Fillas de Cassandra, Arancha Nogueira, Isabel Garrido, Elba Souto, Inma Veiga, Ana Gayoso, Laura Camino Plaza, Ánxela Fernández Callís, Esther Estévez, Laura LaMontagne, Sara Seco, Andrea Maseda, Coral Piñeiro, Carlota Ducottet, Paula Jorge, Carmen del Río, Nicole Grueira e Cristina Incio del Río falan en primeira persoa sobre o que descubriron grazas ao movemento feminista
"Os feminismos non poden ser un termo vacío, un slogan de campaña, unha marca comercial, deben ser a idea e praxe que nos leve a transformar o mundo na súa totalidade", sinalan desde a Marcha Mundial das Mulleres, que baixo o lema Feminismo organizado para varrer o patriarcado! chama este 8M á organización das mulleres para facer xuntas unha revolución.
Unha revolución permanente que ten que seguir poñendo o foco na igualdade efectiva no só no Día Internacional da Muller, senón todos e cada un dos días do ano. E unha revolución que precisa da implicación de toda a sociedade. En Praza quixemos dialogar coas xeracións de mulleres máis novas do país para achegarnos ao que lles aportou o movemento feminista nas súas vidas, tanto no persoal como no laboral e colectivo.
Fillas de Cassandra, Arancha Nogueira, Isabel Garrido, Elba Souto, Inma Veiga, Ana Gayoso, Laura Camino Plaza, Ánxela Fernández Callís, Esther Estévez, Laura LaMontagne, Sara Seco, Andrea Maseda, Coral Piñeiro, Carlota Ducottet, Paula Jorge, Carmen del Río, Nicole Grueira e Cristina Incio del Río. Un total de dezanove mulleres menores de 35 anos que falan en primeira persoa sobre aquilo que descubriron grazas ao feminismo neste tempo, cando van seis anos da primeira folga feminista no Estado español.
Elas salientan a importancia de poder nomear os seus sentimentos e, así, saber que as súas reaccións ante moitas circunstancias non son individuais, senón máis ben compartidas. Moitas chegaron a referentes nos seus campos laborais a través do feminismo e iniciaron procesos internos para estar máis a gusto consigo mesmas, no contexto dun sistema patriarcal cunhas obrigas e deberes insostibles para as mulleres. Sitúan o movemento feminista como punto de encontro e tamén como guía para o que queda por facer.
Carmen del Río, xornalista en Carretando e parte da cooperativa Xacias
O feminismo aportoume unha visión crítica, teño sempre presente que nós estamos en desigualdade a respecto dos homes en todos os ámbitos da nosa vida. Máis alá das relacións de parella, o feminismo axudoume a ser consciente de que cando chego a un sitio ‘a norma’ é que estou en desigualdade e axudoume a ver como tiña que reaccionar ante iso. Pode parecer sinxelo, pero evidentemente non o é. No eido laboral falamos moito entre nós da síndrome da impostora e de como temos que tirar para adiante coas nosas ideas e propostas porque erros os cometemos todas, pero aplicalo a unha mesma é moi complexo. Nos últimos tempos, esta visión feminista axudoume a facer cousas que me producían medo, a rachar con esas barreiras que me poñía e dar pequenos pasos.
É difícil porque no sector da comunicación recibes chamadas para participar en cousas nas que che din abertamente que te chaman porque faltan mulleres. Cabréame moito que me digan que me chaman só para cubrir unha cota e ver que practicamente non teñen referencias sobre min e o que teño feito. A miña resposta adoitaba ser negativa, non tanto por castigo a quen me fai a proposta, senón porque a síndrome da impostora aumenta con estes exemplos. Pero nestes últimos meses obrigueime a dicir que si e participar nesas cousas porque é positivo para o meu futuro laboral e moitas son interesantes, pero tamén polas que veñen detrás: pensei que teño que ocupar estes espazos nos que ás veces son a única muller e me sinto incómoda rodeada de homes, pero tense que ver que as mulleres tamén podemos estar aí e facelo ben. E así, quizá para outra vez chámanme por min e non para cubrir unha cota feminina.
