Non só os homes destacaban, na Idade Media, na arte de trobar. Na lírica provenzal, as mulleres tiveron un protagonismo non desdeñable, aínda que moitas veces esquecido. Santiago Lopo trata este tema na novela coa que vén de gañar o premio Xerais, na que lírica medieval galega e provenzal se atopan. A primeira, no seu tempo de auxe. A segunda, cando esmorece pola invasión do rei francés.
Escolliches falar do século XIII e das líricas galega e provenzal por algún motivo especial? Algo terá que ver co reu oficio de profesor de francés...
Pois realmente foi porque miña irmá, María Lopo, domina moito o tema da lírica provenzal. É, de feito, doutora en literatura francesa. Foi ela quen me falou das trobairitz provenciais, que eran trobadoras da nobreza. Nalgúns códices medievais aparecen as súas cantigas e miniaturas. O problema é que aquí, en Galicia, non temos referencia histórica das trobadoras, agás María Balteira, que foi etiquetada como soldadeira…
"Miña irmá foi quen me falou das trobairitz provenciais, que eran trobadoras da nobreza"
A historia que nos contaron dela afástase dos propios rexistros históricos. Luz Pozo Garza, por exemplo, achegouse a esta figura, pero pouco sabemos dela. Nin temos máis referencias… Por iso escollín o século XIII, que é o tempo en que a lírica provenzal entra en declive porque o rei francés, apoiado por condes e duques do norte de Francia, invade o sur coa excusa de que había unha herexía, a cátara, coa que debían acabar.
Referencias sobre esas trobadoras indican ademais que eran mulleres, como diriamos hoxe, empoderadas. Nunha sociedade menos desigualitaria do que podemos pensar pola época da que se trata…
Son mulleres da nobreza, claro, como dicía. De todas maneiras, tampouco temos que idealizar a situación. Elas tamén foron bastante esquecidas. Algunha utilizou tamén un nome masculino e, en xeral, non é fácil atopalas. Polo demais, non é só que as súas cantigas estean moi ben e que elas fosen esquecidas. É que de aí sae o amor cortés, o código no que un home se “humilla”, coma un vasalo, diante dunha muller, situación que aínda hoxe para moita xente resultaría difícil de entender. A muller, si, está nunha posición de poder.
Mais o código de amor cortés foi revisado nese sentido. Como un xeito de obxectualización das mulleres. A dama de clase superior como obxecto sublime, inalcanzable e mesmo perigoso…
Si, de feito no libro hai elementos que amosan a contradición que podía haber entre o amor cortés e a realidade… Móstrase esa idealización da que falabamos.
Ademais do das mulleres trobadoras e o seu lugar na historia, o tema de fondo do libro podería ser a resistencia cultural, que tamén estaba na túa obra anterior A diagonal dos tolos.
Hai varios temas de fondo, realmente. Evidentemente, a resistencia cultural está presente ata a última palabra do libro, porque unha potencia militar invade un país enteiro. Chamáronlle, ademais, cruzada, utilizando tropas que estiveran na cruzada de Oriente, soldados xa instruídos na guerra. A Inquisición medieval comeza, precisamente, para reprimir os cátaros, moitos dos cales foxen polos Pirineos. Eran refuxiados, como poden ser agora os sirios, e como lembrei no acto de entrega dos Xerais.
"A resistencia cultural está presente ata a última palabra do libro, porque unha potencia militar invade un país enteiro"
Outro tema que está moi presente é o de xénero. Eu non son ninguén para pontificar sobre iso, pero quería que a persoa que lea o libro se enfronte aos prexuízos sexistas desde o outro lado, que é internamente. Desde a súa propia reflexión sobre como nos condicionan. Porque a comprensión da novela vai depender das ideas de cadaquén sobre as relacións de xénero. Quero que o lector se decate de que os seus prexuízos de xénero marcan a súa comprensión da novela, porque estamos mediatizados por uns determinados modelos e roles.
Elvira é unha das principais personaxes. María Balteira ten quizais un papel máis secundario…
Cando son personaxes históricos prefiro non profundizar moito neles porque xa temos unha imaxe prefixada deles. Na miña novela saen algúns personaxes históricos, pero a maioría foron creados por min. A María Balteira pásalle algo importante... En canto a Elvira, é unha muller que nun principio ninguén sabe de onde vén… Chega un momento no que un grupo de artistas galegos que están no Camiño atópanse con Elvira, que os acompaña… E así comeza unha serie de intrigas nas que eles se ven inmersos.
