Impagos, folga e lixo acumulado nas oficinas: o novo contrato de limpeza provoca o caos en Correos

Sucidade acumulada no CTA de Correos na Lavacolla (Santiago) CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Contedores a rebordar, baños sucios, restos de comida e bebida polo chan, proliferación de cascudas e outros insectos e xente asmática ou alérxica con problemas. É a situación que relata persoal de Correos en Galicia sobre as consecuencias que está a ter a folga indefinida do servizo de limpeza, derivada dun problema meirande e anterior: a polémica adxudicación do servizo por parte da empresa estatal e os atrasos e impagos que sofren máis de 300 traballadoras desde hai meses

Son o persoal en Galicia da empresa SCT, adxudicataria desde o pasado xaneiro do servizo de limpeza das oficinas de Correos nas catro provincias galegas e en varias máis de todo o Estado. A inmensa maioría mulleres e traballando por horas, con soldos "precarios, que apenas chegan ao salario mínimo", que agardan aínda por cobrar os seus salarios de xullo e agosto logo de que o de maio lles fose abonado mes e medio tarde e que levan máis dun mes en folga indefinida. 

Protesta das traballadoras do servizo de limpeza de Correos en Ourense CC-BY-SA CGT Ourense

"Non temos comunicación ningunha coa empresa, nula. Pagaron o de maio porque as eleccións estaban ás portas, pero xa advertiron de que non nos volverían pagar e así o fixeron", relata Lourdes García, traballadora de limpeza en Ourense, onde o persoal se concentrou o pasado mércores reclamando o pago dos soldos e a solución a un conflito do que culpan a SCT pero responsabilizan a Correos. 

Traballadoras do servizo de limpeza de Correos en Galicia levan máis dun mes en folga indefinida polos impagos da concesionaria, que lles debe aínda dous meses

"SCT di que Correos lle debe miles de horas semanais e que non ten cartos e Correos di que está ao día nos pagos, pero o certo é que a concesionaria nunca tivo intención de nada. Nada máis coller o servizo, en febreiro, as traballadoras tivemos que pelexar para poder poñernos en contacto con ela e enviarlles os nosos datos para que nos puidesen abonar os salarios", explica Lourdes, que como os sindicatos pon o foco na adxudicación por parte da empresa estatal.  

Persoal da limpeza e sindicatos de Correos acusan a sociedade estatal de adxudicar o servizo a "unha empresa pirata"

Ela foi unha das traballadoras que este mércores se reuniu co subdelegado do Goberno de España en Ourense, Emilio González, ao que trasladaron as súas demandas e, sobre todo, as súas preguntas. "Cando se vai resolver o problema? Quen se vai facer cargo dos nosos soldos? Que empresa nos vai contratar e cando? Polo momento, non temos resposta ningunha", relata. Só a información de que Correos rescindiu o contrato coa adxudicataria e que abriría un novo proceso, aínda que o certo é que o certificado da sociedade estatal remitido aos sindicatos —e ao que accedeu este diario— só advirte do "inicio do procedemento de resolución do contrato de limpeza" o pasado luns. 

Nese contrato, que abrangue diferentes provincias e toda Galicia, está o inicio do problema. Desde os representantes sindicais, tanto en Correos como no sector de limpeza, denuncian que Correos sacou unha licitación a un prezo tan baixo que non cobre nin as subas salariais do convenio colectivo, que obrigou a unha adxudicación directa porque ninguén máis aspiraba á concesión e que acabou nunha compañía "pirata". 

Sucidade acumulada no CTA de Correos na Lavacolla (Santiago) CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"Sacyr levaba meses querendo marchar porque dicía traballar a perdas", advirten fontes do persoal de limpeza. Desde Correos, Xan Xove, delegado sindical en Correos da CGT, un dos sindicatos maioritarios na provincia da Coruña, insiste en que a sociedade estatal "contratou unha empresa pirata da que xa se sabían problemas de impagos e incumprimentos". 

A folga indefinida do persoal de limpeza derivou noutro problema para o persoal de Correos: a falta de condicións de seguridade e hixiene en moitos centros de traballo

"Sacaron a licitación o contrato moi baixo e escolleron unha empresa que vai máis baixo aínda. Logo pasa o que pasa: quen saen perdendo sempre é o traballador", reclamaban en Xixón hai uns días limpadoras de Correos cun problema semellante ao que sofren en Galicia.

Adxudicado o servizo, SCT iniciou o traballo con "atrasos nos pagos, desinformación e sen equipos de protección axeitados para as traballadoras", advirten fontes sindicais. En Galicia, e logo de varios meses sen cobrar, o persoal de limpeza empezou unha folga indefinida que dura xa máis dun mes. 

E aí foi onde xurdiu outro problema: "O da sucidade, falta de condicións de seguridade e hixiene e insalubridade en moitos centros, nalgúns máis que noutros porque hai casos nos que o propio persoal de Correos é o que limpa para evitar problemas máis graves dos que hai", engade Xove, cuxo sindicato a súa "solidariedade" coas traballadoras de limpeza e pide a "rescisión" inmediata do contrato "que nunca se tivo que ter realizado". 

O lixo acumúlase e o caso máis grave acontece no CTA (Centro de Tratamento Automatizado) de Correos na Lavacolla, onde traballan máis de 150 persoas en quendas que cobren as 24 horas. "O máis grave é a sucidade acumulada nos baños e hai persoal que xa manifestou problemas", insisten fontes dos traballadores.

Sucidade acumulada nos baños do CTA de Correos da Lavacolla CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Ante esta situación, varios sindicatos —entre eles CSIF e CGT— presentaron unha denuncia ante Inspección de Traballo e mesmo pediron que se valorase o precinto dos centros onde os problemas de insalubridade fosen maiores. 

Na provincia da Coruña, Inspección citou o pasado mércores a representantes da empresa e dos traballadores, logo de ter solicitado xa antes a Correos un informe que avaliase os riscos nos centros de traballo pola situación de insalubridade dalgúns deles. A sorpresa, segundo fontes sindicais, foi cando a representación da sociedade estatal se presentou na xuntanza sen a documentación requirida, o que lle valeu os reproches da autoridade laboral

Sen solución aínda, as traballadoras de limpeza afectadas levan xa máis de tres meses sen percibir un peso: os dous meses que lles debe a empresa mais o mes e pico sen cobrar por estar en folga. No fondo do problema, a externalización precaria e con múltiples eivas dun servizo esencial e nunha empresa tamén esencial da que pagan as consecuencias tamén os seus traballadores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.