Ademais, grazas ao feminismo decateime de que son máis esixente coas mulleres que cos homes. Sempre esperaba máis dunha rapaza que dun rapaz. Por exemplo, das artistas mulleres esperaba que foran máis reivindicativas; pero é que tamén me pasaba coas miñas amigas e compañeiras con respecto aos amigos e compañeiros.
Arancha Nogueira, poeta
O que me descubriu o feminismo foi a capacidade de poñer en palabras algo que eu sentía dende había moito tempo, moito antes de saber que tiña nome. As palabras o que che dan é a posibilidade de falar un idioma, e cando se fala un idioma non o falas só ti, senón que tamén o falan outras. Polo tanto, non só me deu a oportunidade de conceptualizar aquelas cousas que dende pequena xa notara que non eran xustas, que non estaban ben, que me producían unha sensación incómoda no estómago e que non sabía dicir porque non tiña aínda palabras para elas; senón que tamén me permitiu compartir esas sensacións e inxustizas con outras e ver que eu non era a única que as sofría. Creo que só dende a colectividade se poden mudar as cousas, calquera cousa, a transformación parte sempre de que exista un idioma común e iso foi o que me deu o feminismo: o idioma de todas as mulleres.
Talvez un dos nosos retos como feministas sexa incorporar a ese idioma outras xergas, como poden ser a xiria das feministas racializadas, a xiria das feministas trans e a xiria das feministas discapacitadas. Agora que son unha persoa que padece unha enfermidade crónica, que ademais é unha enfermidade rara, vexo que moitas feministas do meu arredor aínda carecen de palabras que pórlle a esta situación que a min me pasa, este é o maior reto que temos por diante aínda que polo menos xa dispoñemos dalgunhas palabras para seguir camiñando xuntas. Compartimos un idioma que cada vez fala máis xente. Para min, que son escritora, o feito de que o feminismo me descubrise palabras non é baladí porque me puxo en contacto co material co que traballo e do que me nutro. Non poder poñerlle palabras a algo é tremendamente frustrante, precisamente por iso só a comodidade de poder conceptualizalo e falalo foi xa un conforto xigantesco.
Arancha Nogueira: "Creo que só dende a colectividade se poden mudar as cousas, calquera cousa, a transformación parte sempre de que exista un idioma común e iso foi o que me deu o feminismo: o idioma de todas as mulleres"
Isabel Garrido, actriz
Penso que grazas ao feminismo me descubrín a min mesma e aprendín a descubrir e ver o mundo dunha maneira totalmente distinta. A relación que teño comigo mesma e cas miñas amizades cambia totalmente dende que existe esa idea de cuidar de nós, de todas, de poder existir nunha imperfección e non en sentirnos obrigadas a encaixar en roles e modelos nos que se nos leva atando durante tanto tempo.
Non sei como levaría absolutamente todo o que me sucede se non tivese esa rede de compañeiras para suxeitarme. Como figura pública e muller, a presión sobre nós é abafante, sobre todo no nivel do físico. Atácasenos moito máis mentres se nos esixe unha perfección imposible. Chega un momento que a cabeza non dá para máis, que a nivel emocional e mental tes que romper, porque acadar a perfección ou tan sequera intentalo, non só é esgotador, pero e que é fulminante. É aí, nese lugar de vulnerabilidade, de desesperación, onde as armas do feminismo e da sororidade nos elevan. Ai, as amigas, as compañeiras de vida, de traballo, quen se non elas para suxeitarnos, para facernos entender dunha maneira real e honesta que a perfección non só é un imposible, senón que ata resulta fantasiosa, creada para vernos caer, non existir. Síntome orgullosa de seguir este camiño, onde as veces resulta case imposible avanzar pero que sen el non seriamos nada.
Sen dúbida, o que descubrín grazas ao feminismo son elas. As mulleres. A súa compañía neste camiño é o que fai que toda a dor paga a pena. Traballar xuntas é un privilexio.
Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal
O feminismo deume a defensa e a loita por unha utopía na que camiñar activamente para acadar un horizonte que nos faga mellores colectivamente como sociedade e tamén como persoas. É a oportunidade para construírmos un futuro mellor. Dito doutro xeito, o futuro será mellor se é feminista, senón non será.
O feminismo é unha das prioridades transversais en todas as acción do goberno no Rosal. Como alcaldesa, traballar na igualdade real como prioridade estanos a permitir descubrir un novo mundo de progreso colectivo. Descubrimos mulleres impresionantes que estaban relegadas ó anonimato ou silenciadas e que explican, en gran medida, o que somos e quen somos como pobo, a través do seu traballo e da súa memoria viva. Mulleres que revolucionaron mentes en época pasadas e presentes. O feminismo estanos a permitir traballar en iniciativas avanzadas, creativas e innovadoras que son un exitazo coma os “Cafés en Igualdade” nos que debatemos sobre todo tipo de temáticas con profesionais e con todas as franxas de idade. Con eles rachamos estereotipos, tabús e ideas preconcibidas e camiñamos nesa sociedade igualitaria que tanto desexamos.
A igualdade real é moito máis que un dereito ou un obxectivo social para as mulleres e os homes, é a garantía dunha sociedade máis democrática, libre, respectuosa, equitativa, xusta, con igualdade de oportunidades e consciente. As mulleres e homes debémoslle o feminismo a todas as nosas devanceiras, avoas, mulleres que loitaron e que loitan día a día diante da sociedade patriarcal e machista na que vivimos.
Laura Camino: "Ser feminista tamén permite saberse parte da historia e procurar crear epistemoloxías máis xustas, que teñan en conta o papel de todas as mulleres de todos os tempos e lugares"
Laura Camino Plaza, investigadora na Facultade de Filoloxía da USC e co-fundadora e socia da Asemblea de Investigadoras de Compostela
O feminismo, para min, foi como atravesar un valado co que acceder a un camiño que xa non se pode desandar. Adquirir conciencia feminista implicou poñerlle nome por vez primeira a moitas cousas que aínda non nomeaba simplemente porque non lles sabía o nome, non porque non as sentise no corpo ou no corazón. A medida que ía avanzado por ese sendeiro que o feminismo abría ante min, ía entendéndome mellor a min mesma, pero tamén o mundo que me rodeaba. Fun así aprendendo que moitas cousas que me producían dor, rabia ou medo, ou que simplemente me parecían inxustas, tamén lles causaban o mesmo a outras mulleres. E grazas ao feminismo conseguín nomear o que xa practicaba desde había tempo, coa voz muda das que non posúen a palabra, pero a levan pendurada da lingua: a sororidade. Feminismo e sororidade son as palabras do dicionario que máis me emocionan, sen dúbida ningunha.
Anos despois o meu traballo levoume a investigar sobre as mulleres do pasado e a aplicar a perspectiva de xénero no meu día a día, o que me fixo ser máis consciente da xenealoxía de mulleres que nos antecederon e me axudou a conectar cun legado do que me sinto tremendamente orgullosa e que sempre buscarei transmitir. Porque ser feminista tamén permite isto: saberse parte da historia e procurar crear epistemoloxías máis xustas, que teñan en conta o papel de todas as mulleres de todos os tempos e lugares.
Elba Souto, música, cantante e produtora musical
Miña nai contoume que cando tiña catro ou cinco anos cheguei un día moi desgustada. Acababa de ler nun conto como Mickey lle dicía a Minnie que as mulleres non podían ter un negocio. Miña nai tranquilizoume e díxome que ese libro estaba mal, que eso non era verdade. Converteuse sen darse conta no meu primeiro referente de feminismo. Claro que, nesa época, eu non tería nin idea do que era o feminismo, sempre pensei que sería algo natural o de ter as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos ca un home. Foi a medida que fun crecendo cando fun descubrindo que non todo o mundo opinaba o mesmo e o necesario que era e segue sendo. Dou grazas aos meus pais por terme criado desa forma e por converterme nunha muller independente e autosuficiente en todo o que me propuxera.