Lírica galega e provenzal encóntranse no Camiño de Santiago…
Realmente non é que fagan o Camiño de Santiago. Non quería ser reiterativo niso, porque o Camiño xa foi bastante novelado. Pero si fan un anaco do Camiño, unha parte dos Pirineos. Mais non é que se vaia contando o Camiño por etapas nin nada así.
En A Diagonal dos Tolos tamén había un camiño. Dous corredores…
Si, pero aquí o camiño non é tan central. Non é o importante. O importante é o que lles acontece aos personaxes…
O xurado definiuno coma unha novela de aventuras. Estás de acordo?
Si, e ademais estou moi contento e moi agradecido de como tratou o xurado o meu libro, da reseña tan completa que fixeron… É de aventuras, si, pero tamén de vivencias humanas moi fondas. De vivencias de tipo artístico, sentimental…
"É unha novela de aventuras, si, pero tamén de vivencias humanas moi fondas"
En canto a como está escrito, o xurado salienta o ritmo áxil, a escrita clara, a trama sorprendente… Pode haber tamén niso conexións coas túas anteriores novelas.
Si, está escrita de maneira semellante. Xoga ao contrapunto, con diferentes tramas relacionadas e con personaxes moi definidos e outros que non o están tanto. Uns personaxes amosan directamente o que son e outros van cambiando… E si, tentei que fose un ritmo áxil, que un capítulo leve a ler o seguinte... , sen descoidar a parte literaria.
Unha das cousas coas que máis tiven que lidar foi co xeito de introducir a información histórica. Non quería que cortase a narración. Por iso fun deslizando os datos en certas partes do texto… Mais non por iso deixa de ser ficción, aínda que haxa rigor nos datos históricos que recolle.
É o tempo do auxe das cantigas…
Si, e outra cousa que podemos contar -non quero contar moito para non desvelar demais-, é que leva cantigas galegas e provenzais. Para as galegas, fun ao cancioneiro. Hai, por certo, dous personaxes que foron reais, pero dos que non sabemos case nada, que son os trobadores Nuno Porco e Joán Servando. Da lírica provenzal tamén escollín algunhas cantigas. Cosa galegas non había problema porque se entenden pero, para que as provenzais non supuxesen dificultades nese sentido, ideei un recurso literario… É unha tradución correcta, pero miña. Quero dicir, que podería facerse mellor, que eu non son experto. As cantigas están, así, na novela. Pero tampouco son moitas.
Sobre a lírica medieval galego-portuguesa faláronnos na escola… Mais se cadra está máis tratada na música que na literatura actual… Manuel Portas falou do tema...
Manuel Portas trata o tema en Lourenço, xograr, si. A novela de Portas saíu cando eu estaba escribindo a miña novela. A verdade é que pensei en abandonar, en tirala ao lixo… Pero penso que os dous tratamos o tema de xeito diferente.
"A verdade é que pensei en abandonar a novela, en tirala ao lixo"
Portas tamén imaxina como era un personaxe que existiu, Lourenço. E tamén reflexionaba sobre o tema do amor provenzal, á senhor que non debía nin nomear. Un amor “de plástico”, dicía, en contraposición co amor das cantigas galegas, con mulleres máis reais.
Si, fala da vida de Lourenço e ademais tamén aparece na súa novela María Balteira. A de Portas é unha boa novela mais, como dicía, o libro del e o meu son diferentes no tratamento que damos ao tema. Eu céntrome máis nos dous espazos, na lírica galega e na provenzal.
Por outra banda, eu penso que moitas persoas das que vaian ler a novela van quedar sorprendidas, por exemplo, coas cantigas de maldizer. Para quen xa as coñeza non será así, claro, pero, pensando sobre todo nos novos lectores, penso que pode ser para eles unha descuberta. Ademais de axudarlles a ver, alén da beleza das cantigas, que xa se falaba coma hoxe…
Cando estará publicada a novela?
Para o outono. Ademais, vai cadrar co tempo no que o Pergamiño Vindel estea en Vigo. Xa o dixen cando recollín o premio, que era especialmente significativo para min. Igual que o foi recibir o premio na illa de San Simón…
Estarás contento co premio, non si?
Moi contento, claro. É un premio moi importante que me reafirma na miña traxectoria de escritor…