"A situación do persoal da bolsa de traballo de Correos é inhumana"

Santiago Lopo CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

A situación laboral dunha carteira eventual de Correos non se parece en nada aos estereotipos sobre o ben que vive o funcionariado. Así o mostra Santiago Lopo na súa última novela, A carteira (Xerais), gañadora do Premio Antón Losada Diéguez. Unha historia de ficción baseada en testemuñas reais e centrada no mundo do traballo precario, que non adoita ser a materia literaria principal das obras das nosas letras nos últimos anos. 

A carteira é a historia dunha carteira eventual. Como xurdiron personaxe e historia?

Coñecía varias persoas que traballaban en Correos, fixas e eventuais, que me foron contando as súas experiencias. O rápido deterioro da empresa nos últimos anos levou a unha precarización acelerada do emprego no ámbito postal. Pensei que estas traballadoras eran un bo exemplo dos efectos da crise, que esnaquizou as condicións laborais dunha chea de colectivos que antes posuían unha boa situación profesional.

Son case 300 páxinas que falan da vida dunha traballadora precaria, é dicir, dunha obreira pobre que ten que aturar condicións que ninguén debería ter que tolerar, como ir traballar estando enferma. Querías facer un relato da precariedade? 

“Unha carteira actual asume unha carga de traballo que antes se adoitaba facer entre dúas persoas”

Quería mudar a imaxe idealizada que podemos ter deste traballo. Debido aos recortes no número de empregados, unha carteira actual asume unha carga de traballo que antes se adoitaba facer entre dúas persoas e que se traduce nun aumento no número de quilómetros camiñados. Durante o período de proba, unha carteira pode ser despedida facilmente, e moitas das eventuais non piden baixas na época que están a proba por medo a que non as volvan chamar. Así mesmo, cómpre pensarmos na presión mental do traballo adiado: o que non repartiches hoxe por unha enfermidade leve, estarate esperando mañá. E se non o fas ti, outra compañeira asumirá a túa carga de traballo e quizais cho reproche. Ao final, todo remata enrarecendo o ambiente laboral.

Booktrailer d'A carteira, de Santiago Lopo © Xerais

De fondo tamén está a precarización das condicións de traballo nunha empresa pública que acaba funcionando, en parte, como unha empresa de traballo temporal na que, ademais, o futuro dos “minipatróns” se mide pola competición interna entre unidades por acadar uns rankings de produtividade. 

“Buscaba actualizar a imaxe dunha empresa pública que está sufrindo un proceso de privatización acelerado”

Os novos empregados de Correos xa non teñen status de funcionario, aínda que no imaxinario colectivo siga existindo esta idea. Eu buscaba actualizar a imaxe dunha empresa pública que está sufrindo un proceso de privatización acelerado. Cada vez externalizan máis servizos e crean filiais como “Correos Express”. Queren priorizar a paquetería, pero hai moita competencia e hai que aforrar custos. Algo que, ao final, sempre paga o traballador. 

A carteira entra, ademais, por oposición nunhas listas de substitución. E bate precisamente cos estereotipos sobre os funcionarios, así como coas expectativas que ela mesma e os demais puxeran nela, como persoa con estudos. Quixeches salientar as contradicións que se dan ao respecto? Por que?

A situación do persoal que integra a bolsa de traballo de Correos é inhumana, mais isto tamén acontece nas listas de substitución do SERGAS ou das diferentes Administracións. As persoas que están nunha lista non poden planificar a súa vida. Dependen dunha chamada e, no caso de Correos, cando lles ofrecen o contrato non o poden rexeitar. En Correos non hai segundas oportunidades. Se dis “non”, ou se non colles o teléfono, es eliminado ipso facto. Por iso non é estraño que moitos eventuais acaben abandonando despois de anos de estudo combinados con curtos períodos de traballo nos que nunca gozaron de vacacións. Esta situación angustiosa agrávase no caso das persoas sen experiencia. Moitas descobren a dureza do traballo só cando fan unha substitución. A carteira da novela sofre unha crise cando comproba que perdeu o tempo preparándose para un traballo que a destrúe mental e fisicamente. Loitou por obter unha praza nun inferno laboral.

O libro céntrase na historia da carteira, pero en realidade podería ser a de moitas outras da súa xeración e probablemente das anteriores e das futuras. Persoas de orixe obreira que estudaron e que teñen vidas precarias porque non teñen onde ir, non hai espazo para elas. Que reflexión querías propoñer ao respecto?