Hai moitos debates abertos dos que podería falar, quero deixar claro que para min isto nos inclúe a todas e todes, non só dende a perspectiva branca, cis ou neurotípica, pero con respecto ao que a min me toca tal vez máis de preto, que é a música e o son, aínda nos queda moito por facer para ser recoñecidas como algo máis que intérpretes e compositoras. Tamén somos produtoras musicais, hai máis das de que se pode pensar de primeiras e moi boas. E tamén somos técnicas de son ou Djs. Non temos por que aguantar que o primeiro día do Ciclo de Son un home diga conscientemente diante nosa que a eles se lles dá mellor que a nós, nin que se poña en dúbida o noso labor como produtoras, nin que se nos explique que é un ecualizador ou un mixer sen telo pedido ou sen vir a conto de nada.
Inma Veiga: "Como creadora, o feminismo ensinoume a importancia da representación e da inclusión"
Inma Veiga, creadora audiovisual e picadiscos
O feminismo chegou para desmantelalo todo e ningún lugar volveu ser habitable da mesma forma. Entrou na miña casa, nas miñas relacións interpersoais, nos filmes que consumía, nos libros que lía, na forma xeral de percibirme e entender o mundo… É algo que cando se mira non se pode deixar de ver. Como creadora, o feminismo ensinoume a importancia da representación e da inclusión. O mundo da arte é un dos sectores nos que máis máis se silenciou as mulleres e outras disidencias ao longo da historia e, dentro da Academia, o seu papel está infrarrepresentado. Da mesma forma, o mundo do Djing é tamén un ámbito súper masculinizado –paradigma que afortunadamente está cambiando nos últimos tempos, grazas o labor do activismo político dentro do mundo do club, e da aparición de colectivos FLINTA [siglas de mulleres, lesbianas, intersex, trans e axénero], queer e feministas, a pesar de que aínda falte moito camiño por andar–. Considero moi necesario ter referentes e facer unha revisión das estruturas que sosteñen estas realidades desde unha perspectiva feminista interserccional, antirracista e anticapacitista, así como é crucial por parte das promotoras programar de forma consciente tendo en conta estas desigualdades.
Ademais, o máis importante que me descubriu o feminismo é a importancia dos coidados e entender as amigas como unha estrutura política e organizada, sentíndonos todas xuntas nun contexto de conciencia e interdependencia. As amigas son as que conteñen e acompañan cando a violencia machista nos fere. Con elas construímos redes protectoras para saír de noite e son quen esperan espertas a túa mensaxe de chegar a casa. Son de quen máis aprendo, quen máis me axuda a deconstruír o meu pensamento, e o meu espazo de contención. As miñas amigas cóidanme máis que calquera institución e isto ten moito que ver co feminismo, para min foi súper revolucionario entendelo desta forma. Como di miña amiga Elenita: ti fai puenting sen corda que nós vamos estar abaixo para recollerte.
Sara Seco: "O feminismo ensinoume que nunca podes baixar a garda, porque o machismo e a violencia machista sempre están presentes e son moito máis rápidos ca ti"
Sara Seco, xestora de proxectos en A Mesa Pola Normalización Lingüística e creadora de contido dixital
Aínda que pareza un gran tópico, unha vez que miras o mundo coa ollada feminista, xa nada volve ser igual. Comezas a cuestionarte todo o que está ao teu redor, reparas que o teu mundo, no que te pensabas libre, non o é tanto.
O feminismo ensinoume que nunca podes baixar a garda, porque o machismo e a violencia machista sempre están presentes e son moito máis rápidos ca ti. Fíxome reflexionar sobre todas as violencias que recibín ao longo da miña vida que non percibira como tal, en todos os privilexios que teño grazas á loita das que viñeron antes e na importancia de non abandonala para que as nenas que nazan hoxe sexan un pouco máis libres do que o estou a ser eu.
No tocante á creación de contido, o feminismo ensinoume canto lles molesta aos homes que unha muller faga contido en galego, e que se te posicionas politicamente, automaticamente es gorda e fea, aínda que teñas a bandexa de entrada chea de "piropos" e "proposicións" da mesma persoa da semana anterior. Queren que sexa un mundo de homes, pero grazas a todo o que nos ensinou o feminismo, non o será.
