Pierre corre A Diagonal dos Tolos, unha carreira case suicida, na illa Reunión, para gañar o dereito a recibir a súa herdanza e fuxir dun pasado familiar que doe. No mesmo lugar, e noutro tempo, o escravo P. loita por sobrevivir mentres o perseguen os seus amos. As vidas de ambos están unidas pola historia colonial. Diso fala A Diagonal dos Tolos (Galaxia), a obra coa que Santiago Lopo gañou o VIII Premio de Narrativa Breve Repsol.
A Diagonal dos Tolos cóntanos dúas carreiras: a de Pierre, por poder herdar a casa familiar, e a de P., escravo fuxido para salvar a vida. Cal é a relación entre ambos?
Tentei deixar unha conexión aberta, para que cada lector e lectora tire a súa conclusión. Aínda así, nas últimas 10 páxinas do libro desvélase o misterio que quizais os una. Para adiviñalo cómpre ler moi atentamente esas páxinas, xa que a solución pode pasar desapercibida. Porén, ese segredo tamén está presente ao longo da novela, como constatarán os lectores e lectoras que resolvan o enigma.
"Hoxe en día estamos a pagar o prezo dos erros dos nosos devanceiros. A nosa situación de caos político internacional provén directamente dos imperios coloniais"
Afástaos o tempo, achégaos a historia. Pierre é fillo dun ultraconservador racista, ao que seu pai lle prohibira ter unha relación cunha mestiza. P. é un escravo obrigado e torturar e matar outros escravos. En que sentido é, a novela, reflexión sobre a pegada do colonialismo na sociedade actual?
Hoxe en día estamos a pagar o prezo dos erros dos nosos devanceiros. A nosa situación de caos político internacional provén directamente dos imperios coloniais, das divisións xeográficas con tiraliñas e do despece territorial dos tratados de “paz”; en resumo: o reparto do pastel. Na novela reflectín ese mundo da burguesía europea que aínda hoxe posúe o poder económico nos departamentos e territorios de ultramar franceses. Das 6 cidades máis pobres de Francia, 4 están na Reunión, cunha taxa de pobreza do 40%, incluídas a capital Saint-Denis e a segunda cidade en importancia, a capital histórica Saint-Paul. A taxa de paro na illa é dun 30%, cifra que se duplica nos menores de 25 anos. As bandeiras da Unión Europea que vin alí, a 35 graos de calor e entre palmeiras, ondeaban ao vento cunha grande obscenidade.
"A taxa de paro na illa é dun 30%, cifra que se duplica nos menores de 25 anos. As bandeiras da Unión Europea que vin alí, a 35 graos de calor e entre palmeiras, ondeaban ao vento cunha grande obscenidade"
A carreira, a Diagonal dos Tolos, existe. Por que escolliches esta historia como punto de partida?
Todo naceu nunha viaxe que realicei no ano 2012 ao océano Índico. Unha das persoas que eu coñecía en Reunión estaba adestrándose para participar na carreira. Durante a miña estadía na illa puiden visitar e facer algún treito de La Diagonale des fous, camiñando, e podo asegurar que é unha auténtica tolemia. Nalgunhas partes do percorrido, os precipicios producen tanta vertixe que moitos participantes prefiren pasar de noite, iluminando o camiño só coas súas lanternas frontais, sen ver as profundidades dos abismos que se abren a esquerda e dereita. Producíronse varias mortes de corredores nos últimos anos, e agora os organizadores queren controlar un pouco máis a capacidade atlética das persoas que deciden emprender esta aventura. Cómpre recordarmos que o centro da illa é inaccesible por estrada, e os rescates teñen que se facer en helicóptero. Por certo, o 4 de febreiro o volcán chamado “Piton de la Fournaise”, que se atopa na illa e é un dos máis activos do mundo, entrou de novo en erupción. A Diagonal tamén pasa por aí.
"Nalgunhas partes do percorrido, os precipicios producen tanta vertixe que moitos participantes prefiren pasar de noite, iluminando o camiño só coas súas lanternas frontais, sen ver as profundidades dos abismos que se abren a esquerda e dereita"
Ao pouco de comezar a novela cítase a Murakami e o seu Do que estou a falar cando falo de correr. Son seres humanos que proban os límites da súa resistencia física e mental. De que foxe Pierre? (Se cadra do feito de ser “fillo bastardo” dun imperio desaparecido, como el di)
É certo. Pierre foxe dun pasado paterno que o ten apreixado por unha cláusula testamentaria. El pensa, se cadra inxenuamente, que ao finalizar a carreira todo rematará, para ben ou para mal. É unha derradeira fuxida cara adiante. Pode parecer cousa doutras épocas, pero non é así. As parellas mixtas aínda supoñen un problema nos sectores máis conservadores da sociedade, e non temos que ir ao océano Índico para nos decatar. Aquí tamén pasa, por desgraza.
