A escavación da aldea de Silvaescura devolve o orgullo polo seu patrimonio á veciñanza da Terra de Montes

Escavacións na aldea de Silvaescura (Forcarei) © Rubén Vuelta-Santín (INCIPIT-CSIC)

A tese da arqueóloga do CSIC Cristina Incio del Río devolve ao mapa a aldea de Silvaescura, no municipio de Forcarei, que estivo habitada durante máis de tres séculos e que servirá para estudar os cambios nas casas do rural galego

Tanto estudar para acabar co sacho en Silvaescura”. Máis de sesenta anos despois, mulleres que hoxe pasan dos oitenta ven como rapazas moi novas volven aos espazos nos que elas pasaron fame e frío, onde ían traballar a terra de nenas porque era o que tocaba, cos mesmos instrumentos, aínda que distintas tarefas. Agora o sacho serve para axudar nas escavacións que volven poñer no mapa a aldea de Silvaescura, en Forcarei, que non estaba perdida, só esquecida.

O límite entre o monte de Soutelo de Montes e o de Trasdomonte, moi preto dun río, foi historicamente unha zona de paso. A xente da zona lembra que ían botar centeo ou patacas, pero co tempo foise abandonando. Daquela xa había unhas estruturas deshabitadas que deron pé a contos sobre pestes e outras desgrazas, xustificacións do seu abandono. “As señoras máis maiores de Soutelo contáronnos como elas pasaban por alí cos carros dos bois buscando o toxo para facer o estrume para as cortes dos animais. As casas alí xa estaban en ruínas, pero sendo elas pequenas, arredor dos anos corenta, xogaban alí ás casiñas”, di Cristina Incio.

A arqueóloga Cristina Incio del Río nunha visita guiada coa veciñanza da zona © Incipit

A arqueóloga Cristina Incio del Río traballa no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, onde prepara a súa tese de doutoramento acerca do impacto da modernidade no rural galego a través das vivendas domésticas. Desde a arqueoloxía da idade moderna e contemporánea, menos visible no país, reivindican que o discurso principal sobre o mundo rural simplifica a súa historia e evolución.

“Temos que desmontar a idea de que no rural a xente viviu máis ou menos igual dende o feudalismo ata o capitalismo. Reivindicamos que houbo cambios nestas casas que non foron estudados. A etnografía ten estudado as casas labregas e tradicionais, pero non se lle dá un contexto histórico. Nós reivindicamos que houbo cambios nestas casas, pero que non foron estudados, como si pasou no caso das igrexas, dos mosteiros ou das vivendas da nobreza como os pazos. Porén, non hai feitas tipoloxías que nos digan como eran as casas comúns do rural nos diferentes séculos”, explica Incio, que con esta tese inaugura unha vía máis para investigar, á que agarda que se sumen máis profesionais con outros proxectos.

"Temos que desmontar a idea de que no rural a xente viviu máis ou menos igual dende o feudalismo ata o capitalismo", destaca a arqueóloga do Incipit

Silvaescura non ten nada de especial, destaca Incio, mais iso é precisamente o que a fai especial. “Non buscamos tesouros ou cousas exclusivas, o que nos interesa é saber como vivía a xente do rural, común e labrega. Podía ter sido calquera outra, pero temos que aprender a poñer en valor o patrimonio propio, aínda que sexa un patrimonio que non sexa exclusivo da túa vila”, aclara. Hai que rachar coa idea de que o único patrimonio é o monumental. Patrimonio é o que nós consideremos que é, e as casas onde vivían hai douscentos ou trescentos anos son quizá incluso máis patrimonio que os castelos porque son os nosos tataravós quen vivía nelas”, defende a arqueóloga do Incipit.

Na procura dunha ocupación doméstica con historia xa antes do século XX, un dos directores da tese, o arqueólogo Alfredo González-Ruibal, propuxo probar neste lugar de Forcarei. “A raíz de facer o proxecto de escavación revivimos as historias porque a xente maior comezou a falar e viñeron crianzas e xente moza. Cando chegamos nin se vía practicamente. É unha carballeira moi frondosa, chea de silvas e fieitos, que parecía a selva. Houbo que facer un desbroce importante e limpáronse todos os muros. Materialmente, visibilizamos o sitio”, conta Cristina Incio.