Laura LaMontagne, música, cantante e poeta
O primeiro que recordo reflexionar sobre o feminismo, é que me descobre que hai palabras, hai discurso para a realidade que vivo, para aquilo que pasa primeiro polo corpo.
Púxolle verbas ao cotiá, á dor de barriga que de pequena sentía cando a misoxinia era posta en marcha. Púxolle verbas a ese malestar, a ese "estar alerta", púxolle verbas aos abusos dos homes e á impunidade da súa violencia.
Descubriume que teño dereitos, que son meus pero que a outras llos debo. Fíxome consciente da miña individualidade. Descubriume que teño unha herdanza máis valiosa e máis basta que calquera xoia ou casa. Unha xenealoxía que me invita a non calar, a seguir loitando contra as inxustizas, os cativerios e a desigualdade que ás mulleres nos fai sufrir o patriarcado.
Apenas comezo a descubrir o incansable traballo de mulleres que plantaron pequenas ou grandes sementes, tanto no pasado coma no presente.
Andrea Maseda: "Cuestionarse é o camiño principal para conseguir unha sociedade máis xusta, inclusiva e segura"
Andrea Maseda, creadora audiovisual e xestora cultural
O feminismo aportoume capacidade crítica e descubriume un novo enfoque, outra forma de entender e relacionarme co mundo máis amable e con menos culpa. Un novo espazo no que reflexionar e pensar máis alá do normativo, dos prexuízos tóxicos e das dinámicas machistas hereditarias que ata ese momento asumira sen cuestionamento. É dicir, axudoume a desaprender todos aqueles estereotipos limitadores que dende que nacín –nunha identidade reducida administrativamente a muller cisxénero– se me impuxeran como norma, sen deixar lugar para o meu propio pensamento e desenvolvemento persoal.
Moitas veces odiei á Andrea dos 15, 17, 20... anos, aquela que non o fixo de todo ben. Hoxe abrázoa e reconcíliome con ela porque agora sei que eu non tiven toda a culpa, pois non podía facelo moito mellor nun sistema opresor que moi intelixentemente nos entretén competindo e xulgándonos entre nós, para evitar que nese tempo aprendamos a cuestionar e atopar respostas cara ás actitudes inxustas e restritivas que atopamos ao longo da nosa vida. Eu non quero ter que aprender a defenderme, se non que ninguén me ataque, e para conseguir iso considero que o acceso á información –dende ben crianzas– é prioritario, xa que sen unha correcta comunicación e sensibilización nestas cuestións socioculturais –tamén políticas e económicas, todo vai da man– non vexo posibilidade real de conseguir cambios profundos e transversais no sistema.
Co feminismo estou aprendendo a ser libre, e a expresar esa liberdade sen complexos, sen medo e coa autoestima alta. Cuestionarse é o camiño principal para conseguir unha sociedade máis xusta, inclusiva e segura. E falo en presente porque isto segue sendo unha carreira de fondo, un proceso de transformación persoal continuo, pero tamén compartido, porque a voz de mil xuntas resoa máis que o berro dunha soa.
Esther Estévez, comunicadora e presentadora do Dígocho Eu na TVG
O que me descubriu a min o feminismo principalmente foi que eu soa podo chegar onde eu queira. De pequenas escoitamos e normalizamos certas cousas que nos facían vernos pequeniñas. Para min os anos de universidade foron cruciais para medrar e aprender moitísimo sobre o feminismo e, aínda que sempre escoitaremos algún que outro comentario que non vén a conto, eu hoxe síntome unha muller independente e moi orgullosa de min mesma. O feminismo ensinoume a valorarme e a non poñer límites nos meus obxectivos.
Coral Piñeiro: "O feminismo axudoume a ver o talento de moitísimas mulleres e aproximarnos de forma máis humana á vida"
Coral Piñeiro, cineasta
O feminismo axudoume a ver o talento de moitísimas mulleres e aproximarnos de forma máis humana á vida. Penso que o saber ligado ás emocións e á intuición foi menosprezado durante moito tempo pero é esencial para á sociedade, especialmente en ámbitos como o creativo onde conectar coas emocións é clave.
