A publicación no BOE da convocatoria das eleccións xerais implica tamén a posta en marcha dos prazos para os diferentes trámites ligados aos comicios do 20 de decembro, entre eles, o voto por correo. Dadas as datas nas que se celebran os comicios, nas proximidades das festas do Nadal, é previsible que a actividade postal das datas faga especialmente recomendable non agardar ás datas límite para completar os trámites, que se poden iniciar dende este mesmo martes. Estas son as principais datas a ter en conta para exercer o sufraxio postal:
Malia tratarse dun voto a distancia, indicado para quen non poidan achegarse ao seu colexio electoral na xornada das eleccións, a normativa vixente indica que tanto a solicitude como a entrega da documentación do voto por correo debe realizarse de maneira presencial. Existe, non obstante, unha excepción: as persoas que padezan unha enfermidade ou discapacidade temporal ou permanente poderán delegar os trámites, sempre e cando quen realice a solicitude e entrega no seu nome estea autorizada "notarial ou consularmente" e amose un certificado médico oficial.
Para quen resida temporalmente fóra do Estado español os trámites son máis complexos. Para exercer o dereito ao voto cómpre estar inscrito no Rexistro de Matrícula dun consulado como "non residente", trámite que se pode realizar no mesmo momento en que se recolla, na propia oficina consular, a solicitude de voto por correo, tamén dispoñible na web do Ministerio de Exteriores. Unha vez entregada a solicitude no consulado -entre o 27 de outubro e o 21 de novembro-, a Oficina do Censo debe remitir a documentación e as papeletas entre o 24 e o 30 de novembro, e o electorado ten que enviar o seu voto por correo certificado e urxente entre o 30 de novembro e o 16 de decembro.