"Por fortuna, e malia toda a violencia que se exerceu contra eles, a identidade dos escravos sobreviviu. Vémola na lingua propia da illa (o crioulo), na música, na arte e tamén na ordenación do territorio"
A Pierre só a súa avoa lle contara a historia da escravitude na illa. A música maloya, salientas, estivo prohibida. É un dos exemplos dos intentos de despoxar os escravos da súa identidade. É o que quixeches salientar, das relacións dos colonos cos escravos?
Por fortuna, e malia toda a violencia que se exerceu contra eles, a identidade dos escravos sobreviviu. Vémola na lingua propia da illa (o crioulo), na música, na arte e tamén na ordenación do territorio. Moitos topónimos de zonas inhóspitas levan o nome de escravos fuxidos que se estableceron alí. Escapaban cara aos lugares máis inaccesibles da illa para evitar seren atrapados. Hoxe, as aldeas que fundaron están habitadas polos descendentes daqueles marrons ou cimarróns, os que fuxiron ás cimas. Actualmente, eses pobos seguen tan illados que reciben os víveres por helicóptero, xa que, como indiquei antes, ata aí non chegan as estradas.
Canto ao maloya, non houbo prohibición expresa -escrita nunha lei-, pero si que se detiña as persoas que participaban nas xuntanzas para tocar música e bailar. Despois da Segunda Guerra Mundial, o estado francés temía que no medio dun proceso de descolonización xeneralizado, a Reunión tamén optase pola independencia. Así que calquera sinal identitario era rapidamente reprimido. O Partido Comunista Reunionés (PCR) entendeu que defender a tradición era unha maneira de rebelarse contra o estado francés, e moitos militantes foron perseguidos. Esta situación rematou durante a presidencia de Mitterrand. O 20 de decembro de 1848 é a data na que se aboliu a escravitude na illa (8 meses máis tarde que na metrópole). En 1982 Mitterrand asinou unha lei que declaraba o 20 de decembro día festivo no territorio da Reunión. Esa conmemoración supuña, por fin, recoñecer implicitamente o sufrimento que padecera a illa, era unha capitulación simbólica do establishment. As radios empezaron a emitir música autóctona, permitíronse as xuntanzas para bailar e unha parte da poboación descubriu unha realidade que se mantivera na clandestinidade.
"A Diagonal sitúa a Reunión no mapa do running internacional, pero temo que a masificación destes eventos deportivos acabe por aniquilar unha proba lendaria"
A carreira é tamén un espectáculo mediático, e un negocio alimentado polas apostas. Nese sentido, parece que hai algo no libro de crítica á instrumentalización da dor por parte das cámaras. Era parte da intención?
O negocio non son tanto as apostas, que utilicei sobre todo coma recurso literario, senón a afluencia de corredores que veñen de fóra da Reunión e o show mediático que se organiza ao redor. Para a illa, a carreira é crucial debido á actividade económica que xera. Igualmente, a Diagonal sitúa a Reunión no mapa do running internacional, pero temo que a masificación destes eventos deportivos acabe por aniquilar unha proba lendaria, que supón para os reunioneses un símbolo identitario moderno do que se senten orgullosos. Por outra banda, o reality continuo forma parte, tristemente, da nosa sociedade. Mais debemos subliñar que cando se fala de deportes extremos, o lado exhibicionista sae a miúdo do propio individuo, e non tanto dos medios de comunicación. Se entramos en Youtube veremos unha chea de vídeos gravados por amantes do risco con minicámaras GoPro.
O estado físico de Pierre lévao a soños e alucinacións que nos mergullan noutros mundos, algúns conectados co pasado da illa. Interesábache máis iso, a viaxe de cada un dos personaxes cara a si mesmo?
A introspección axudoume a que o libro non consistise só na competición, senón á historia faltaríalle peso. A loita interna dos personaxes supera ás veces o sufrimento propio do esforzo físico. Pero esas imaxes oníricas non aparecen por arte de maxia: son froito da deshidratación ou prodúcense debido á toxicidade (a miúdo letal) da flor da datura, un estramonio tropical que abunda por toda a illa, e que, por certo, xa vin ornamentando algún xardín na nosa terra. Coidadiño con achegarse moito a cheirala, porque dependendo da variedade, o propietario da planta podería empezar a ver que os seus ananos de xardín dan en falarlle.
"Quixen evitar unha historia de bos e malos, non desexaba quedar na simpleza do bon sauvage. A vida non é tan sinxela; temos contradicións, luces e sombras, e un lector intelixente sábeo"
Os colonizadores que andan detrás de P. son absolutamente crueis, racistas… Mais en parte dos escravos da túa novela habita a mesma mentalidade que nos colonizadores, porque eles escravizaron e venderon outras etnias. Iso é parte da realidade histórica mais, dalgún xeito, quixeches subliñar a complexidade do fenómeno da escravitude e o colonialismo nesa fase?