Nicole Grueira, estudante de Ciencias Políticas na USC, concelleira e portavoz do PP en Pol e presidenta de Novas Xeracións
O feminismo visualiza unha sociedade comprometida coa igualdade de xénero, onde todas as persoas independentemente do seu sexo, teñen as mesmas oportunidades e son tratadas con respecto e equidade en todos os ámbitos, sen discriminacións nin barreiras.
Podemos ver como aquí, na nosa terra, o goberno galego mantén un compromiso firme coa igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, coa loita contra a violencia de xénero, coa erradicación da brecha salarial, coa empregabilidade de mulleres vítimas da violencia de xénero, coa promoción do emprendemento femenino… En Galicia as mulleres somos unha prioridade.
É importante salientar que garantir a plena igualdade require o traballo e o compromiso de todos e todas, independentemente da súa ideoloxía.
Ana Gayoso, xornalista
O feminismo foi e é para min a man que me sacou o pano dos ollos. Mais tamén é un pequeno recordatorio, unha alarma que teño posta e que me lembra canto queda por facer aí fóra, canto queda dentro de nós por mudar. En cada xesto, en cada afirmación.
O feminismo é a posibilidade de cambio. A posibilidade de mudar as cousas para facelo mellor. O feminismo descubriu ante min un mundo machista que precisa educación, con firmeza, con pasos cada día.
Charline Ducottet: "Axudáronme moito mulleres que escribiron libros sobre a sexualidade, como empoderarse desde o propio corpo e que é o pracer feminino"
Charline/Carlota Ducottet, labrega de orixe francés, cooperativa Fillas da Terra
Despois dos meus estudos en Francia souben que quería dedicarme á agroecoloxía e cando me mudei a Galicia, pensei en que me dedicaría a facelo aquí en Pontevedra. Hai dous anos creei no Morrazo a cooperativa Fillas da Terra con outra socia e empecei a cultivar hortalizas de temporada e a facer formacións arredor da agroecoloxía.
Crieime en Francia nunha familia na que me apoiaron moito a nivel persoal e profesional, penso que tiveron unha apertura mental que lles permitiu deixarme libre. Daquela eu non sabía moito de feminismo pero pola miña maneira de vivir considérome unha muller afortunada que puido cumprir co que quería facer na vida ata o de agora, sen obstáculos familiares polo menos. Son europea, branca e heterosexual, e veño dunha familia de clase media, polo que creo que son unha privilexiada. O único tema que foi máis tabú na miña familia foi o da sexualidade. Diría que descubrín o feminismo ao rematar os meus estudos e comezar a traballar. Axudáronme moito mulleres que escribiron libros sobre a sexualidade, como empoderarse desde o propio corpo e que é o pracer feminino. Isto era novo para min e axudoume a empoderarme como muller.
Inspírome en mulleres que traballaron e traballan a terra e nas que comezaron coa agricultura ecolóxica, como a xefa que tiven o tempo que traballei na investigación das sementes campesiñas. Chamoume a atención que as campesiñas sempre estiveron moi invisibilizadas, aquí tiven a sorte de cultivar con mulleres moi comprometidas e entrei en contacto co Sindicato Labrego Galego e a súa secretaría da muller, coa que fixemos un libro coas testemuñas de moitas delas, A fala da terra. Labregas.
Paula Jorge: "Hai que loitar moito a diario e non deixar de educarnos nunca, porque falta moito"
Paula Jorge, creadora de contido dixital
Grazas ao feminismo dinme conta co pechadas que temos as mentes. Moito se di ‘é que antigamente...’, pero non hai que ir tan atrás, nin moito menos. Non hai que ir nin un mes atrás para comprobar que temos os ollos súper pechados, que hai unha mentalidade súper pechada e que precisamos inculcar valores igualitarios e de equidade. Basta con mirar os comentarios nas redes sociais, as persoas que están detrás diso poden ser José Luis que ten sesenta anos e está na súa cada aburrido ou José Miguel que ten dez anos e está poñendo auténticas barbaridades. Segue sendo unha loita deixar claro que o feminismo non é o contrario do machismo, a min discutíronmo hai non tanto. A xente ten que buscar información en fontes fiables porque senón é imposible porque lles din que a Terra é plana e aínda hai quen o cre.