Escavación nos restos dunha das dúas casas que quedaron á vista en Silvaescura © Incipit

A aldea de Silvaescura aparece mencionada en dous documentos do século XVII, polo que coñeceron que pagaba o tributo ao mosteiro de Aciveiro, que data do século XII e foi o centro de poder na Terra de Montes ata o século XIX. O verán pasado comezaron os traballos sobre o terreo, identificaron dúas estruturas e un patio. “A cerámica máis antiga que atopamos é dos séculos XV e XVI, e ademais atopamos fragmentos de potes de tres pés (caldeiros de ferro). Isto demostra a ocupación doméstica do lugar durante bastante tempo porque estes potes non chegan ao rural galego ata mediados do século XIX. Empezáronse a fabricar en ferro en Inglaterra coa revolución industrial, antes eran de cerámica ou de bronce. Unha mostra máis de como os cambios económicos e históricos teñen un efecto na vida cotiá das persoas do rural”, detalla.

"A raíz de facer o proxecto de escavación revivimos as historias porque a xente maior comezou a falar", conta Cristina Incio, que leva dous anos traballando sobre Silvaescura

As vivendas de Silvaescura estiveron ocupadas ao longo de tres séculos, pero onde están o resto das casas da aldea? “É moi raro que unha aldea que paga tributos só teña dúas casas”, apunta a arqueóloga. Responder a esta cuestión foi un dos obxectivos da campaña de escavacións deste verán, enmarcada agora nun proxecto máis grande do arqueólogo David González Álvarez, o outro director da tese de Cristina Incio, que lles permitiu obter o financiamento necesario.

Por riba das casas escavadas hai unha ladeira da montaña chea de terrazas, moi grandes e moi evidentes, que son froito do traballo humano. “Temos a hipótese de que se fixeran para construír casas, pero este verán non tivemos tempo para escavar alí porque outra hipótese é que foran agrarias, para cultivar. Para ver iso utilizamos un aparello que se chama gradiómetro, que permite ver construcións baixo terra sen necesidade de escavalas; e efectivamente confirmamos que hai estruturas, pero só con iso non podemos afirmar que sexan de vivendas”, detalla Cristina Incio.

Cristina Incio del Río en Silvaescura © Incipit

O que si confirmaron este verán coas escavacións na zona das casas das que quedan os muros é que houbo dous niveis de ocupación alí, e que as casas tiveron máis dun andar. Unha das casas quedou completamente escavada e puideron realizar unha sondaxe arredor para coñecer como estaba construído no exterior: “Chegamos ao nivel da rocha nai e comprobamos que estaba moi traballada, aplanada e cortada para facer a cimentación das vivendas. Houbo un gran traballo de preparación da contorna para construír as casas, o que non é raro porque a Terra de Montes sempre foi unha zona de canteiros”.

Pero unha parte fundamental dos traballos arqueolóxicos en Silvaescura non ten nada que ver coa terra en si, máis ben con quen habita hoxe esas terras. “É fundamental que o traballo que facemos chegue á xente en xeral, pero sobre todo á veciñanza das vilas próximas”, asegura Cristina Incio, que desde o comezo das escavacións realizou visitas guiadas e este verán presentou os achados á xente da zona, que logrou identificar algúns fragmentos cerámicos grazas ás lembranzas da infancia. 

Manteñen a incógnita de onde están o resto das casas da aldea: "É moi raro que unha aldea que paga tributos só teña dúas casas"

“Moita xente maior non quería nin achegarse alí, isto é un patrimonio traumático dalgunha maneira. Non pasa só co da Guerra Civil, que tamén, pero aquí faltaba que fixeran as paces co pasado. Pasaron moita pena e moita fame pero sobreviviron, viviron e tamén o pasaron ben. É un orgullo e resulta fundamental poñer en valor todo o que traballou esta xente para que nós esteamos aquí a día de hoxe”, salienta a arqueóloga do Incipit.

A pegada social desta escavación entre a xente maior mostra as feridas abertas, mais tamén o interese das novas xeracións polo seu pasado. Mocidade da contorna recibiu informacións sobre os traballos en Silvaescura e tras unha visita ao instituto de Forcarei para explicar o proxecto, unha alumna escolleu facer un traballo sobre isto para unha das súas materias. “É moi bonito facer sentir orgullosa á xente do seu patrimonio”, confesa. Cristina Incio agarda volver escavar en Silvaescura o próximo verán para obter máis información da zona das terrazas. “O interese da veciñanza tamén nos anima a nós a seguir traballando”, celebra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.