Quixen evitar unha historia de bos e malos, non desexaba quedar na simpleza do bon sauvage. A vida non é tan sinxela; temos contradicións, luces e sombras, e un lector intelixente sábeo. Como adoito facer nas miñas novelas, documenteime a conciencia. O bo de Francia é que a burocracia sempre foi un dos seus fortes. Consultei as actas do Consello da Illa, obras escritas por expedicións de naturalistas e libros dos séculos XVII e XVIII que narraban as primeiras experiencias de colonizadores e sacerdotes. As sentenzas asinadas polo gobernador da Île Bourbon arrepían a calquera, pero non moito máis que as que coñezo da Guerra Civil en Galicia. Con isto quero dicir que a violencia non é un problema de época, grupo étnico, cultura ou ideoloxía. A crueldade é inherente ao ser humano, e así continuará ata que a especie se extinga.
"É normal que a globalización entre na literatura; ademais, hoxe en día Internet facilita o traballo de documentación. Porén, eu sigo pensando que coñecer os sitios dos que un fala é unha axuda suplementaria para interesar o lectorado"
Carme, a moza galega de Pierre, é a conexión da novela con Galicia. Cres que hai maior tendencia nos escritores máis novos a situar as súas historias fóra do país? Por algún motivo especial?
É certo que algunhas das escritoras e escritores máis recoñecidos dos últimos tempos (Iolanda Zúñiga, Berta Dávila, María Reimóndez, Marcos Calveiro ou Alberto Ramos, entre outros) ambientaron algunha novela no exterior ou presentaron personaxes foráneos, como fixen eu; pero tampouco é algo novo, que llo pregunten ao sochantre de Pontivy... No meu caso particular, vivín no estranxeiro e sempre que podo viaxo a lugares que me atraen, canto máis afastados e virxes mellor. Ás veces esas zonas do planeta aparecen nas miñas obras (por exemplo Islandia, a Bretaña, o Quebec e agora a Reunión, a 10.000 quilómetros de Galicia). É normal que a globalización entre na literatura; ademais, hoxe en día Internet facilita o traballo de documentación. Porén, eu sigo pensando que coñecer os sitios dos que un fala é unha axuda suplementaria para interesar o lectorado.
Os argumentos dos escravistas amosan visións que, se cadra, non están tan afastadas do discurso antiinmigración actual. Son vagos e inútiles, din. Prefiren a festa que traballar. É parte do obxectivo do libro facernos pensar niso?
A ignorancia provoca que o ser humano tema a diferenza, e procure aniquilala ou dominala para utilizala ao seu favor. Todas as sociedades tiraron partido doutras nalgún momento. Mesmo dos propios paisanos. Calquera que teña emigrantes na familia (e eu téñoos) sabe que moitos galegos emigrados abusaron doutros galegos que acababan de chegar ao mesmo país, porque canto mellor coñeces unha cultura, mellor sabes manipulala. A historia repítese unha e outra vez, e a nosa sociedade non é mellor que as anteriores. Tentamos ser máis civilizados, pero abonda con botarmos unha ollada aos xornais para descubrirmos que os avances son esnaquizados polo odio, o racismo, a intolerancia e a cobiza.
"A ignorancia provoca que o ser humano tema a diferenza, e procure aniquilala ou dominala para utilizala ao seu favor. Todas as sociedades tiraron partido doutras nalgún momento. Mesmo dos propios paisanos"
Como en Hora zulú, a mestura de realidade e fantasía artella o relato, e tamén inflúe no estilo. Fainos dubidar de cal é a realidade… É un modo de cuestionar unha realidade bastante louca á que nos leva o modo no que vivimos?
Penso que neste libro non mesturei tanto realidade e fantasía, agás nas pasaxes oníricas xa mencionadas. En Hora zulú ou en Game over, si que xogaba con este tipo de situacións. Necesitariamos moito espazo para definir o que é a realidade, e tampouco me considero un experto na materia. Eu creo que a nosa vida é unha mestura de sensacións subxectivas, de fantasía real e de realidade fantástica. Aconteceume unha anécdota coa miña novela Peaxes, que está escrita en primeira persoa. Alguén comentou ao ver unha foto miña que non lle estrañaba nada o tema do libro. Segundo el, eu era un dos empregados que traballaban na peaxe de Rande. Dicía que me vía a miúdo na cabina.
"Necesitariamos moito espazo para definir o que é a realidade, e tampouco me considero un experto na materia. Eu creo que a nosa vida é unha mestura de sensacións subxectivas, de fantasía real e de realidade fantástica"
Hora zulú, Game over e Peaxes tiñan unha estrutura máis fragmentaria. Nesta altérnanse as dúas historias, Pierre e P. Como pensaches a estrutura? Tamén hai un narrador que o conta todo, bastante diálogo…
Quería reproducir a sensación de correr. Vanse alternando, como nunha competición na que se pasan o testemuño. Procurei que o ritmo fose áxil e que enganchase. Non quería aburrir o lector cunha chea de datos ou descricións interminables ao estilo “guía turística”. E aínda así, unha das cousas que máis valoran as críticas é a plasticidade das imaxes. Tracei un camiño compartido que atravesa o espazo e o tempo, nunha das illas máis fermosas do mundo.