Isto prodúceme moito respecto porque sendo muller, negra e galega parece que teño todo o pack, xa se fose tamén lesbiana non che digo. Hai que loitar moito a diario e non deixar de educarnos nunca, porque falta moito. Nos centros educativos ten que haber aprendizaxes sobre isto e, en primeiro lugar nas familias. Nos círculos socias de todas hai exemplos de parellas nos que vemos comportamentos que non se poden permitir. Antigamente tolerábanse moitas cousas, pero hoxe os homes manteñen comportamentos que demostran unha falta de educación impresionante. Imos seguir loitando porque depende de nós, depende de como lle inculquemos isto ás novas xeracións a árbore seguirá medrando.
Fillas de Cassandra, músicas
María SOA
O feminismo achegoume un novo xeito de relacionarme coas mulleres e comigo mesma. A posibilidade de non ter que someter a xuízo ás miñas compañeiras só pola presión da sociedade de ter que establecer unha comparativa constante para ser mellor, estando en constante competición coas amigas. Explicoume (o feminismo) a comparación entre as relacións que eu establecín con elas e as que estableceron os meus compañeiros entre eles, cunha liberdade de poder ser como son e estar tranquilos sen visións externas só polo feito de ser homes.
Pasa o mesmo coas relacións afectivo-sexuais, nas que moitas veces as decisións se toman dende esa presión de ter que ser de certa forma, e comigo mesma, aprendín a non ter vergonza e actuar ante a vida de xeito libre, tal e como son.
Sara Faro
Descubrín o feminismo na adolescencia e foi para min unha ferramenta de (auto)coñecemento transversal que mudou a miña visión do mundo e, especialmente, a miña forma de habitalo: a relación coa miña imaxe, o tipo de vínculos que estabelecía, os meus límites, as expectativas do que podía ser e lograr, etc. Foi como redescubrilo todo, coñecer unha realidade que sempre estivera aí e á que eu permanecera allea. Máis que violetas púxome uns lentes ultravioletas. Descubriume as experiencias das outras mulleres, tan semellantes ás miñas, e liberoume da culpa ao facerme entender o carácter político do que me acontecera na intimidade. Axudoume a pórlle nome ás violencias, a sinalalas, a comprender e sandar. Todo o que fixen despois (incluíndo o proxecto de Fillas) estivo intrinsecamente ligado ao que me descubriu o feminismo.
Sara Faro: "Máis que violetas púxome uns lentes ultravioletas"
Cristina Incio del Río, arqueóloga e investigadora no Incipit do CSIC
Resúltame difícil explicar o que me aportou o feminismo porque cambiou a miña forma de entender o mundo e ás persoas, de entenderme a min e ás relacións. Pero hai algo moi relevante a día de hoxe para min, e é que o feminismo fíxome coñecer e valorar un montón de cousas que as mulleres teñen feito ao longo da Historia e que non se empezaron a poñer en valor ata o feminismo as puxo sobre a mesa. Por exemplo, toda a produción artística, intelectual e cultural dun montón de mulleres que eu descoñecía. De pronto dinme conta de que só lía libros escritos por homes porque eran os valorados pola literatura universal, cando hai un montón de autoras incribles e marabillosas que supuxeron para min unha redescuberta do mundo enteiro. E tamén me axudaron a valorar o que non é valorado desde un punto de vista privilexiado ou hexemónico dos homes. O outro día lin unha cita da escritora Mariasun Landa que dicía que se historicamente os homes tiveran feito ganchillo e bordado, actualmente habería museos dedicados a isto. É tal cal así. Ás veces parece que só valoramos o que fan os homes e queremos emulalo, e non é así, ao revés, temos que cambiar a mirada e valorar todo o que temos feito as mulleres na Historia. Dáme moita alegría saber das cousas incribles feitas por mulleres no mundo.