Os recortes en Correos afondan na falta de servizos no rural galego

Dous traballadores de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

A posible desaparición das oficinas auxiliares de Correos agrava os problemas derivados dos recortes do servizo postal en Galicia, especialmente nas zonas rurais. Advertírono xa a CIG e o Sindicato Libre de Correos, que ven na eliminación de diversos medios técnicos un primeiro paso para un plan de supresión definitiva destes espazos que son claves para as localidades máis pequenas. As novas iniciativas da compañía poñen en alerta tamén ás administracións, como a Deputación de Lugo, que vén de adiantar unha moción na que esixe a "paralización do desmantelamento do servizo de Correos da provincia" tras denunciar tamén o continuo recorte en persoal. 

Os servizos de mantemento de Correos están a eliminar medios técnicos imprescindibles das oficinas auxiliares

Foi a principios deste mes cando, segundo a CIG, os servizos de mantemento de Correos recibiron ordes para eliminar o máis axiña posible as balanzas franqueadoras que hai na maioría destas oficinas, o que implica que non se expenderán as estampas de franqueo nin se darán os recibos xustificantes polos envíos. A ausencia destas máquinas de franqueo implica, xa, que os clientes teñan que recorrer ás oficinas centrais ou que os traballadores teñan que recoller as cartas, franquealas na central e deixar o recibo na repartición un día despois na repartición. 

No caso de que se prosiga, como denuncian as centrais, co previsto peche de 52 oficinas auxiliares en Galicia, as consecuencias serían importantes tanto para os traballadores de Correos como para os usuarios. Suprimiríanse 50 postos de traballo e, como di Serxio Martínez, secretario nacional da CIG-Correos, "a poboación á que serven terá que desprazarse varios quilómetros até a oficina máis próxima, tanto para depositar envíos como para recibir certificados, notificacións ou paquetería, aquela da que os carteiros e carteiras pasan a lista cando a persoa destinataria non se atopa no domicilio á hora do reparto”. 

A falta de medios impide facer trámites aos usuarios e o peche das oficinas implicaría que se desprazasen varios quilómetros para depositar envíos ou recibir certificados

Estas oficinas auxiliares en perigo atenden, principalmente, zonas rurais, afastadas de núcleos importantes e con poboación maioritariamente de avanzada idade. O seu peche, de confirmarse, "atende exclusivamente a criterios de rendibilidade económica, esquecéndose totalmente da rendibilidade social”. Desde a CIG lembran qe Correos ten encomendado por lei a prestación do Servizo Postal Universal e por facelo polo que recibe anualmente unha subvención do Goberno por ser servizos deficitarios. "Insistimos en que non se pode deixar desatendida a unha grande parte da poboación das zonas rurais”, advirte a central. 

 

Moción da Deputación de Lugo

A perda de servizos por parte de Correos nas zonas rurais galegas é unha constante desde hai xa tempo. As críticas chegan desde os sindicatos e usuarios, pero tamén desde as administracións. Este mesmo luns, o goberno da Deputación de Lugo anunciou que presentará moción ao pleno do martes na que esixe a "paralización do desmantelamento do servizo de Correos da provincia" e que se "restitúan as máis de 29 prazas suprimidas". Así, advirte tamén da redución de horarios en case todas as oficinas e a imposibilidade de enviar paquetería, "obrigando a poboación a trasladarase ás oficinas principais para este tipo de envíos", segndo en ocasións os propios Concellos os que asumen a titularidade do local.

A Deputación de Lugo esixe a "paralización do desmantelamento de Correos na provincia" e que se "restitúan as máis de 29 prazas suprimidas" 

O vicevoceiro provincial do PSOE, Pablo Rivera Capón, e o vicevoceiro provincial do BNG, Antonio Veiga, presentaron esta iniciativa pola que demandan ao Goberno do Estado, concretamente á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, que "restitúa nos concellos da provincia os servizos suprimidos durante os anos 2013, 2014 e 2015" e á Xunta "que realice as xestións necesarias ante o Executivo central para recuperar esta prestación, así como o seu persoal nas mesmas condicións".

Segundo a Deputación lucense, nos últimos cinco anos destruíronse entre 13.000 e 14.000 postos de traballo de Correos en todo o Estado. Na provincia, a supresión oficialmente foi de 29 prazas e, actualmente, "a previsión é recortar outras 11". De comparar censos de persoal no territorio de Lugo, entre persoal laboral e funcionario destruíronse 121 empregos nos últimos dous anos e non se está a contratar persoal temporal para substitucións nos períodos vacacionais. 

Tal e como lembra a institución provincial, en comarcas coma a da Mariña, a de Lugo ou a de Sarria "estanse a suprimir reparticións e persoal en zonas rurais". Unha problemática, a das localidades afastadas de grandes núcleos de poboación, que leva anos denunciándose. 

Moto de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.