembro manteñen as limpadoras de Correos en Galicia continuará, tal e como acordaron o pasado sábado en asemblea. Máis de 300 traballadoras seguirán cunha protesta polos impagos que a empresa concesionaria —SCT, Limpiezas Córdoba— mantén desde o pasado mes de xullo e ante a falta de concreción da empresa estatal, que unicamente anunciou o "inicio do procedemento de resolución do contrato" desta compañía considerada "pirata" polas afectadas e por varios sindicatos do servizo postal. 

Mentres, en moitos centros de traballo de Correos en Galicia as consecuencias son a falta de hixiene e as condicións de insalubridade, coas conseguintes protestas do persoal, que reclama unha "solución urxente". Así, este mesmo martes traballadores da empresa estatal concentráronse na oficina da rúa do Franco en Compostela fartos da situación. Ademais, case á mesma hora, persoal de limpeza cortou o CTA (Centro de Tratamento Automatizado) de lavacolla, obrigando a intervir á policía, ao berro de "se non cobramos, non limpamos". 

Manuel Anxo Álvarez Amado, secretario de Organización de CIG-Correos, advertiu que nalgúns centros de traballo o persoal ten que "desenvolver a súa actividade con tapabocas e ir provisto de repelentes contra insectos dada a sucidade acumulada". “O mesmo ocorre nos baños que hai semanas que nin podemos usar debido á falta de hixiene e o cheiro que hai”, dixo.

Protesta de persoal de limpeza de Correos en Compostela este martes CC-BY-NC-ND CIG

Correos asumiu nun documento tras analizar varios centros hai máis dunha semana o "risco" pola falta de hixiene e a posibilidade de "paralizar a actividade"

A propia Correos, requirida polas denuncias ante Inspección de Traballo de varios sindicatos nalgunhas provincias, como CGT ou CSIF, recoñecía nun documento de prevención de riscos ao que tivo acceso Praza.gal que o risco ante a insalubridade nalgúns dos centros analizados era "moderado" pero sen ser "óbice para que de maneira moi achegada no tempo se poida considerar que os riscos (...) pasen a ser considerados como risco grave e inminente (...) paralizándose automaticamente a actividade". 

Advertíao así logo da análise que o servizo de prevención de Correos realizou entre os días 27 de setembro e 3 de outubro, hai máis dunha semana. Desde aquela, os problemas por falta de hixiene foron a maiores malia que nalgúns centros, como denuncian as traballadoras de limpeza, "responsables da empresa vulneraron o dereito a folga limpando eles mesmos por riba a sucidade principal". 

Fontes do persoal de limpeza mesmo sinalan a Correos por ter contratado unha empresa xestora de residuos para "retirar algún desperdicio" e dar "cara ao público" unha mellor imaxe dun problema que "continúa". "O grave está na situación dos baños e daquelas zonas propias do persoal", recoñecen tamén traballadores de Correos e sindicatos como CGT. 

A situación máis complicada dáse no CTA de Correos na Lavacolla, onde traballan máis de 150 persoas en quendas que cobren as 24 horas. "O máis grave é a sucidade acumulada nos baños e hai persoal que xa manifestou problemas", insisten fontes dos traballadores, que advirten tamén de situacións complexas na oficina do Franco, en Compostela, ou na principal da Coruña, entre outras. 

Persoal de limpeza de Correos protesta no CTA de Lavacolla, este martes CC-BY-SA CGT

Sindicatos acusan a Correos de "ocultar" á Inspección o estado de insalubridade dos seus centros

Malia todo, na reunión que na sede de Inspección de Traballo mantiveron representantes de Correos e dos traballadores, a empresa negouse a entregar o informe realizado por Prevención de Riscos Laborais, pechado un día antes, entre os reproches da autoridade laboral. "Queren ocultar e gañar tempo", di Xan Xove, delegado na Coruña da CGT, sindicato que, entre outros, pediu á Inspección que valorase o precinto de determinados centros por "non cumpriren as condicións de seguridade e hixiene mínimas" xa naquela altura. 

"Correos non pode mirar para outro lado desentendéndose da gravísima situación laboral que padece o persoal do servizo. Se nas próximas xornadas non se resolve este conflito, presentaranse as pertinentes denuncias perante as autoridades laborais e sanitarias para pedir o peche dos centros de traballo afectados, que son practicamente todos, dadas as condicións nas que se atopan", reclama agora a CIG. 

Persoal da limpeza, que acumula dous meses sen cobrar, e sindicatos de Correos acusan a sociedade estatal de adxudicar o servizo a "unha empresa pirata"

O conflito xorde logo da adxudicación que Correos fixo da limpeza á empresa SCT, concesionaria desde o pasado xaneiro do servizo das oficinas nas catro provincias galegas e en varias máis de todo o Estado. A inmensa maioría do seu persoal son mulleres traballando por horas, con soldos "precarios, que apenas chegan ao salario mínimo", que agardan aínda por cobrar os seus salarios de xullo e agosto logo de que o de maio lles fose abonado mes e medio tarde e que levan máis dun mes en folga indefinida. 

Nese contrato está o inicio do problema. Desde os representantes sindicais, tanto en Correos como no sector de limpeza, denuncian que a empresa estatal sacou unha licitación a un prezo tan baixo que non cobre nin as subas salariais do convenio colectivo, que obrigou a unha adxudicación directa porque ninguén máis aspiraba á concesión e que acabou nunha compañía "pirata". 

Sucidade nunha oficina de Correos en Santiago CC-BY-NC-ND CIG

Adxudicado o servizo, SCT iniciou o traballo con "atrasos nos pagos, desinformación e sen equipos de protección axeitados para as traballadoras", advirten fontes sindicais. En Galicia, e logo de varios meses sen cobrar, o persoal de limpeza empezou unha folga indefinida que dura xa máis dun mes. E que, de momento, seguirá.

"Levamos desde o 4 de setembro en folga e facendo mobilizacións, pero nin a empresa concesionaria nin Correos se reúnen con nós", explica Marta Núñez, traballadora que valora que "a presión" levase a compañía estatal a anunciar unha futura rescisión do contrato, pero que alerta que o persoal "segue sen saber quen vai garantir os salarios e cando se vai solucionar o problema". 

"O problema principal está na externalización de servizos, que adoitan acabar sempre en conflitos deste tipo e problemas nos pagos e no incumprimento das condicións", remata. Ademais, o persoal advirte a Correos que estarán "atentas e denunciarán calquera medida antifolga que leve a suplir os seus postos de traballo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.