“A carteira da novela sofre unha crise cando comproba que perdeu o tempo preparándose para un traballo que a destrúe mental e fisicamente. Loitou por obter unha praza nun inferno laboral”

Nos anos 80, nas familias obreiras –e eu proveño dunha– o feito de que un fillo ou unha filla estudasen significaba abrirlles unha ventá a un futuro mellor. Cando menos iso crían, porque seguía habendo un teito a partir do cal xa non se podía subir. Non obstante, hoxe en día o feito de estudar xa non che garante unha mínima estabilidade profesional. A competencia nunha sociedade que se baña en diplomas é tan grande que os títulos se converten en papel mollado. 

Todos temos unha lista interminable de papeis e cursos que non valen para nada, aínda que nos custaron esforzo e diñeiro. É nestes casos cando cobran importancia os criterios de selección típicos dun sistema corrupto: os contactos, os favores, as afinidades ideolóxicas... No libro, a carteira faise a seguinte pregunta: “Que acontecería se as persoas máis brillantes que coñecedes substituísen nos seus cargos as persoas máis idiotas que coñecedes?”. A miúdo, a ineptitude e o desleixo van unidos ao poder.

A novela tamén é a historia de Algures, o barrio, tamén de clase obreira, no que á carteira lle toca repartir o correo, e con cuxos habitantes acaba tendo unha relación máis persoal do que ela mesma agardaba. Que teñen en común todos estes personaxes?

“Todos temos unha lista interminable de papeis e cursos que non valen para nada, aínda que nos custaron esforzo e diñeiro. É nestes casos cando cobran importancia os criterios de selección típicos dun sistema corrupto: os contactos, os favores, as afinidades ideolóxicas”

Todos os personaxes están marcados pola soidade. A vida foinos illando nun barrio periférico que, ao mesmo tempo, conforma unha illa dentro da cidade. A carteira transfórmase no nexo de unión, é a aglutinadora que achega novas do exterior e que os pon en contacto, mesmo lles dá unha identidade. Nalgún aspecto, a novela ten un certo parecido a un libro anterior meu chamado Peaxes. A diferencia é que o empregado da cabina de peaxes era un observador estático da sociedade, mentres que a carteira é unha observadora dinámica que se despraza por Algures.

Parte desa veciñanza recibe a carteira, polo menos nun principio, con hostilidade, e ás veces contaxiada polo clasismo do que eles mesmos tamén son vítimas. Por que quixeches que acontecese isto?

Quixen fuxir de calquera idealización e presentar a vida real, sen edulcorantes nin filtros de bondade. Cando chega a carteira que substitúe o carteiro habitual, esta non é ben recibida. A sociedade actual perdeu a paciencia, non tolera o erro. Cando alguén comeza novo nun traballo non se permiten fallos. A xente do barrio está farta das carteiras substitutas que son contratadas por días e desaparecen antes de que se familiaricen coas rúas. Todo isto provoca atrasos na entrega de cartas, que ás veces prexudican os usuarios. Non hai empatía coa “carteira-repartidora” que é castigada pola empresa, polo cliente e tamén por si mesma, flaxelándose polos erros cometidos. Neste tipo de traballo, ter un sentido da responsabilidade alto e unha autoestima baixa supón unha mestura explosiva para a nosa mente.

Santiago Lopo CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

“Non hai empatía coa “carteira-repartidora” que é castigada pola empresa, polo cliente e tamén por si mesma, flaxelándose polos erros cometidos”

A carteira pérdese polo barrio porque os mapas, alí, non valen, pois o esquelete da organización espacial é rural e non urbano, e ademais os mapas non están actualizados. En realidade, o barrio ten outras características dese encontro do urbano co rural, tan presente en varias cidades galegas. Por que escolliches que fose así?

A estrutura da maioría das cidades galegas é así. En canto saímos un pouco do centro, atopamos leiras, camiños, vivendas semiescondidas, mesmo aldeas que foron asimiladas como se fosen barrios. A organización do territorio galego non encaixa no molde estatal imposto dende Madrid por Correos. En Galicia temos unha gran cantidade de casas agochadas ou propiedades abandonadas, rúas e camiños con nomes cambiados, números que non existen... e non só no rural. A carteira habitual coñece todos estes problemas, pero se é substituída por unha persoa diferente cada semana, o servizo reséntese. Ninguén nace aprendido.

