Carteiros rurais de Ourense denuncian "desamparo" e "presións de caciques" na recollida do voto por correo

Un carteiro, durante o reparto CC-BY-NC-SA CIG

O procedemento do voto por correo está regulado pola lei e, no caso das eleccións xerais do 20-D, pode ser solicitado ata o 10 de decembro e entregado ata o día 16. Ambos trámites deben ser realizados presencialmente nas oficinas de Correos agás supostos de enfermidade ou outro tipo de dificultades xustificadas con certificado médico e poder notarial, nos que pode ser xestionado por unha terceira persoa. Esta dinámica funciona sen maiores problemas en múltiples ámbitos urbanos e vilegos, pero persoal de Correos advirte que non sempre é así ou, cando menos, que isto non sucede con garantías en amplas zonas rurais da provincia de Ourense, onde existen carteiros que din sentirse "desamparados" e mesmo "presionados polos caciques".

Nos últimos días, explica o carteiro Miguel  Núñez, delegado da CIG en Correos de Ourense, o persoal vén de recibir, como noutras ocasións, unha instrución interna que os autoriza a recoller "ao paso", isto é, durante os seus repartos, o voto por correo das persoas que o soliciten. Neste período, sinala en conversa con Praza Pública, os carteiros rurais pasan a ser considerados "unha especie de oficina ambulante unipersoal" que pode realizar prácticas habituais noutros tempos, com recoller un paquete ou un xiro e "despois, facer a admisión" ao chegaren á oficina

Unha instrución interna faculta os carteiros para recoller o voto por correo "en marcha": "dannos a condición de médicos ou notarios, temos que certificar que as persoas están en condicións para votar"

Mostra de que esta é unha "práctica que se fai en contadísimas ocasións" é que, por exemplo, "xa non se nos dá o selo" para certificar os envíos "en marcha". "Non nos dan ferramentas para traballar" pero, explica este traballador, outórgaselles "a condición de médicos ou notarios" que deben "certificar que unha persoa está en condicións de emitir o seu voto". Aínda por riba, di, mediante "ordes moi xenéricas dinnos que collamos o voto aberto", sen selo "ni recibo", e que completen o trámite nas instalacións de Correos, no caso de Miguel, unha oficina auxiliar -unha oficina rural de Correos, con horario reducido-.

"Témonos que ver en pelexas continuas cos caciques"

Á "indefensión" ante a burocracia, resalta, engádese outra: a que padecen fronte ás "presións". Algúns destes carteiros, asegura, "témonos que ver en pelexa continua cos caciques". En concellos como "Lobios, Bande ou Entrimo" algúns carteiros optaron por "darse de baixa" en período electoral para evitar episodios "con tipos seguíndoos nun coche, imposibilitándolles o labor, acosándoos" ou instándoos a achegarse "á porta da casa dun moribundo" ou "dun incapacitado" para "collerlle o voto". Este xeito de proceder, afirma, agudízase en municipios nos que, en eleccións municipais, "por poucos votos caeu algunha alcaldía" historicamente controlada polo PP.

"Os carteiros rurais estamos abandonados dende hai moitos anos e só se lembran de nós cando hai eleccións", relata o traballador ante unha problemática que "cónstanos, non acontece no resto do Estado". Para evitar todos estes episodios os carteiros precisan máis "ferramentas" para traballar con seguridade pero, sobre todo, salienta, "o normal sería que, como no resto do Estado, tivesen que vir ás oficinas" para tramitar o voto por Correo coa documentación correspondente.

Un carteiro, durante o reparto CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.