A maioría das cartas que reparte proveñen das Administracións. Moitas son multas. Pero a veciñanza pasa a vida agardando, moitas veces con ansiedade, cartas moito máis importantes, que son as de seres queridos que, por diversas circunstancias, están lonxe. Nese sentido, a novela tamén fala bastante sobre a espera a e sobre a ausencia. Era parte do obxectivo? Por que?

“A organización do territorio galego non encaixa no molde estatal imposto dende Madrid por Correos”
 

Na miña familia vivimos de cerca a emigración e sempre lembro a emoción de recibir as felicitacións de Nadal ou as chamadas telefónicas “de longa distancia”, que eran escasas debido aos prezos dunha conferencia internacional. Moitos dos nosos maiores, os que non teñen contacto con persoas máis novas, ficaron ancorados nesa época e aínda dependen dos sistemas tradicionais de comunicación. A carteira é a mensaxeira, a salvadora que supera as barreiras. Cando lle concederon á miña novela o premio Antón Losada Diéguez, na cerimonia de entrega achegóuseme unha carteira rural e explicoume que a miúdo era ela quen lles facía os trámites ás persoas maiores que vivían nas aldeas veciñas. 

Hai un ambiente de clasismo e machismo na propia estrutura de Correos tamén. Xefes mal educados, ignorantes, machistas, cheos de autoodio e desprezo polas súas subordinadas. Houbo ao respecto, en en xeral para escribir esta novela, un traballo de documentación? Como se fixo? (Seguramente algunha entrevista…)

“Para escribir a novela documenteime a conciencia e entrevisteime con carteiras –novas e veteranas– que me contaron o seu día a día”

Seguro que as persoas que están lendo esta entrevista acaban de pensar agora mesmo nalgún caso de acoso laboral que as toca de cerca. Por desgraza, isto sucedeu, sucede e sucederá na maioría de profesións ata que non cambiemos radicalmente a sociedade. E iso só se consegue educando as novas xeracións na igualdade, no eido escolar, mais tamén no familiar. 

Para escribir a novela documenteime a conciencia e entrevisteime con carteiras –novas e veteranas– que me contaron o seu día a día. En Correos dáse a particularidade de que se produciu unha forte feminización do persoal, igual que no caso da Administración pública. Na novela, a carteira ten medo nalgunha situación na que se atopa soa na rúa ou cando ten que subir a algún bloque de apartamentos. Pero tamén é acosada na oficina. Unha situación extrapolable, penso, a outros sectores laborais. 

Hai unha personaxe, Fanatika, que representa a alienación da traballadora escravizada, fronte á protagonista da novela, que polo menos sábese escravizada, aínda que quizais non faga nada para mudar esa situación -é parte da lóxica de mudar de traballo constantemente–. Quixeches remarcar tamén iso, as dinámicas que se crean para que a xente non proteste? 

“Cando sabes que o teu contrato vai durar poucos días ou semanas, despois dunha xornada maratoniana non te vas esforzar en consumir enerxía para protestar”

Cando sabes que o teu contrato vai durar poucos días ou semanas, despois dunha xornada maratoniana non te vas esforzar en consumir enerxía para protestar. Ao contrario, gardas esa enerxía para sobrevivir. Sempre tes a esperanza de que o próximo contrato será mellor, pero é un círculo vicioso baseado no autoengano. Fanátika representa o prototipo de traballador ou traballadora competitiva, cunha concepción cristiá da abnegación e do voluntarismo, que pensa que debe amar o seu traballo e entregarse á empresa para obter recoñecemento social. 

E non importa se para os seus fins ten que humillar a outros. A miúdo, este tipo de profesionais sofren problemas fóra do traballo que os levan a converter o espazo laboral no seu refuxio. As empresas aprovéitanse destas persoas, comunmente chamadas “adictas ao traballo”. A súa adicción é semellante a outras máis recoñecibles como as drogas, o alcol ou o xogo. Necesitan axuda psicolóxica, pero ninguén as auxilia. Son moi útiles para o sistema, que as usa sen compaixón. Son odiadas –e usadas– polo resto do persoal e menosprezadas polos xefes, conscientes de que sempre as poden espremer algo máis.

Algo máis que queiras comentar?

Hai un proxecto para traducir este ano a novela ao inglés, así que espero que, en breve, A carteira forme parte do mundo literario anglosaxón, unha cultura que tradicionalmente lle prestou moita atención a esta profesión. Coma sempre, quero agradecerche a lectura fonda e intelixente que fas das miñas novelas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.